Poderase cortar piñeiro e eucalipto en espazos protexidos sen necesidade de permiso da Xunta

Poderase cortar piñeiro e eucalipto en espazos protexidos sen necesidade de permiso da Xunta

Toradas de piñeiro

A Xunta permitirá cortar piñeiros e eucaliptos en espazos de especial protección (Rede Natura, parques naturais, humedais protexidas, ou paisaxes protexidas) só cunha notificación previa á administración, e sen necesidade de agardar a un permiso da mesma.

En concreto, o Consello da Xunta avaliou este xoves un informe polo que se inicia a tramitación do borrador dunha orde para axilizar os aproveitamentos forestais, nestes espazos. Para iso, as consellerías do Medio Rural, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e de Infraestruturas e Vivenda coordináronse para redactar unha serie de condicionantes cos cales, de cumprirse, unha corta de piñeiros e eucaliptos en réximes de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público podería levarse a cabo sen esperar un permiso da Administración.

Así, a aprobación das condicións sectoriais permitirá substituír a solicitude de autorización de aproveitamento polo trámite de declaración responsable. É dicir, non será necesario recadar o informe dos órganos sectoriais correspondentes, co recorte de prazos e custos que isto supón, sempre e cando o solicitante inclúa na declaración responsable o seu compromiso de realizar o aproveitamento axustándose ás condicións establecidas nos pregos que se aproban nesta orde.

Só para piñeiro, acacia e eucalipto

O aproveitamento madeireiro que se regula nesta orde afecta o piñeiro galego ou do país, o piñeiro de Monterrei, o piñeiro de Oregón, a acacia negra e o eucalipto. A Consellería do Medio Rural xa puxo en marcha a pasada primavera o novo sistema de xanela única para a autorización de cortas, a través do cal os propietarios teñen un único interlocutor coa Administración autonómica.

Comezouse, ademais, a aplicar o procedemento de declaración responsable para cortas de piñeiros e eucaliptos en espazos sen protección especial, de tal xeito que a acción resultaba inmediata sen necesidade de esperar por ningunha resposta da Xunta. Así mesmo, aplicábanse a autorización forestal única para todas as especies en espazos con protección.

Agora dáse un paso para que as cortas de piñeiros e eucaliptos en determinados espazos de especial protección se poidan realizar tamén a través dunha declaración responsable.

Vantaxes prácticas

Desde a entrada en vigor do visor de aproveitamentos forestais o 26 de abril, un terzo das solicitudes recibidas poderían beneficiarse deste novo cambio. Trátase de todas as cortas localizadas en rede Natura 2000 ou nas zonas prioritarias de especies catalogadas, na zona de policía da demarcación hidrolóxica Galicia Costa . Só estes espazos ocupan algo máis do 12% do territorio galego. Pero tamén afectará á zona de afección das estradas autonómicas ou das deputacións. Todas elas poderían pasar a tramitarse como declaracións responsables, unha vez aprobada esta nova orde.

Tendo en conta que anualmente tramítanse máis de 50.000 procedementos de autorización, dende a Xunta estima que unhas 16.000 solicitudes ao ano poderían pasar a tramitarse como declaracións responsable, axilizando moitísimo os aproveitamentos de piñeiros e eucaliptos en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público.

 “O sector madeireiro podería aforrar uns 1,7 millóns de euros só en taxas”

Deste xeito, dende o goberno da Xunta consideran que “se dá resposta a unha demanda histórica do sector forestal e dos propietarios de montes, que reclamaban simplificar o sistema de aproveitamentos forestais. Ademais, cúmprese con outro dos 30 puntos recollidos na proposta de acordo forestal” .

De feito, segundo traslada o propio sector, a inclusión da declaración responsable para terreo con e sen afección suporía un aforro só en taxas duns 1,7 millóns de euros. A esta cifra habería que sumar os custos de loxística e xestión que xa non terán que executar as compañías madeireiras e que poden chegar aos 6,9 millóns de euros. Polo tanto, as empresas de aproveitamentos forestais cren que, unha vez rematado o proceso de implantación de declaracións responsables en todos os supostos posibles, o impacto económico sería duns 8,6 millóns de euros que suporá unha mellora da súa competitividade e, pola súa vez, reverterá nos propietarios forestais.

MAPA_ENP_201703-page-001-725x1024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información