Piden á Xunta que compre mel galego para hospitais, residencias e comedores sociais

Piden á Xunta que compre mel galego para hospitais, residencias e comedores sociais

A Asociación Galega de Apicultura AGA trasladoulle ao conselleiro de Medio Rural, José González, unha proposta de apoio ó sector apícola galego neste tempo de crise, que consiste na compra de mel por parte da administración galega para abastecer a centros sanitarios, comedores sociais ou residencias de maiores, públicas ou concertadas.

“Este ano o mel galego envasado, especialmente baixo a IXP Mel de Galicia, está a ter unha forte demanda nos supermercados, xa que é , nestes momentos de pandemia do COVID 19, é un produto moi recomendado para manter unha boa saúde, pola mellora que supón para o sistema inmunitario e para combater enfermidades dos sistema respiratorio”, explica Xesús Asorey, voceiro de AGA.

Sen embargo, non ocorre o mesmo co mercado do mel a granel, producido principalmente na provincia de Ourense. “Este ano os prezos están moi baixos: se o ano pasado os importadores mercaban o mel galego a 5 euros o kilo, este ano baixaron a 3,5 euros o quilo, pola entrada masiva na Unión Europea de xarope e mel de China a prezos de ata 1,24 euros o quilo, co que moitos apicultores galegos decidiron non vender a súa colleita á espera dunha mellora do mercado a granel, que non se albisca nos vindeiros meses”, explica Asorey.

Neste sentido, e tendo en consideración a iniciativa da Consellería de Medio Rural, coa creación da canle “Mercaproximidade”, na que se indica a posibilidade de adquirir produtos agrogandeiros por parte da Xunta para o seu uso hospitais e outros centros de tipo social, dende AGA solicitan á administración galega “a compra dos nosos meles para os usos citados, que consideramos dun beneficio xeral para a sociedade”.

Reapertura dos mercados de proximidade

Outra medida de apoio fundamental para o sector apícola neste momento, así como tamén para o agrícola e gandeiro, sería, segundo AGA “que a administración autonómica considere a reapertura dos mercados locais, coas debidas medidas de seguridade sanitaria, xa que son ferramentas clave para garantir a sostibilidade da produción agrogandeira galega así como a dispoñibilidade de alimentos de calidade e proximidade por parte da poboación, asegurando así soberanía alimentaria do pobo, como se está reivindicando hoxe 17 de abril a través da celebración do Día Internacional das Loitas Campesinas á que AGA tamén se suma”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información