Piden á Xunta que autorice a caza con axexo do xabarín, como se fai en Cataluña

Unións Agrarias solicita que se autorice, coincidindo co inicio da campaña do millo, ir en busca dos animais que provocan importantes danos nos cultivos, "ante a insuficiencia do marco actual", que permite unicamente as esperas e as batidas

A maior parte dos danos prodúcense coincidindo coa campaña do millo, cando o xabarín está en veda

A maior parte dos danos prodúcense coincidindo coa campaña do millo, cando o xabarín está en veda

Unións Agrarias pide que se amplíen os métodos de control da fauna salvaxe, de maneira que nunha zona concreta, se poida ir en busca daqueles exemplares de xabarín que provocan danos nos cultivos para abatilos, algo permitido noutras comunidades, como por exemplo en Cataluña.

Só nun 10% das esperas se abaten xabaríns, polo que a organización agraria avoga por ampliar as vías de control de danos nos cultivos

O sindicato advirte da insuficiencia do marco actual de caza para obter un nivel axeitado de eficacia na prevención dos danos do xabaril e propón estender a modalidade de caza con axexo (tamén coñecida como recechos) aos métodos de control autorizables para o control de danos durante o período de veda. Neste momento só se permiten as esperas e as batidas.

A Xunta publicou a semana pasada no DOG novas condicións adaptadas ao estado de alarma polo coronavirus para a realización de batidas e esperas, que teñen que ser previamente autorizadas pola Consellería de Medio Ambiente. “A maior parte dos problemas danse pola falta de axilidade nas autorizacións de intervención por danos, que se demoran mentres os cultivos se ven reiteradamente atacados, pola falta real de colaboración dalgúns TECOR e Sociedades de Caza, e pola baixa eficacia da modalidade das esperas. As estatísticas da Xunta amosan unha eficacia destas últimas non superiores ao 10%, xa que o 90% das veces que se realizan esperas non se abaten animais, e non funcionan para alonxar as mandas de xabarís dos cultivos”, argumentan desde UUAA.

Vantaxes dos axexos

Trátase dun tipo de caza intermedia entre as esperas e as batidas, que combinan as vantaxes de ambos sistemas, xa que se poden realizar entre dous cazadores e no entorno das fincas con danos, pero con maior mobilidade que nas esperas, e non precisan dun gran despregue de cazadores e medios, como no caso das batidas pero serven igulmente para espantar á fauna salvaxe e evitar que se achegue ao entorno das fincas labradas.

Esta modalidade é moito máis efectiva e serve para espantar aos xabaríns para que non se acheguen ao entorno das fincas labradas

Esta modalidade de caza na prevención de danos, “pode ser aprobada pola Consellería de Medio Ambiente de inmediato, tería gran eficacia para reducir os danos do xabaril na agricultura e reducir a alarma social que provoca no rural galego”, indica Jacobo Feijóo, de UUAA.

Por iso, o sindicato reclámalle á Consellería de Medio Ambiente, que dirixe Ánxeles Vázquez, que autorice esta modalidade de caza, xa recollida na Lei 13/2013 de Caza de Galicia, de forma expresa para o xabaril, durante a época da veda e para o control de danos.

Danos por valor de 14 millóns de euros

UUAA demanda igualmente da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos do xabaril, de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade, e se garanta a colaboración da gardería de Medio Ambiente para que informen aos afectados e se involucren na busca de solucións nos casos en que o xabaril e o lobo afecten ás explotacións, poñendo en risco a súa viabilidade por baixas no gando no caso do lobo, ou por imposibilidade de obter rendementos viables nas parcelas de cultivo, no caso dos danos do xabaril.

É durante o periodo de veda do xabarín, de marzo a setembro, cando se concentran a maior parte dos danos na agricultura

Hai que ter en conta que é durante o período de veda de caza do xabaril, de marzo a setembro, cando se concentran a maior parte dos danos na agricultura, especialmente coincidindo coa campaña da sementeira do millo a entre maio e xuño, e posteriormente coa madurez da espiga a partires do mes de agosto. O millo forraxeiro que se cultivan en Galicia acada as 68.000 hectáreas, cunha produción de preto de 100 millóns de euros de valor, concentrándose nas comarcas de maior actividade gandeira.

Unións lembra que o xabaril, con máis de 3 accidentes de tráfico ao día nas estradas galegas, e máis de 14 millóns de euros ao ano en danos na agricultura, aumenta a súa incidencia cada ano que pasa, sendo unha clara ameaza a actividade de centos de familias no rural galego, que demandan solucións desde fai anos ante os reiterados danos provocados pola fauna salvaxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información