Piden que a Xunta faga cumprir a lei para que as ganderías podan ampliar a súa base territorial

Que o Banco de Terras funcione realmente como un axente mobilizador das terras abandonadas, que sexa a Xunta e non os concellos a que denuncie as plantacións forestais en terras agrarias ou limitar as axudas da Pac aos agricultores e gandeiros en activo, son algunhas das propostas do sector.

Piden que a Xunta faga cumprir a lei para que as ganderías podan ampliar a súa base territorial

Plantación de eucaliptos en terra agraria de concentración parcelaria

Entre 1999 e 2009 en Galicia abandonáronse segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (Ige) arredor de 49.000 hectáreas de Superficie Agraria Útil (Sau), unha cifra que os sindicatos agrarias elevan dende o 2009 ata a actualidade noutras 40.000 hectáreas, situándose a Sau en Galicia en pouco máis das 600.000 hectáreas, un 20% do territorio galego, unha das porcentaxes máis baixas de España e de Europa.

De feito, segundo os datos dun estudo elaborado pola Fundación Juana de Vega, unha das entidades máis activas no estudo da mobilidade de terras na Comunidade, en Galicia hai unhas 114.000 hectáreas de terras agrícolas abandonadas, das que 46.000 hectáreas son de máxima aptitude para a produción agraria.

Unha situación que, paradoxalmente, contrasta coa carencia de terra -con garantías xurídicas e cuns prezos de mercado- tanto para as explotacións gandeiras e agrícolas existentes como para as persoas ou empresas que desexan poñer en marcha proxectos de negocio no sector agrogandeiro.

Sirva como exemplo a necesidade que, segundo un informe do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Edelmiro López Iglesias, teñen as explotacións lácteas galegas de aumentar a súa base territorial nos próximos anos se queren reducir os custos de alimentación do gando e ser competitivas no mercado. En concreto, este experto considera “un obxectivo realista” e necesario que, mantendo a cabana gandeira galega en 350.000 vacas en muxido, as ganderías aumenten a súa base territorial nunhas 130.000 hectáreas nos próximos anos ata situarse nas 350.000 ha.

Neste sentido, consultamos a diversos representantes do sector para que ofrezan as súas propostas:

Roberto García (Unións Agrarias): “A Xunta non pode delegar nos concellos para que denuncien as plantacións forestais ilegais en terras agrarias”

Para o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, “nos últimos anos o peche de explotacións gandeiras levou a que se perderan máis de 90.000 hectáreas de Sau”. Segundo el, a falta dunha política por parte da Xunta para intervir sobre o uso da terra, “levou a que se incrementasen os custos das explotacións gandeiras que quedan, e a que en moitos casos se fixesen plantacións de eucaliptos neses terreos agrarios”. Unhas ilegalidades que, segundo critica o representante de Unións “a Xunta delegou nos alcaldes a iniciativa para denunciar, o que na práctica non fan porque a maioría dos seus votantes non son gandeiros”.

Ante esta situación, Roberto García reclama, por unha banda, que “a Xunta poña en marcha medidas fiscais que incentiven os arrendamentos das terras, e a uns prezos aceptables de mercado, que se correspondan co seu valor agrario”.

En segundo lugar, defende que “as axudas da Pac se destinen unicamente a agricultores e gandeiros en activo”. “En España o 30% dos perceptores das axudas da PAC son xubilados e pensionistas, que en moitos casos están interesados en manter as terras improdutivas, ou facer plantacións forestais nelas, e seguir cobrando as axudas”.

“É imprescindible para as explotacións gandeiras e agrícolas de Galicia aumentar a súa base territorial, pero para iso o goberno da Xunta ten que tomar medidas, e algunhas delas que poden ser impopulares, porque vai ser imposible quedar ben con todos”, conclúe Roberto García.

José Manuel Andrade (Fundación Juana de Vega): “Hai ferramentas legais para controlar os usos da terra, pero a Administración ten que facer que se cumpran”

O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, subliña que “neste momento xa hai mecanismos legais en Galicia para mobilizar as terras e poñelas a producir, pero falta vontade política para aplicar a lei”.

“A Administración autonómica xa ten ferramentas para ser ela a que faga o control do uso das terras; débese facer cumprir a normativa evitando a forestación de terras agrarias e hai que facer do Banco de Terras un elemento útil e áxil para mobilizar as terras agrarias en Galicia”, explica José Manuel Andrade.

Precisamente, como un dos principais obstáculos dos mozos e mozas que cada ano participan no Programa de Emprendemento da Fundación Juana de Vega, o seu director destaca o pequeno tamaño das fincas pero, sobre todo, que “segue habendo propietarios que son reacios a formalizar un contrato de aluguer das súas fincas, porque pensan que poden perder dereitos sobre a súa propiedade”, algo que espera que mude co cambio xeneracional.

Higinio Mougán (AGACA): “En Galicia é preciso un gran pacto social e un cambio cultural sobre o uso da terra”

O xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Higinio Mougán, considera que “en Galicia hai espacio suficiente para usos agrarios, gandeiros e forestais”. “Temos arredor de 400.000 hectáreas de monte baixo e de terras abandonadas que se poderían rendibilizar sen necesidade de facer plantacións forestais en terras agrarias”, subliña.

Neste sentido, tamén considera un erro que “se delegue nos alcaldes as denuncias das forestacións ilegais, porque ao final inhíbense para non buscar conflitos cos seus veciños e posibles votantes, que maioritariamente non se dedican á gandería e á agricultura”.

Para o xerente de Agaca o problema de fondo “é que en Galicia falta unha cultura de bo aproveitamento da terra”. “E logo a Administración autonómica -engade- debe ter a vontade política de poñer en marcha un sistema áxil para que non se foresten terras agrarias, evitando que haxa conflitos entre os habitantes do rural”.

Por último, Higinio Mougán tamén reclama que aos propietarios destes terreos se lle ofrezan alternativas á plantación de eucaliptos, que tamén lle supoñan un incentivo económico. “É certo que as ganderías precisan máis base territorial para ser competitivas, pero tamén que teñen que pagar un prezo razoable aos propietarios polo seu aluguer, o que non pode ser é que se estean a utilizar terreos a custe cero simplemente a cambio de telos limpos”, subliña.

Isabel Vilalba (Sindicato Labrego): “As axudas da PAC deberíanas cobrar únicamente os agricultores e gandeiros en activo”

Pola súa parte, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (Slg) defende a necesidade de que “a Xunta aprobe un plan de protección da terra agraria para que, como mínimo un terzo do territorio galego se dedique a usos agrarios ou gandeiros”. “Pasar dun 20% de superficie agraria útil a un 33% debería ser un obxectivo realista”, subliña.

Para a representante do Slg “é un contrasentido que en Galicia un dos principais obstáculos da xente nova que se quere incorporar ao agro sexa a falta de terra, ao mesmo tempo que hai miles de hectáreas abandonadas ou terras agrarias de calidade que se están plantando con eucaliptos ou dedicándose a usos extractivistas, como minas”.

Neste sentido, Isabel Vilalba, pide tamén un cambio na aplicación da PAC en España para que, ao igual que fixeron outros países, caso de Francia, as axudas se destinen exclusivamente aos agricultores e gandeiros en activo.

“O goberno español decidiu á hora de negociar a PAC que tamén beneficiase ás persoas non activas, de xeito que hoxe atopámonos co paradoxo de que moita xente nova que se instala no sector agrogandeiro percibe unha PAC mínima”, explica a secretaria xeral do Sindicato Labrego.

“A xestión dos fondos da PAC en Galicia e en España favorece que non se mobilice a terra para a xente nova que se incorpora e para as explotacións que están en activo e que precisan ampliar a súa base territorial”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información