Piden planificar xa a próxima vendima para anticipar as dificultades

Unións Agrarias entende que será preciso aumentar a capacidade de almacenamento das adegas. Demanda unha modificación da normativa dos consellos reguladores, de xeito que se lle poida dar saída a parte da colleita do 2019 o próximo ano

Publicidade
Piden planificar xa a próxima vendima para anticipar as dificultades

Adega. / Arquivo.

A prolongación da crise do coronavirus, tanto a nivel estatal como internacional, empeora o escenario para as adegas galegas, que se enfrontan a serias dificultades. Ante esa situación, Unións Agrarias advirte da necesidade de planificar xa a próxima vendima: “Hai que facer xa un estudo para valorar con que cantidades de viño nas adegas se pode chegar á próxima vendima e a partir de aí, obrar en consecuencia”, analiza o responsable vitícola de Unións Agrarias, José Ramón González.

A organización agraria entende que será preciso aumentar a capacidade de almacenamento das adegas, así coma unha modificación da normativa das distintas denominacións de orixe. “Se as distintas normativas ata agora autorizan pasar un máximo dun 15% de viño dunha campaña para a seguinte, iso haberá que cambialo e amplialo probablemente ata un 30% como mínimo”, defende González.

Unións é partidaria de que tódalas partes do sector se senten xa a falar, coa intermediación da Administración. “Non queremos chegar á próxima vendima con problemas de caída de prezos na uva ou de falta de capacidade nas adegas por unha ausencia de planificación”, reclaman desde a organización agraria, que tamén se pronuncia a favor de liñas de financiación para adegas e colleiteiros.

Medidas para paliar a baixada das ventas

Por outra banda, o conselleiro de Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha videoconferencia cos presidentes das denominacións de orixe (DO) do viño galego e das indicacións xeográficas protexidas (IXP) das augardentes e licores tradicionais de Galicia, así como co director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

Na reunión abordaron o impacto do estado de emerxencia sanitaria no desenvolvemento das actividades do sector. Dende os órganos das DO e IXP tramitaron distintas peticións para garantir as condicións de traballo e a actividade neste período excepcional. Tamén se trataron as novas axudas ás que poden acollerse tanto autónomos como pemes e a tramitación de reestruturación e reconversión do viñedo

O conselleiro informou sobre a nova liña de financiamento que sacou a Xunta destinada a inxectar liquidez a pemes e autónomos. Dende este xoves, as empresas e o colectivo autónomo galegos -como son as bodegas, cooperativas, industrias transformadoras, viticultores etc- poderán solicitar estes apoios para atender as necesidades máis inmediatas, como o pago de salarios, facturas, alugueiros ou impostos.

A orde, que depende directamente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está dotada con 30 millóns de euros e permitirá a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos entre o tecido empresarial galego. En concreto, a nova liña avalará entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata 4 anos cun de carencia, cun máximo dun 1,50% de xuros, que serán bonificados ao 100% pola Xunta, facéndose cargo deles.

O conselleiro adiantoulle aos representantes dos selos de calidade que o seu departamento habilitará un apartado na páxina web da Consellería do Medio Rural para que o sector traslade as cuestións e preocupacións en materia económica no rural. Este espazo pretende servir para informar das medidas económicas ás que se poden acoller en cada un dos sectores produtivos.

Dende a Consellería tamén apuntaron que están traballando na flexibilización dos requisitos esixidos para as diferentes subvencións, para evitar incumprimentos ou posibles prexuízos derivados da imposibilidade de executar as accións programadas.

Reestruturación e reconversión do viñedo

José González explicou que na convocatoria de 2020 para as axudas de reestruturación e reconversión do viñedo, tal e como recolle o Regulamento de execución do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire aos programas nacionais de apoio ao sector vitivinícola, a Xunta só se lle obriga a realizar a acta de non inicio ao 5% das solicitudes.

Polo tanto, aqueles solicitantes que necesiten e demanden a realización da acta de non inicio e non estean nesa porcentaxe, só terán que aportar unha declaración responsable e unha reportaxe fotográfica. Así mesmo, será a Consellería quen comprobe a información no Rexistro Vitícola de Galicia e mediante o SIXPAC.

Con respecto á convocatoria de 2019, o titular de Medio Rural explicou que tódolos expedientes que finalicen o seu prazo de execución o 31 de maio de 2020, poderán solicitar unha modificación da súa resolución para pasar de operación anual a bianual, ou incluso reducir operacións sen penalización algunha. Por último, informou de que na convocatoria de 2018 non existe, de momento, a opción de modificar esas resolucións bianuais a trianuais, pero o conselleiro lembrou que o prazo de execución aínda finaliza o 31 de xullo deste ano 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información