Piden máis simplificación administrativa para os viticultores e adegas galegas

Publicidade
Piden máis simplificación administrativa para os viticultores e adegas galegas

Reunión da conselleira con representantes dos concellos reguladores.

Os cinco Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe de viños de Galicia coinciden en pedirlle á Xunta de Galicia unha simplificación administrativa para todos os procesos que implican ao sector.

Así llo trasladaron os responsables dos consellos reguladores á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha reunión celebrada este martes en Santiago de Compostela, e na que tamén participou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

O obxectivo da xuntanza foi manter unha comunicación fluída cun sector tan importante para a comunidade como é o do viño, que só a través da vendima move máis de 209 millóns de euros, cifras que se multiplican tras o paso da uva pola industria.

Entre as demandas que trasladaron os portavoces está a dunha simplificación administrativa para todos os procesos que implican ao sector. Neste sentido, dende Medio Rural informan de que “a conselleira comprometeuse a traballar por este obxectivo e a facelo da man dos consellos reguladores para facilitar o seu traballo diario e favorecer a boa marcha deste ámbito”.

Ademais, dende a Consellería avanzan que “tamén se pretende a modificación de certos regulamentos ou normas que afectan aos viticultores e adegas galegos á hora de recibir axudas, como pode ser o sistema de autorizacións de plantacións de viñedo ou as achegas de promoción en terceiros países”.

Axudas 2017

Na reunión de carácter técnico desta mañá tamén se avaliou o apoio da Xunta a estes consellos reguladores. Ao longo de 2017 os cinco órganos de xestión das DO vitivinícolas recibiron máis de dous millóns de euros en distintos conceptos de axuda para promocionar os seus produtos e asegurar un control sobre eles.

Estas achegas son facilitadas pola consellería en concepto de asistencia e organización de feiras, ademais doutro tipo de promocións, por estudos que levan a cabo estes órganos para mellorar as producións e polos programas de control sobre os mesmos. Tamén hai partidas para facilitar o funcionamento dos propios consellos reguladores, que son os órganos que xestionan de forma autónoma cada unha destas marcas de calidade, baixo a supervisión da Xunta.

Seguros agrarios

Ademais, dende a Consellería de Medio Rural destacan que “o pasado ano fíxose un importante esforzo por recoller as demandas dos viticultores co fin de facer máis atractivas as pólizas de viñedo (….) chegando ás 518 pólizas na liña de uva para vinificación, con 1.906 hectáreas e 13 millóns de quilos de uva asegurados, co que aproximadamente un 25% da superficie de viñedo baixo denominación de orixe esta asegurada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información