Perspectivas dos mercados de leite e carne na UE para este ano

A Comisión Europea espera unha caída das exportacións lácteas do 6% no 2020, o que aumentará a presión no mercado interior. Queixos, leite líquido e iogures manteñen boas previsións, en tanto espérase un maior almacenamento privado de manteiga e leite en po

Perspectivas dos mercados de leite e carne na UE para este ano

Leite en po. / Arquivo.

No actual contexto de impactos evidentes do coronavirus nos mercados agrarios, a Comisión Europea vén de publicar as súas previsións a curto prazo para o sector lácteo e para as distintas producións cárnicas. En leite, espérase unha caída das exportacións no global do ano, o que levará a un maior almacenamento privado de leite en po e manteiga; en tanto nos sectores de carne hai boas perspectivas para o porcino, que manterá prezos altos e exportacións, e espérase tamén que os polos medren en exportacións, se ben a un ritmo menor que no 2019. A cruz é para o vacún de carne.

Resumimos a continuación as principais previsións por sectores.

Leite, a Comisión prevé que baixe o prezo no campo nos próximos meses

A tendencia á baixa que manteñen nas últimas semanas os prezos do leite en po e da manteiga, froito das menores exportacións, repercutirán sen dúbida no prezo do leite equivalente. O empeoramento do mercado para os produtos lácteos industriais chega ademais no pico de maior produción do ano, na primavera, ó que se unen as medidas de confinamento en boa parte de Europa. Todos eses factores en conxunto poden influír na baixada de prezos do leite no campo, segundo valora a Comisión Europea.

No global do ano, o informe da Comisión prevé que as exportacións lácteas caian un 6,3% e que o consumo interno baixe un 0,3%. A boa noticia é que tamén se prevén menores importacións (-8%) e que se espera un aumento moderado da produción, similar ó ano pasado, dun 0,4%.

As dificultades de mercado levarán a un aumento do 10% na produción de leite desnatado en po. Espérase que a final de ano aumente o almacenamento privado en arredor de 125.000 toneladas. É unha situación negativa de mercado, pero cómpre lembrar que os almacéns da intervención pública están a cero, logo de que o ano pasado se conclúise a venda de stocks pendentes.

En manteiga, onde aínda se manteñen prezos razonablemente altos, tamén se espera un empeoramento de mercado, que pode levar a que a final de ano haxa un stock adicional de 10.000 toneladas de manteiga en Europa.

Producións en España
O escenario máis positivo rexístrase nos queixos, onde se conta cun aumento de consumo do 0,3%, se ben é posible que queixos de maior valor consumidos na restauración se vexan afectados por unha seria caída de vendas, en tanto outros queixos gañan cota de venda nos supermercados.

O aumento de compras para o fogar nos supermercados beneficiará tamén ó iogur, que pode rematar o ano con crecementos do 0,5% e ó leite líquido, que pode rexistrar a menor caída da última década (-1%).

Son boas noticias para o mercado español, adicado principalmente a leite líquido, queixos e iogures, se ben cómpre valorar en que medida o impacto da crise no mercado europeo pode afectar tamén a España pola entrada de leite líquido ou derivados a baixos prezos.

Vacún de carne, a crise xa impactou nos prezos pero espérase manter as exportacións

O sector de vacún está xa a verse afectado por unha baixada dos prezos a consecuencia do peche da restauración e das cadeas de comida rápida. Os máis afectados están sendo os cortes de carne de alto valor, aínda que no global do ano, a caída de consumo que se espera é de só o 0,7%, en tanto as exportacións aumentarán un 1%, segundo as previsións da Comisión Europea, que ve boas perspectivas para a exportación en países como España ou Irlanda.

No conxunto de Europa, a produción de carne de vacún agárdase que baixe arredor dun 0,6% debido ós menores prezos da carne e á reducción do número de vacas, un escenario no que inflúen factores como os maiores rendementos leiteiros,

Polos, o crecemento aminorarase no 2020

A tendencia de crecemento que segue o sector avícola aminorarase no 2020, pero espérase pechar o ano con aumentos de produción (+1,2%), consumo (+1,1%) e exportacións (+1%), se ben menores que o pasado exercicio. Os consumidores están reemprazando carnes máis caras por polo, o que beneficia ó sector, aínda que producións específicas, como a de patos, veranse perxudicadas polo peche da hostelaría.

En prezos, o sector comezou o ano por riba dos niveis do ano pasado, unha situación que incluso mellorou en marzo polo aumento da demanda nos supermercados e a limitada oferta. Sen embargo, a caída dos prezos en Polonia xa levou a que agora os prezos sexan menores que a media dos últimos cinco anos.

Porcino, a peste porcina en China fai que se manteñan as boas perspectivas

O sector porcino manterá no 2020 un lixeiro crecemento, principalmente porque o impacto da peste porcina en China impulsa as exportacións, que se espera que medren un 12%. Non se conta con que o sector se vexa moi afectado pola pandemia do coronavirus, aínda que os prezos altos poden levar a que os consumidores europeos se decanten por outras carnes, o que reducirá o consumo interno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información