Penenza SL, a unión con futuro de dúas explotacións de leite

Dúas gandeirías familiares de Friolfe, no Páramo, comezaron fai dous anos a traballar en conxunto. Ampliaron unha das naves, xuntaron as vacas e incorporaron dous robots de muxido. Gañaron volume de produción e calidade de vida, algo que asegura a súa continuidade

Ana, Recaredo e Lino, xunto ás súas vacas no lugar do Mato, en Friolfe

Ana, Recaredo e Lino, xunto ás súas vacas no lugar do Mato, en Friolfe

Ana Castaño Doce e os irmáns Recaredo e Lino López Franco forman Penenza SL, unha gandeiría ubicada no lugar do Mato, na parroquia de Friolfe, pertencente ao concello do Páramo. Decidiron facer unha aposta pola modernización e por acadar un volume competitivo que lles permita seguir producindo leite.

“Os inicios son complicados, porque só che chegan letras para pagar”

“Somos unha fusión de dúas explotacións da mesma parroquia que comezamos en novembro de 2018 a traballar en conxunto. Sumamos a base territorial das dúas e ampliamos unha das naves para xuntar nela as vacas en produción e facer na outra a recría”, conta Ana.

Pretenden medrar un 20% para optimizar a capacidade dos robots

Pretenden medrar un 20% para optimizar a capacidade dos robots

Hoxe moxen 105 animais e contan con 160 cabezas totais, pero a súa intención é seguir medrando até completar a capacidade máxima dos dous robots de muxido que instalaron. “Comezamos cun robot de segunda man nesta nave. Eu seguía muxindo en sala na miña casa. Logo, ao facer a ampliación e xuntar as vacas para aquí, xa puxemos os dous robots novos”, explica.

“A idea que temos é completar a capacidade do segundo robot. Para iso estamos recriando todo e poñendo sexado ás primeirizas”, engade. Terían que medrar arredor dun 20% nas vacas en produción para maximizar deste xeito o investimento feito. “Os inicios son complicados, porque só che chegan letras que pagar”, di Ana.

Inseminan aos 13 meses

Neste momento están recriando todo e poñendo sexado para medrar

Neste momento están recriando todo e poñendo sexado para medrar

Aproveitaron as instalacións da outra gandeiría para facer a recría, que teñen deste xeito separada da produción. Destetan as becerras cando teñen dous meses de vida e con 5 meses lévanas para esa outra nave, na casa de Ana, onde continúan o proceso de recría tratando de acelerar o medre das tenreiras. “Tentamos inseminar aos 13 meses, aínda que algunha retrásase por tamaño”, explica. Unha vez preñadas, cando se achegan ao momento do parto, as xovencas próximas volven para o Mato.

“As vacas dentro están por comodidade nosa, pero non delas, os animais naceron para estar fóra”

“Traémolas para xunto das secas, que están nunha finca de 4.000 metros cadrados a carón da nave de produción. As vacas secas están todo o ano fóra, é onde mellor están. As vacas dentro están por comodidade nosa, dos gandeiros, pero non delas, os animais naceron para estar fóra”, considera.

Mellora dos cubículos

Os cubículos novos son máis amplos e cómodos e usan cama de goma con carbonato

Os cubículos novos son máis amplos e usan cama de goma con carbonato

A comodidade e o confort das vacas é un dos aspectos que priman nesta gandeiría. A ampliación que fixeron na nave de produción mellorou o deseño da zona de descanso dos animais. “Nos cubículos novos hai moita diferenza á hora de traballalos nós e tamén na comodidade das vacas, porque son máis amplos”, recoñece Recaredo. Para a cama das vacas en produción empregan colchoneta de goma e carbonato. “Aquí nunca houbo area nin a vai haber, a min non me convence”, afirma.

“Aquí nunca houbo area nin a vai haber, a min non me convence”

Cando fixeron a ampliación da cuadra construíron unha fosa nova para o purín con capacidade para un millón seiscentos mil litros. “É un dos maiores investimentos dunha explotación, cos cartos da fosa mercabas un piso, pero a nós fainos máis falta a fosa que o piso”, bromea Ana.

É unha fosa cuberta e con capacidade dabonda como para xestionar o purín segundo as necesidades de fertilización das distintas fincas, de maneira que o poden gardar para cando lles fai falla. “Dache tranquilidade, porque sabes que tes o purín almacenado e que podes usalo cando o necesitas. Antes tiñas que estar pendente de sacalo, ás veces chovendo ou sen ter moito sitio onde botalo porque se che enchía a fosa e logo cando che facía falta de verdade non o tiñas. Moitas veces desperdiciabas ese valor que ten o purín como abono e que che permite reducir custos no gasto en fertilizantes químicos”, explican.

A falta de concentración das fincas dificulta o traballo

Fixeron unha fosa de purín cuberta con capacidade para 1,6 millóns de litros

Fixeron unha fosa de purín cuberta con capacidade para 1,6 millóns de litros

A explotación aténdena entre os tres: Ana, Recaredo e Lino. “Facemos falta todos porque tamén facemos o traballo agrícola, aínda que cos robots, tal e como o temos agora, unha persoa soa, non habendo complicacións, atende perfectamente a cuadra un día ou dous”, contan. Iso permítelles organizarse para facer os descansos ou para librar unha fin de semana, por exemplo.

Unha circunstancia que lles dificulta o traballo é a dispersión das fincas. A falta de concentración parcelaria complica e encarece as labores agrícolas. “Os traballos de campo facémolos nós, só traemos maquinaria de fóra para as campañas e só contratamos o que é a colleitadora”, explica Ana.

“Empezouse coa parcelaria fai 17 anos pero está aínda sen executar. Cando a dean rematado igual xa non estamos nós nisto”

“Aquí non hai concentración parcelaria e é complicado traballar. Está empezada, comezouse con ela fai 17 anos pero está aínda por executar, fixeron as medicións das parcelas fai tres anos pero cando a Xunta dea rematado a parcelaria igual xa non estamos nisto nós, igual xa nos xubilamos ou tivemos que deixar a actividade”, quéixase.

60 hectáreas de terreo

As vacas secas están fóra todo o tempo

As vacas secas están fóra todo o tempo

Penenza SL manexa unha superficie dunhas 60 hectáreas de terreo, das que botaron a millo na última campaña un total de 13. “Non toda a terra que temos vale para botar millo e menos aínda así, con fincas pequenas e dispersas”, evidencian.

Fan o ensilado na propia explotación e diariamente venlles o carro mesturador da cooperativa Aira a facerlles a ración, na que botan 15 quilos de silo de millo, 6 de silo de herba e 8 de concentrado.

“Non nos centramos en aumentar graxa e proteína, o que buscamos son litros, porque a empresa que nos recolle non paga a calidade, só che desconta se non chegas ao mínimo fixado”

A media de produción diaria que logran é de 37,5 litros por vaca e día, cun 3,70% de graxa e un 3,20% de proteína. Os dous robots están polo de agora con poucos animais, menos dos que poderían asumir, polo que a media diaria é de 3,1 muxidos por vaca.

A súa estratexia de produción está enfocada á empresa que lles recolle o leite. “Vendemos a Naturleite desde xaneiro de 2019, antes levabamos xa moitos anos en Celta”, contan. Por iso nesta explotación non buscan calidades, senón aumentar en volume producido. “Eles o que queren é leite e non che pagan a calidade, só te penalizan se non chegas. Por iso nós non nos centramos nas porcentaxes de sólidos porque con ter o xusto para que non nos desconten chéganos”, argumenta Ana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información