Pedrón A Ponte, unha gandeiría que busca ser máis eficiente e optimizar os robots

Esta explotación de Castro de Rei cambiou este ano o sistema de muxido ante a falta de persoal. Logo duns meses de adaptación que foron duros busca aumentar produción e rendibilidade a base de seleccionar aos animais

Juan Carlos Pita Valiña, xunto ás súas vacas

Juan Carlos Pita Valiña, xunto ás súas vacas en San Martiño de Goberno.

As explotacións leiteiras deben contar cunha estratexia a longo prazo porque traballar con animais require que os cambios que se fagan han de ser meditados. Contar cunha liña clara dá estabilidade ás gandeirías e garante ver resultados. Pero ás veces as circunstancias mudan e tamén hai que ter capacidade de adaptación para superar as dificultades.

Pedrón A Ponte SL é unha desas explotacións que acabou nos robots por problemas de persoal. “Quedei sen xente e en tres días merqueinos”, recoñece Juan Carlos Pita Valiña, o seu propietario. “Non tiña pensado pasarme aos robots nin investir niso de momento, tiña outros plans, que pasaban por seguir medrando coa sala de muxido que tiña, pero dun día para outro a situación da granxa cambiou e houbo que reaccionar”, explica.

“Caín nos robots porque non tiña máis remedio ao marcharme de golpe dous traballadores”

Esta gandeiría situada en San Martiño de Goberno, en Castro de Rei, contaba fai un ano con tres traballadores contratados, ademais do propio Juan Carlos. Estaba David, que é un mozo veciño de tan só 21 anos que segue na explotación, un empregado marroquí que levaba 3 anos na granxa e unha traballadora rumana que levaba 5. “Eu tiña o problema de persoal resolto, pero de golpe marcháronme dous dos traballadores e topeime cun problema gravísimo”, conta.

Así que Juan Carlos recoñece: “caín nos robots porque non tiña máis remedio”. “Acababa de facer unha ampliación da granxa pensando nos tres traballadores cos que contaba. Aumentaramos un cacho á nave de produción coa idea de poñernos en 150 vacas en muxido pero de repente cambioume a situación”, lembra.

A comezos de 2019 mercaron dous robots de segunda man e reduciron o número de animais

A comezos de 2019 mercaron dous robots de segunda man e reduciron os animais

Foi entón cando sacrificou algúns dos cubículos para colocar os dous robots Lely A3 de segunda man que mercou dun día para outro. E non lle quedou máis remedio que reducir a cabana até as 125 vacas que muxe hoxe para adaptarse á capadidade máxima dos robots. Aquel cambio brusco supuxo a xubilación da sala de muxido traseira de 16 puntos que tiña e unha redistribución de tarefas e da maneira de traballar na explotación.

O cambio non foi para nada doado. O primeiro robot comezou a funcionar no mes de xaneiro e o segundo estaba xa operativo en febreiro pero Juan Carlos non garda bo recordo daqueles días. “Nós pasámolas moi gordas á hora de empezar cos robots, estivemos 6 meses metendo vacas seguido, era penoso”, lembra.

As vacas non lles entraban nos robots até que lograron axustar a ración en pesebre ao punteo de concentrado que fai a máquina no momento do muxido

Até que deron co fallo. “Foi un problema de alimentación, cando pasas aos robots hai que cambiar a ración en pesebre para pasar a suplementar no robot e adaptar a ración do carro ao punteo de concentrado que fai a máquina no momento de muxir. Tardamos meses en dar axustado iso, que é cuestión de ir facendo pequenos cambios”, di.

Ángel Ávila foi quen lles resolveu o problema e é hoxe o nutrólogo da explotación. A ración neste momento téñena en 25 quilos de millo, 14 de silo de herba e 6,7 de mestura de cereais, que se suma ao punteo de concentrado que fai o robot, que se sitúa nuns 5,3 quilos de media por animal.

Tratando de recuperar os 41 litros por vaca e día

Dispoñen neste momento de 125 vacas en produción

Agora dispoñen de 125 vacas en produción

Pedrón A Ponte está aínda tratando de recuperar o nivel de produción que tiña antes de poñer os robots. “En sala chegamos a 41 litros”, lembra. Daqueles 41 litros de  media de produción por vaca e día baixaron a 38, con 3,70 de graxa e 3,32 de proteína. “Ao arrincar mal custa máis recuperar o nivel que tiñas, pero a principio de ano conto estar xa ao 90%”, di. Hoxe está xa nunha media de 40 litros co 3,95 de graxa e o 3,32 de proteína. “Imos mellorando e malia empezar mal cos robots hoxe estou contento con eles”, afirma.

Ao dar correxido os retrasos iniciais na entrada de vacas ao robot incrementaron a media de muxiduras. “Cando tiñamos a sala estivemos unha época a 3 muxiduras diarias e logo volvimos outra vez a 2 por tema de man de obra. Agora cos robots estamos logrando medias de 2,8 muxidos ao día e iso que estamos no límite máximo da capacidade dos robots en canto a número de animais”, explica Juan Carlos.

Ao teren que reducir o número de vacas para axustarse á capacidade dos robots aproveitaron para descartar a aqueles animais que tardaban máis en muxirse

“Agora o que nos queda é ir seleccionando máis as vacas e descartar aquelas con menor fluxo de leite, que son as que tardan máis en muxirse”, engade. “Estaba muxindo 140 vacas na sala pero tiven que reducir os animais en produción para axustarme á capacidade máxima dos robots, así que aproveitei para facer moita limpeza. Ademais, xa cha piden os propios robots, as vacas con tetos mal colocados ou moi duras non serven”, argumenta.

Gañaron calidade de vida

Pero malia ás lembranzas negativas, o cambio trouxo cousas boas. Unha vez pasado ese duro proceso de adaptación, Juan Carlos recoñece vantaxes, sobre todo en calidade de vida e maior flexibilidade de horarios. A organización do traballo na granxa mudou por completo porque “traballar con robots é totalmente distinto a como se traballa na sala”, asegura.

“Os robots permítenche gañar dúas horas pola mañá e outras dúas pola noite para facer outros traballos”

“Agora chegamos ás sete da mañá e mentres que se fan as camas vanse metendo as vacas que non entraron, que poden ser unhas 5 ou 6 en cada robot, e ao acabar de facer as camas xa tes acabado o muxido. Antes até as 10 da mañá estabas liado entre muxir e lavar a sala de espera e a sala de muxir. Son dúas horas que gañas pola mañá e pola noite para facer outros traballos. E antes pola noite non rematabamos nunca até despois das 9 e hoxe ás 8 temos todo listo”, argumenta.

Pedrón A Ponte segue mantendo dous empregados, fronte aos tres que tiña antes de instalar os robots. “No día a día afórranche un empregado e cando un dos dous que temos colle vacacións atendemos perfectamente eu e máis o outro traballador que queda, mesmo se un día puntual temos que quedar unha persoa soa tamén nos amañamos. Antes cando muxiamos na sala eramos 4 traballando e cando un collía vacacións era complicado para organizámonos os 3 que quedabamos para os descansos”, di.

Teñen as vacas en dous lotes cun robot en cada lote e as distintas tarefas están asignadas sempre á mesma persoa para que sexan rutineiras

Seguen mantendo xornadas partidas pero con menos horas. “Pola tarde un empregado comeza ás 5 e o outro ás 5 e media. Cada un ten asignados os seus traballos para que non se pisen. Eu en vez de ter xente que faga de todo prefiro ter tarefas distribuidas para que as faga sempre a mesma persoa e dese xeito as mecánicas de traballo sexan sempre as mesmas e o traballo sexa rutineiro”, defende.

Ser máis eficientes

camas benestar

As camas son de serrín con carbonato

Juan Carlos é enxeñeiro técnico agrícola de formación e tomou o relevo da explotación familiar que rexentaban os seus pais Carlos e Elisa, xa xubilados. “No 2004 xuntámonos cun tío meu de Santa Leocadia e fixemos unha SAT. Construimos unha nave nova con fosa de purín e silos e xuntamos aquí todo o gando. Muxiamos 50 vacas daquela. Logo fomos criando e mercando para ir aumentando o número de animais até que xa se nos quedou pequena a cuadra, así que fixemos unha ampliación para chegar a 110 en produción. Seguimos facendo obras, como máis silos e refixemos a nave vella para meter a recría. Todos os anos fixemos algunha obra, non é que non tiveramos onde meter os cartos, o que pasa é que unha obra pide outra. A última foi o ano pasado, cando fixemos outro silo e ampliamos un cacho a nave coa idea de poñernos en 150 vacas en muxidura”, explica.

Pero aquela idea de seguir medrando mudou ao instalar os robots e agora a estratexia é outra: ser máis eficientes. “Temos 125 vacas en produción hoxe, que é o número co que nos quedaremos. As perspectivas de futuro non son aumentar porque iso obrigaríanos a instalar outro robot máis, son ser máis eficientes e sacar o máximo rendemento ás vacas que temos, en definitiva, axustar o máis posible os gastos mellorando os ingresos”, resume. “Queremos producir o mesmo leite con 125 vacas nos robots que antes con 140 na sala, é dicir, co aumento de produción que nos teñen que dar os robots compensar a baixada no número de cabezas”, engade.

Volver facer a recría na propia explotación

Por falta de espacio tiveron que recriar fóra o 20% das becerras

Por falta de espazo tiveron que recriar de maneira externa o 20% das becerras

Trala última ampliación, e descontando os cubículos que tiveron que desmontar para colocar os robots, Pedrón A Ponte dispón hoxe de 138 camas para un total de 125 vacas en muxidura, algo que a Juan Carlos lle permite meter antes ás xovencas para que se afagan a andar no medio do rabaño de produción e tamén aos robots. “O que fago é baixar antes as xovencas para a nave de produción desde a da recría para que teñan máis tempo para adaptarse”, explica.

Ao baixar ao número de cabezas as necesidades de recría tamén diminuiron, ao tempo que os descartes serviron para baixar a idade media do establo e a taxa de reemprazo. “Con tanta limpeza que fixen hoxe teño o 50% das vacas en produción primeirizas e o ano que vén vaime sobrar recría”, conta.

Trala “limpeza” que fixeron a metade das vacas en produción son primeirizas

Ademais de poder vender becerras, Juan Carlos vai poder aforrar na súa crianza. Malia que fai a recría na propia explotación (cos animais divididos en 11 lotes por idades de entre mes e medio e dous meses para que os grupos sexan o máis equilibrados posibles e os animais medren por igual), por problemas de espazo vírase obrigado nos últimos anos a externalizar parte dela. “A que me colle téñoa na casa e o resto mándoa ao Rancho Las Nieves de Zaragoza e á explotación dun particular de Castroverde, Pepe, de Córneas, que fai recría para outras granxas. No centro de recría de Castro non puidera entrar ao principio e tiven que buscar esta solución porque non me cabían as xatas na casa. Teño fóra da explotación arredor dun 20% das becerras, pero agora cos robots ao reducir o número de cabezas vou necesitar menos recría e vaime coller o 100% na explotación”, detalla.

Contratan os traballos de campo pero teñen carro propio

Só dispoñen de cisterna para botar o purín e carro mesturador

Só dispoñen de cisterna de purín e carro mesturador

Pedrón A Ponte ten tamén contratados outros traballos, como a inseminación, da que se encarga o grupo de veterinarios de Castro, ou as labores agrícolas, para as que bota man de empresas de servizos. “Contrato os traballos agrarios porque a maquinaria é algo que non me gusta nada e ao final non te podes dedicar a todo. Se queres ter a cuadra ben ou tes moita xente ou tes que encargar os traballos de campo”.

Iso reduce considerablemente as necesidades de maquinaria da explotación. “Se botas contas, para unha explotación deste tamaño case non compensa ter ningún apero, quitado os que traballan todos os días, como a cisterna, o carro mesturador ou a telescópica, que son os que teño, pero os aperos que traballan só en campaña non se dan desquitado”, considera.

carro mesturadorEn total esta gandeiría dispón dunhas 60 hectáreas de superficie, moitas delas arrendadas, das que botan unhas 40 a millo. Aínda que contrata os traballos, ensila na explotación e conta con carro mesturador propio para elaborar as distintas racións para o gando. Ademais da de produción, fai unha para as vacas secas con silo de herba, silo de millo, penso e herba seca. Esa mesma ración úsaa para as xovencas desde os 10 meses en adiante, até o parto. Antes, entre os 5 e os 10 meses, failles unha ración específica no carro con herba seca, penso e melaza. Até esa idade as becerras están con herba seca e penso desde o momento do destete, que se produce aos 2 meses e medio de vida.

Adquisicións para facilitar o manexo diario

Achegadora de comida

Achegadora de comida

Unha parte das adquisicións que Juan Carlos foi facendo ultimamente, ademais da dos robots, buscan facilitar os traballos diarios e aforrar en man de obra. “É certo que moitas das últimas decisións e cambios que fomos facendo ultimamente estiveron motivados por problemas de persoal. Por exemplo, arrimabamos a comida á man pero no momento que quedei sen un dos empregados e coincidiu que o outro estaba de vacacións fun mercar o arrimador por agobio”, describe.

“Cando puxen os robots aumentoume considerablemente a factura da luz, que case se me dobrou”

Os robots ou os achegadores automáticos son inventos que axudan ao gandeiro, pero tamén incrementan o consumo de electricidade nas granxas. “Foi algo que a min ninguén me dixo pero despois vino no consumo. Cando puxen os robots aumentoume considerablemente a factura da luz, que case se me dobrou. Por ser un aparato pequeno non quere dicir que non consuma, porque está traballando as 24 horas do día”, explica.

Outro dos traballos que hai que facer todos os días nas explotacións son as camas. Para reducir o tempo necesario fíxose cunha telescópica á que lle saca moito partido. “Para min foi a mellor compra dun apero que fixen, desde que a tes pregúntaste como puiden estar tanto tempo sen ela”, recoñece. Emprégaa, por exemplo, para encher os cubículos. Os da zona de produción e os das secas son de mestura de serrín e carbonato. Tamén usa a telescópica para sacar o esterco da recría. Unha parte está en palla e outra parte en serrín. “A palla está cara pero é máis rápido nas terras. O serrín tamén abona, pero a degradación é máis lenta”, indica Juan Carlos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información