Pautas para criar tenreiras perfectas que garantan mellores resultados na gandaría

A calidade do calostro, o manexo das nais e as tenreiras ou a alimentación nos primeiros días son fundamentais para lograr resultados a longo prazo segundo a veterinaria e investigadora da Universidade de Minnesota Sandra Godden. A experta recompila as normas básicas para conseguir unha crianza eficaz da recría

Pautas para criar tenreiras perfectas que garantan mellores resultados na gandaría

Conseguir unha recría con calidade xenética, bo tamaño e saúde, unha adecuada condición corporal e un sistema inmunitario competente son claves para o futuro da gandaría. Se se consegue contar con animais destas características tamén se incrementa a rendibilidade tal e como explica a veterinaria e investigadora da Universidade de Minnesota (EE.UU.) Sandra Godden.

A experta abordou esta cuestión durante as IX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, celebradas recentemente en Talavera de la Reina (Toledo) e organizadas por Servet Talavera, unha firma especializada no control integral de mastite e calidade de leite, e cuxo director técnico é Luís Miguel Jiménez.

En Estados Unidos levan tempo traballando por mellorar a recría para comezar coas inseminacións das tenreiras entre os 13 e os 15 meses, o que motiva que o primeiro parto se produza entre os 22 e 24 meses. “Así conseguimos incrementar o período de vida útil e aumentar a rendibilidade, pero para iso necesitamos que as xovencas alcanzasen o 85% do peso de adultas e cheguen ao parto en moi boas condicións”, especifica Godden.

En EE.UU. buscan que o primeiro parto se produza entre os 22 e 24 meses e aumentar a vida útil das vacas

O obxectivo para lograr animais destas condicións é dispor dun sistema eficiente e rendible. Aínda que pode haber distintas estratexias para logralo, Godden fíxase en actuacións concretas na etapa do predestete. A experta apunta a que hai 2 maneiras para conseguir resultados: levar ao máximo a inmunidade dos animais nos primeiros meses de vida e minimizar a exposición a enfermidades infecciosas. “Somos moi conscientes de que hai enfermidades endémicas que afectan ás gandarías pero se maximizamos a prevención deberiamos conseguir reducir a incidencia de enfermidades”, apunta.

Incrementar a inmunidade e reducir as infeccións

Á hora de fixar estratexias para incrementar a inmunidade das tenreiras, Godden incide en 4 áreas craves para conseguilo e que teñen que ver tanto cos tenreiros acabado de nacer como coas súas nais ou o manexo que se fai dos animais. Un dos aspectos a ter en conta para favorecer o desenvolvemento dos tenreiros e reducir os riscos é o manexo da área de maternidade. Aínda que hai diferentes alternativas, as recomendacións son similares en ámbolos dous escenarios. Así, pode optarse por un parto nun curral en grupo, ao que levan as vacas desde 2 días a varias semanas antes do parto, ou por dispor un curral individual, onde a vaca permanece entre 2 e 3 horas.

Para conseguir unha boa recría, a mortalidade nos nacementos debe situarse por baixo do 6%

A clave é garantir as condicións ambientais hixiénicas do tenreiro acabado de nacer. A especialista insiste na importancia de proporcionar unha cama seca, limpa, cómoda e confortable e a maior tranquilidade no parto. “Hai que evitar molestar á vaca no parto, xa que pode interrompelo e converterse nun factor de risco para os tenreiros”, detalla. Para conseguir unha boa recría na gandaría, Godden apuntan a que a mortalidade nos nacementos debe situarse por baixo do 6%. “Se a taxa é maior haberá que fixarse en aspectos como o manexo ou os sementais que se seleccionan para tentar corrixilo”, concreta a veterinaria.

Godden tamén insisten en que se debe contar con espazo suficiente para atender o parto e dispor dos coñecementos e persoal necesario para proporcionarlle axuda ao tenreiro tanto no parto como nos momentos posteriores. “A formación é moi importante para poder reducir a taxa de baixas durante o parto”, indica.

Botellas de 2 litros con tetina, máis fáciles de lavar

Botellas de 2 litros con tetina, máis fáciles de lavar

Como conseguir un calostro de calidade?

A atención nas primeiras horas do tenreiro é fundamental para o seu desenvolvemento non só inmediato senón a longo prazo. Desde un punto de vista veterinario, Godden recomenda sacar ao tenreiro desta paridera transcorridos 30 minutos, para reducir o risco de contraer infeccións.

Nesta primeira fase de coidados do tenreiro é primordial un bo encalostrado, xa que o leite materno proporciónalle os anticorpos da nai, posto que nestas primeiras semanas o seu sistema inmunolóxico aínda non está desenvolvido e o risco de contraer enfermidades como diarreas ou pneumonías é moi elevado.

“Cun bo encalostrado hai beneficios a longo prazo ademais de reducir o risco de enfermidade e a mortalidade”

O achegue nutricional do calostro axuda ao crecemento da tenreira, xa que a súa concentración de sólidos chega a ser o dobre do leite normal. “Cun bo encalostrado non só se reduce o risco de enfermidade e a mortalidade senón que tamén hai beneficios a longo prazo xa que a tenreira ten máis facilidade para gañar peso e iso permite inseminala antes, o que se traduce nunha vantaxe económica para os produtores. Tamén está comprobado que as tenreiras ben encalostradas terán unha mellor produción de leite de adultas”, especifica a veterinaria.

calidad-del-calostro_--

A cantidade de IgG do calostro contribúe a incrementar a taxa de supervivencia dos animais nos primeiros días.

A primeira toma de calostro debe realizarse antes das 2 horas de vida da tenreira, ben de forma directa ou por medio dunha sonda. “Hai que asegurarse que o animal a inxira dunha ou outra forma”, concreta a veterinaria. Nesta primeira toma debe achegarse uns 300 gramos de inmunoglobulina G (IGg), valor que determina a calidade do calostro. “Para realizar este achegue necesitamos calostro de alta calidade e administrar ao redor dun 10% do peso do tenreiro, ao redor de 3 ou 4 litros para unha tenreira Holstein”, detalla.

A primeira toma de calostro debe realizarse antes das 2 horas de vida da tenreira, ben de forma directa ou por medio dunha sonda

É fundamental proporcionar un calostro de calidade, aquel que polo menos dispón dun mínimo de 50 gramos por litro de IGg, segundo indica a experta. Para conseguir incrementar a calidade do calostro, a experta apunta a varias técnicas de manexo que os gandeiros poden valorar:

-Unha delas é a utilización de vacinas para a nai durante o período seco que axudan a que a vaca produza máis anticorpos contra patóxenos específicos que afectan ós tenreiros, como E. Coli.

-A dieta das vacas secas é outro dos condicionantes para lograr un calostro de calidade. “Se se reduce o aporte de enerxía teremos un impacto sobre o calostro”, concreta.

-As condicións nas que se atopan as vacas secas inflúe na produción de calostro polo que a experta recomenda evitar que as vacas estean en zonas de moita calor, amoreadas ou sen sistemas de ventilación axeitados.

-Os períodos de secado da vaca moi curtos é outro condicionante tanto para a cantidade como para a calidade do calostro. “É necesario contar con períodos secos de polo menos entre 55 e 65 días, xa que hai vacas que tardan en recuperarse antes do parto e iso tamén inflúe”, detalla.

Ademais de conseguir un calostro de calidade, Godden recomenda evitar utilizar distintos calostros para alimentar a varios tenreiros xa que de detectarse algunha patoloxía terminarán afectados máis tenreiros.

A conservación do calostro pode converterse nun factor de risco xa que se se alongan os prazos de conservación mediante refrixeración en condicións pouco hixiénicas, resulta un foco de infeccións bacterianas. Unha das opcións para a conservación do calostro que se está a usar en Estados Unidos é o tratamento térmico do leite. Trátase dun proceso similar ao de pasteurización pero que se fai a unha temperatura inferior. O calostro debe quentarse a uns 60 graos durante 60 minutos para conseguir manter os nutrientes. “Comprobamos que se aumentamos a temperatura redúcese o aporte que proporciona o calostro”, explica.

A alimentación dos tenreiros

“Do mesmo xeito que co calostro, a alimentación nos primeiros días será fundamental para o desenvolvemento da tenreira a longo prazo”, reafirma Godden. A veterinaria indica que o obxectivo é conseguir dobrar o peso ao nacemento en 56 días, o que se traduce nun incremento de 0,7 ou 0,8 quilos ao día e tralo destete deberá ser de 1 quilo ao día.

A experta ten claro que durante o período de predestete, de 7 ou 8 semanas, hai que centrarse no desenvolvemento do rumen para conseguir unhas tenreiras con bos resultados de adultas. Para iso é determinante o desenvolvemento das papilas ruminais, presentes no interior do rumen e encargadas da absorción de nutrientes. Un estudo con tenreiras de 6 semanas alimentadas con tres dietas diferentes (só leite, leite e gran; e leite e herba seca) comprobou que a combinación de leite e gran favorece o desenvolvemento do rumen.

Unha dieta de leite e gran nas primeiras semanas axuda ao desenvolvemento do rumen das tenreiras

Godden apunta que ademais de dispor de acceso ao gran, as tenreiras tamén deben ter libre disposición de auga. “Distintos estudos demostran que se as tenreiras teñen a auga que queren tenden a tomar máis gran, o que favorece o desenvolvemento do rumen”, sintetiza. Aínda que a veterinaria insiste en proporcionar unha dieta con gran a partir dos 3 días de vida tamén lembra que hai que seguir proporcionando leite ao tenreiro que axuda a fortalecer ao animal.

Por último, para conseguir unha boa crianza de tenreiras, a veterinaria apunta que o sistema de aloxamento dos animais inflúe nos resultados. Aínda que recoñece que non existe un ‘sistema perfecto’ que cumpra todos os requisitos necesarios para evitar riscos de enfermidade, a experta recomenda o aloxamento en parella baseándose en diferentes estudos que demostran que con esta crianza as tenreiras comen máis gran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información