A partir do 4 de maio volverán celebrarse mercados agroalimentarios en Galicia

A partir do 4 de maio volverán celebrarse mercados agroalimentarios en Galicia

A Xunta permitirá que os concellos celebren mercados locais de produtos agroalimentarios a partires do vindeiro luns, 4 de maio, sempre baixo estritas condicións de seguridade. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, quen trasladou esta decisión durante a súa participación, por vía telemática, na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural xunto co ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, e os seus homólogos das diferentes comunidades autónomas.

O titular de Medio Rural explicou que o Goberno galego considera que a entrada, o vindeiro luns, na “fase 0” do proceso de desescalada posibilita a reapertura deste servizo baixo unhas regras que en Galicia están xa establecidas desde o 24 de marzo pasado, para garantir a seguridade das persoas, coas debidas medidas sanitarias e de distancia social. Ademais, o conselleiro apoiou esta decisión no feito de que outras comunidades españolas xa abriron estes mercados.

José González lembrou que o Goberno galego solicitou esta medida en varias ocasións e agora entende que se dan as circunstancias para adoptala. O conselleiro advertiu ademais, neste sentido, que “non se pode facer un plan de desescalada sen contar coas comunidades autónomas e en especial coas particularidades do medio rural galego”. Nesta liña, recordou que tanto el como o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamaron que, en canto se activara a desescalada, esta fose das primeiras actividades relacionadas co agro en retomarse. Nesta situación, engadiu, “cómpre ir abrindo estas canles de venda, sobre todo tendo en conta que se mantén o peche da hostalaría e a restauración”.

Neste mesmo sentido, o conselleiro lembrou que por parte da Xunta xa se puxo en marcha a rede Mercaproximidade, pero considerou que esta medida debe verse complementada coa reapertura dos mercados locais, cando menos mentres non se normalice plenamente a situación da devandita vía Horeca (de hostalaría e restauración).

A Xunta pide que se reabran os mercados de gando

En parecidos termos, José González reclamou tamén ao ministro a reapertura dos mercados de gando, tendo en conta o mesmo proceso de desescalada e sempre adoptando todas as medidas sanitarias precisas. Advertiu que esta medida é demandada polo sector e considerouna necesaria para dar saída aos animais que se están acumulando nas explotacións.

Entrada de leite foráneo

O conselleiro aproveitou a videoconferencia para urxir ao ministro a que convoque a Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo, co obxectivo de buscar solucións que poñan fin á entrada de cisternas dende Francia e Portugal con leite de vaca e produtos lácteos a prezos por baixo dos custos de produción. Como xa lle sinalara nunha carta a Luis Planas, destacou que “estes produtos que veñen de fóra están a alterar o mercado interno e poñendo en risco a viabilidade económica dos produtores galegos”.

José González tamén pediu que se inste a lexislar á Comisión Europea para que cada operador da cadea alimentaria deba pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior aos custos de produción. A maiores, reclamou intensificar a campaña de concienciación a prol do agro español, así como os controis para evitar que o leite de fóra se etiquete como se fose de aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información