Parideiras de outono en vacún de carne, o caso de Mamoelas

A gandaría de Alberto Vázquez, en Palas de Rei, concentra máis do 60% dos partos nos últimos meses do ano, o que lle permite un mellor aproveitamento de pastos e forraxes e, en teoría, mellores prezos

Parideiras de outono en vacún de carne, o caso de Mamoelas

O rabaño de Alberto Vázquez, nunha das parcelas de pastos da explotación.

Alberto Vázquez xestiona unha explotación de rubia galega en Mamoelas (Palas de Rei) na que sempre se distinguiu por facer un manexo profesional, tendo en conta os criterios de técnicos e investigadores. Desde que se puxo ó frente da gandaría, arredor do 1990, optou por un aproveitamento en extensivo permanente, salvo no cebo final dos xatos, un sistema que lle permite unha redución de custos e un manexo máis sinxelo. Nos últimos anos, é tamén unha das explotacións que está orientando a maior parte das parideiras para o outono, de xeito que por un lado, logra un mellor aproveitamento dos pastos, e por outro, a maior parte dos xatos saen ó mercado no verán, cando a demanda e o prezo da carne adoitan mellorar.

A explotación de Alberto Vázquez conta con arredor de 50 vacas en produción e cun touro, que pastan unha superficie dunhas 45 hectáreas divididas en parcelas acoutadas de 2-3 hectáreas polas que vai rotando o gando. Toda a produción de xatos, arredor de 40 cada tempada, certifícase como Ternera Gallega Suprema, xa que os animais maman das vacas durante toda a súa estancia na explotación, mesmo no cebo final.

Produción en extensivo
Cando Alberto Vázquez comezou na actividade, hai 25 anos, decidiuse por prescindir do cortello e por manter os animais en extensivo ó aire libre os 12 meses do ano día e noite. A seus pais aquela decisión, entón pioneira, parecíalles aventurada, tendo en conta que Mamoelas está a máis de 500 metros de altitude e ten invernos de xeadas duras. Foron precisas varias visitas á finca do Marco da Curra, xestionada por Mabegondo en Monfero, así como a outras explotacións particulares, para convencer á familia da posibilidade de criar ós animais todo o ano en extensivo, un sistema co que se reducían custos de alimentación, investimentos e co que se lograba un manexo máis sinxelo.

As vacas teñen bebedeiros con traída de auga en todas as parcelas.

As vacas teñen bebedeiros con traída de auga en todas as parcelas.

A produción en extensivo convertiu á explotación nos noventa nun referente para moitos gandeiros que estaban a valorar tamén a aposta por ese sistema, ata o punto de que moitos pasaron por Mamoelas para comprobar in situ a marcha da gandaría. Nos últimos anos, a explotación de Alberto tamén se está a distinguir pola evolución do manexo das parideiras cara o outono, seguindo as recomendacións técnicas.

Manexo das parideiras
A maior parte das gandarías concentra de xeito natural os partos nos últimos meses de inverno e na primavera e inicios do verán, de xeito que os xatos saen ó mercado no inverno – primavera seguinte. Ese é o intre de menor demanda da carne e no que os prezos dos becerros adoitan baixar, polo que os técnicos de Ternera Gallega e doutras entidades do sector avogan por orientar unha maior parte dos nacementos para o outono, de xeito que os animais se comercialicen a partir do verán, época na que os prezos e o consumo de tenreira repuntan.

A diferenza entre vender o xato nunha boa época do ano en prezos ou noutra pode superar os 50 céntimos por quilo

A diferenza entre vender un xato nunha boa época ou noutra pode superar os 50 céntimos por quilo. Desde xaneiro ata maio as cotizacións de Ternera Gallega caíron este ano de media máis de 40 céntimos, unha situación de mercado que é probable que repunte en breve, se ben as cotizacións desta semana manteñen aínda a tendencia continuista das anteriores.

Os datos que vén recopilando Ternera Gallega amosan que de xeito habitual arredor do 70 % das parideiras se concentra no primeiro semestre, en tanto que no segundo semestre a cifra ronda o 30%. Desde a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) avogan por unha orientación dunha parte dos partos cara o outono, de xeito que, por un lado, se fortaleza a presenza no mercado de Ternera Gallega nos meses de maior demanda, e por outro, os produtores logren mellores prezos.

Arredor do 70% das parideiras concéntrase en Galicia no primeiro semestre do ano. No segundo semestre, só o 30%

Esa é a estratexia que adoita seguir nos últimos anos Alberto en Mamoelas. “Eu concentro os nacementos nuns 6 meses, de setembro a marzo. Dos 40 xatos que teño, uns 25 naceron nos últimos meses do ano pasado e os outros 15 no primeiro trimestre”, conta. “En campañas como a pasada, a nivel de prezos non compensa, pois o prezo mantívose bastante estable ó longo de todo o ano; pero este ano si que houbo unha baixada importante de cotizacións no inverno. Haberá que ver se agora recuperan no verán porque polo de agora seguen igual”.

Aproveitamento da forraxe
O manexo outonal dos nacementos permite ademais un mellor aproveitamento da forraxe, xa que vacas e xatos dispoñen dos pastos primaverais no intre en que máis os precisan. “Pensando na alimentación, o mes ideal para os nacementos aquí é decembro, xa que na primavera, cando máis leite necesitan os xatos, as vacas terán abundacia de pastos, e os propios becerros tamén poderán pastar en abundancia”, explica Alberto. “O cebo final dos dous últimos meses, nos que permanecen estabulados, coincidirá tamén coa época na que nos quedamos sen pastos, en setembro”.

Comedeiro selectivo dos xatos.

Comedeiro selectivo dos xatos.

Os animais permanecen nas pradeiras todo o ano, salvo os xatos no cebo final de dous meses, pero en setembro e no primeiro trimestre do ano, de xaneiro a marzo, a ausencia de pastos é total, polo que os animais aliméntanse nese periodo de silo de herba. A maiores, os xatos teñen acceso os 12 meses a un comedeiro selectivo de concentrado. O comedeiro selectivo, como pode apreciarse na imaxe, está protexido con cadeas para evitar as incursións dos estorninos.

A explotación sega 12 hectáreas de herba para silo e outras 5 de herba seca, cantidades suficientes para abastecer en setembro e no inverno ós animais. “Con máis superficie, cultivaría tamén millo ou podería ter algún animal máis, pero a falta de superficie é un problema nesta zona”, valora Alberto.

“As vacas en inverno dan menos leite, pero é o periodo no que o consumo dos xatos tamén é menor” (Alberto Vázquez)

Con frecuencia, os produtores que concentran a maior parte dos nacementos na primavera consideran que os xatos nados no outono poden ter problemas de alimentación no inverno, unha obxección que descarta Alberto. “O importante é que tanto as vacas como os xatos estean ben alimentados”, defende. “É verdade que as vacas no inverno dan menos leite, pero é o periodo no que os xatos consumen menos. En primavera, cando están máis crecidos e xa van tomar máis leite, as vacas teñen moito pasto e non hai ningún problema”.

Xestión das cubricións
Para a cubrición das vacas, a explotación dispón dun touro que permanece seis meses co resto do rabaño nos pastos, de xeito que a xestión dos celos non ten maior dificultade. “No caso das explotacións que inseminan, a programación das parideiras é aínda máis fácil”, valora Alberto.

En xeral, a orientación das parideiras cara o outono non lle está ocasionando problemas á gandaría de Alberto. “Pode haber algunha vaca que quede sen cubrir. Se ten o parto en marzo, pode que non entre en celo antes do verán, que é cando remata a época de cubricións. Entón hai que valorar que convén facer”, sopesa Alberto. “Agora tamén vou ter un problema puntual cunhas xovencas, xa que para inscribilas no libro xenealóxico deben ter un xato antes dos tres anos e quizais haxa que facer a cubrición en datas que non corresponden; pero fóra de cuestións puntuais, todo funciona ben”.

Os xatos comercialízanse a través de Acruga como Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega

Comercialización
Os xatos da explotación de Alberto acadan medias de 250 quilos no caso dos machos e de 200 nas femias. “Trato de non ir cara animais moi pesados. O que me interesa cando selecciono un touro é que haxa poucos problemas nos partos”, conta Alberto. “No noso caso, nun 90% dos partos o animal non precisa de axuda”.

Todos os xatos da explotación comercialízanse a través da Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga), a través da marca Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega. “Cando comecei, lembro que aínda iamos a algunha feira e viñan os tratantes pola explotación, pero todo iso xa se rematou. Estivemos vendendo uns anos coa cooperativa Artesáns Gandeiros, coa que estabamos contentos, e agora ultimamente facémolo con Acruga. É moi cómodo, vén o camión polos animais e ós poucos días xa che din peso, clasificación da canal e prezo”, apunta Alberto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información