A paralización da venda de cordeiros e cabritos alíviase no supermercado

O sector de ovino e caprino comezará a canalizar parte dos seus animais a través das cadeas de distribución. Co peche da hostelaría, só na provincia de Ourense contabilízanse máis de 1.000 animais á espera de vender. Os gandeiros temen que a situación empeore de cara á tempada alta, nos próximos meses

A paralización da venda de cordeiros e cabritos alíviase no supermercado

“O sector ovino e caprino en Galicia está mal, pero ten visos de pórse peor”. Así describe José Ramón González, responsable de Producións Agrarias e Extensivas do sindicato Unións Agrarias, a situación actual do sector a causa da pandemia do coronavirus. É a opinión xeralizada dende o sector, posto que a caída das vendas polo peche da hostalaría comezou xa a notarse e se as limitacións de actividades lúdicas continúan, prevese que dentro duns meses as perdas poidan ser moi elevadas, tal e como está acontecendo xa noutras zonas produtoras de España.

O confinamento da poboación en datas festivas coma a Pascua, cando comeza a producirse un incremento do consumo de carne de año e de cabrito, deixouse notar no sector. Aínda que polo momento quedan uns meses para a tempada alta, que chega co verán, os gandeiros temen as consecuencias ó ter paralizadas as vendas xa neste momento.

“As vendas que podía haber nestas datas están completamente paralizadas” (Diego Fernández, Ovica)

“Agora os tratantes xa non están mercando nada, a pouca actividade que podía haber nestas datas está completamente paralizada”, explica Diego Fernández, presidente da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), que conta cuns 180 socios e unhas 25.000 cabezas.

As perdas da Semana Santa

Pese a que as tempadas de maiores vendas e consumo de cabrito e año en Galicia están ligadas ás celebracións e concéntranse tanto no verán como no Nadal, tamén existe un mercado destas carnes ó longo do ano, así como para datas sinaladas coma a Semana Santa e a Pascua ou festas locais. As restricións deste ano están deixando xa animais listos para a venda e que continúan nas ganderías.

Os datos que manexan dos recontos iniciais de municipios do Macizo Central ourensán dende Unións Agrarias elevan a máis de 1.000 as cabezas de gando que quedaron sen vender dende que en marzo se decretara o estado de alarma. En Xinzo, as primeiras estimacións contabilizan uns 400 animais listos para a venda, en Verín a cifra sitúase arredor dos 300 e en Viana e A Mezquita ascende case ós 500.

Boa parte dos animais sen vender son de pequenas ganderías ou lotes pequenos destinados a datas concretas

“Estes recontos pertencen a ganderías pequenas, en zonas de montaña onde xa temos un problema grave co gando sen vender”, explica José Ramón González. As cifras son só unha estimación, posto que como indican dende a organización agraria corresponden ós seus afiliados, que representan arredor do 40% das ganderías que hai nesa zona.

Dende Ovica estiman que nestes momentos entre os seus asociados contabilizan uns 200 animais sen comercializar, xa que a produción concéntrase para os próximos meses. “Polo momento son lotes pequenos que están quedando sen recoller, pero o problema virá en 2 meses cando teñamos toda a produción, xa que os partos son agora en abril e maio”, indica Diego Fernández.

Primeiras medidas

Unha das medidas impulsadas polo momento dende a Consellería de Medio Rural para tentar paliar esta situación foi o acordo da compra desta produción coas principais canles de distribución. “É unha solución para polo menos poder sacar esta produción que tiñamos agora parada, aínda que os prezos son baixos”, recoñece Fernández, ó tempo que agradece a disposición da Consellería para buscar unha saída a estes animais e o contacto directo cos produtores.

Prevese a comercialización de cordeiros a través de supermercados, tralo acordo da Xunta con cadeas de distribución, pero pídense mellores prezos

Nos próximos 15 días prevén comercializar por esta vía uns 200 animais da asociación a un prezo medio de 50 euros por año, cando valoran que o prezo xusto debera situarse alomenos entre os 60 e os 65 euros para os cordeiros de 10 quilos en canal. “Precisamos un prezo xusto para os nosos cordeiros e cabritos e non só cubrir os custos de produción”, piden dende o sector.

Á marxe deste acordo inicial, dende a Consellería concretaron co sector que están tentando contactos con outras distribuidoras para comercializar a produción galega de cordeiro e cabrito. Nestes momentos, ademais de fixar un prezo para as vendas están a recompilar información sobre a produción que estiman ter dispoñible nos próximos meses.

Aínda que dende Unións Agrarias colaborarán na elaboración desta base de datos, dubidan dos resultados que se poidan conseguir con esta medida, á par que desconfían das garantías de prezos xustos para os gandeiros. “Haberá que ver se os cartos que gastan en promoción garanten un prezo mínimo para os gandeiros, porque se hai unha caída dos prezos para os produtores, isto é tirar cos cartos públicos”, recrimina González.

A incerteza sobre a evolución da crise fai que os gandeiros tamén teñan dúbidas á hora de comercializar ou comprometer a súa produción por estas vías e abandonar as canles habituais. “Tampouco sabemos como van ir as cousas e moitos dubidan se deixar de garantir a produción ós tratantes e carniceiros habituais e optar polas distribuidoras, ó tempo que temen que estes compradores de proximidade finalmente non lles recollan a produción”, explican dende Ovica.

Tampouco está a convencer a medida aprobada polo Ministerio de Agricultura, que prevé destinar 10 millóns de euros para compensar ós produtores de ovino e caprino. Nun primeiro momento valorárase un pago por cordeiro non comercializado, aínda que finalmente modificouse a subvención e farase un pago por ovella ou cabra, que o gandeiro cobrará de maneira adicional nas axudas da PAC. “Son medidas propagandísticas que non terán un impacto real para o sector porque a cantidade é mínima para os gandeiros, dadas as cabezas de gando que hai en España”, valora Fernández.

Outras propostas para afrontar a crise

En previsión de que a situación se poida volver máis crítica para estes gandeiros nos próximos meses, dende o sector valoran outras propostas para tentar paliar a caída das vendas. Unha das medidas que apuntan dende Unións Agrarias pasa por permitir conxelar, de forma controlada, parte dos excedentes da produción, ó igual que se acordou en días pasados facer con sectores como o vacún de carne. “Pode ser unha opción a valorar sempre e cando esa carne saia cando haxa escaseza e non se comercialice cando aínda haxa excedentes”, explica González.

Outra das medidas propostas dende a organización agraria pasa por medidas de intervención para evitar a caída dos prezos. “Cando sobra produción é preciso intervila, senón os prezos derrúbanse e sempre pagan as consecuencias os produtores”, indican dende Unións.

Valórase a conxelación de excedentes, medidas de intervención ou a revisión de criterios para seguir optando a subvencións

En Ovica coinciden en sinalar que os esforzos se deben centrar en buscar saídas para a comercialización da produción dos próximos meses. Ó mesmo tempo tamén apuntan que nestes momentos sería positivo revisar os criterios vixentes para as axudas compensatorias, que poden servir para aliviar as perdas para os produtores. Apostan porque no cómputo para obter estas subvencións se contabilicen tamén as ovellas que quedan na gandería como recría e non só as vendas a matadoiros. “Se as vendas continúan paralizadas ou se se reducen, a moitos gandeiros vailles resultar moi difícil lograr esa taxa de comercialización do 0,6% por venda a matadoiros e perderán a subvención nun momento moi difícil para os produtores”, explica Diego Fernández. Ademais, a medida pode axudar a fortalecer o sector ó poder contar con garantías para renovar os rabaños, como valora o gandeiro.

A comercialización da produción está a ser a gran preocupación para as ganderías, porén estes días están inmersos nunha das épocas de maior carga de traballo, a de parideira. Ademais, nestes meses tamén se leva a cabo a rapa das ovellas, para garantir o benestar dos animais coa chegada do verán e a subida das temperaturas, así como para a súa desparasitación.

Aínda que en menor medida do que acontece noutras zonas de España, cunha maior carga gandeira de ovellas, esta tarefa tamén pode prolongarse este ano en Galicia ó haber menos persoal para realizala, xa que é habitual a chegada de profesionais de países como Polonia, expertos nesta tarefa.

En Ovica xa o ano pasado contaron cunha empresa de profesionais da montaña de Lugo que este ano volverán encargarse da rapa das ovellas dos socios. Na asociación estaban pendentes da autorización para poder realizar este tratamento nas ganderías e logo de recibilo a semana pasada por parte da Consellería de Medio Rural, agardan empezar cos traballos nos próximos días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información