“As ovellas son auténticas bombeiras forestais”

Falamos con Roi López Carmona, un mozo de 33 anos que decidiu incorporarse ao agro para seguir coa gandería familiar de ovino na aldea de Trigás, no concello lucense de Pantón

“As ovellas son auténticas bombeiras forestais”

Roi López Carmona co seu rabaño

Roi López Carmona é un mozo de 33 anos que hai dous incorporouse para seguir coa gandería familiar de ovino na aldea de Trigás, no concello lucense de Pantón.

Despois de estudar Relacións Laborais e de traballar noutras actividades decidiu tomar o relevo aos seus pais, Carmen Carmona e Xosé Manuel López, socios fundadores no ano 1994, xunto a outros 12 gandeiros, da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia” (OVICA).

Unha vez que se xubilou a súa nai, os motivos que levaron a Roi a incorporarse foron, como el recoñece, “porque dende pequeno foi no que fun criado, pero sobre todo porque me permite ter unha liberdade de horarios, para conciliar coa vida familiar, son o meu propio xefe e son autor de algo para min marabilloso, como asistir a todo o proceso de crianza dende que nace o año ata que se vende”. “É certo -asegura- que tamén é un traballo atado, e que os prezos non son os que deberan ser, pero globalmente estou satisfeito do paso dado e de poder continuar co que empezaron os meus pais”.

Na actualidade conta cun rabaño dunhas 220 ovellas nais, de raza mestiza, como a maioría das existentes en Galicia. “É unha ovella non excesivamente grande, rústica para poder andar, que cría e amamanta ben, e que se adapte ao noso medio, porque aquí non lle imos dar penso, a non ser un pouco despois do parto para que dea máis leite ás crías”, explica.

Coa axuda de incorporación que recibiu decidiron valar as fincas para poder facer unha rotación de pastoreo polas distintas parcelas e aproveitar mellor o pasto, a base principal da alimentación. En total manexan algo máis de 40 hectáreas a efectos de PAC.

Coa axuda de incorporación pecharon as fincas para poder facer rotación de pastos

Outro cambio que introduciron foi facer ensilado de herba nunha finca dunhas 4,5 hectáreas na que sementaron unha mestura de raigrás italiano e inglés. “Nesta zona do sur de Lugo hai unha importante seca estival, polo que tes que ter forraxes almacenadas. E ademais da herba seca decidimos facer silo de herba para mellorar a alimentación do rabaño. Foi un silo con baixa proteína, digamos que un bolo de herba seca gourmet, para evitar problemas de timpanismo ou de basquilla”, explica Roi.

A outra compra que fixeron foi un remolque esparexedor de esterco, xa que co que contaban na Cooperativa Lemos, da que son socios, era demasiado grande para o seu tractor, ocasionando problemas de seguridade.

Cordeiros de entre 8 e 12 quilos alimentados en base a pastoreo e leite das ovellas

O sistema de manexo das ovellas está simplificado: durante o día están no pasto e pola noite recóllense para dar de mamar aos años. Para Roi unha das claves para unha boa xestión dunha gandería de ovino “é levar un rexistro de cada un dos animais, para saber se tivo algunha enfermidade, as veces que pariu, se hai que vendelo ou non”. “Do contrario, podes atoparte cun rabaño de 200 ovellas, pero onde realmente son produtivas só 150”, advirte. E por suposto, preocuparse de atender os partos, para minimizar as baixas.

No seu caso o rexistro é tradicional, en libreta, onde anotan todo o historial de cada ovella. Os partos solen concentralos separando os carneiros, para que coincidan coas épocas de maior demanda: Nadal, as festas do verán e tamén para a vendima, onde é tradicional na Ribeira Sacra encargar un cordeiro para a comida en común. “En Galicia o consumo de carne de año aínda está moi vinculado ás festas. É unha materia pendente o de desestacionalizalo para que se consuma durante todo o ano, incorporándoo ás cartas e aos menús dos restaurantes”, asegura.

Os cordeiros son finos, cun máximo de 12 kilos e peso e con pouca graxa

Unha vez que paren, as ovellas permanecen co año -solen criar só un cordeiro ao ano, para aumentar así a súa lonxevidade- ata os 5 días nunha parideira individual. Logo os años pasan a un lote onde reciben como alimento o leite materno e herba seca, e cando xa son máis grandiños saen ao pasto co resto do rabaño.

A carne que produce Roi é moi apreciada na comarca tanto polo sistema tradicional de crianza, común no resto de ganderías galegas, e que agora está amparado polo selo Pastores de Galicia, como pola conformación da canal. “Aquí o cliente o que nos pide é un año fino, de entre 8 e 12 kilos de peso canal, incluída a cabeza e os liviaos, e con pouca graxa”, destaca.

Contrapono aos “años dos cebadeiros de Castela e doutras partes, onde están sempre estabulados, e só se alimentan en base a lactoremprazantes nas primeiras semanas e posteriormente só con penso, o que fai que estean recubertos cunha capa de graxa e a carne sexa máis branca”.

“Permitir a venda directa na propia explotación axudaría moito aos gandeiros”

Roi ven comercializando algo máis de 150 cordeiros ao ano, fundamentalmente no entorno comarcal. Neste sentido, denuncia que “un dos grandes obstáculos que temos os gandeiros de ovino e de caprino é que a Administración non permite que fagamos venda directa ao consumidor final, cando a lexislación da UE o permite, de forma que en países como Francia levan anos facéndoo”.

E é que na situación actual as súas alternativas que a lexislación española lles ofrece a estas pequenas ganderías familiares son ou ben envialos a un matadoiro, neste caso o de Taboada, ou habilitar unha sala de despece na propia explotación.

“Pero se o envías ao matadoiro ten un custo moi alto que non podes repercutirlle ao cliente, por non falar dos problemas de estrés que xera nos años, e no segundo caso esíxenche o mesmo que para un gran matadoiro industrial, tendo que estar presente tamén un veterinario en cada sacrificio. A Xunta e o Ministerio deberían facilitar vías intermedias, como matadoiros portátiles, ou salas de despece máis adaptadas, con controis aleatorios dos veterinarios, sempre e cando o rabaño estea saneado e cumpra todos os requisitos sanitarios”, explica.

A súa conclusión é que “dende Madrid non se quere entender como funciona o agro galego, onde non hai grandes latifundios e as explotacións son de carácter familiar e de tamaño máis pequeno”.

Por último, reclama da Xunta de Galicia un mellor trato cara o sector do ovino e do caprino, tanto nas axudas de incorporación como nos plans de mellora, así como formación específica para este colectivo mediante unha escola de pastores.

“A administración debe prestarnos máis atención, porque os gandeiros de ovino e caprino non só creamos riqueza e fixamos poboación no rural, con xente nova e incluso de procedencia urbana que se está incorporando ao sector, pero tamén porque as ovellas e as cabras son as auténticas bombeiras do monte galego para previr lumes forestais”, conclúe.

Roi cos seus pais

Roi cos seus pais Carmen Carmona e Xosé Manuel Lopez, socios fundadores de OVICA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información