“Os viños galegos cada ano están mellor elaborados”

Entrevista a Luis e a Alejandro Paadín, autores da Guía de Viños, Adegas e Destilados de Galicia 2020, que ven de publicarse. A súa edición do pasado ano recibiu o prestixioso premio IWC Merchant Awards como a mellor iniciativa de divulgación no mundo do viño en España

Publicidade
“Os viños galegos cada ano están mellor elaborados”

Luis e Alejandro Paadín, autores da Guía de Viños, Adegas e Destilados de Galicia

A “Guía de Viños, Adegas e Destilados de Galicia” ven de chegar ás 10 edicións como o referente para coñecer os mellores viños galegos de cada anada. Creada por Luis Paadín, a súa edición 2019 recibiu o prestixioso premio IWC Merchant Awards como a mellor iniciativa de divulgación no mundo do viño en España.

A edición 2020 acaba de saír do prelo e está sendo presentada estas semanas por Luis e polo seu fillo Alejandro. Para a súa elaboración foi imprescindible a implicación de adegueiros e profesionais, especialmente dos 39 expertos que participaron nos 25 paneis de cata con que se elaboraron as 2.000 referencias da guía.

En total, foron catados máis de 1.500 viños, de máis de 500 adegas, “a totalidade das amparadas nas DO e IXP de viño de Galicia”, destaca o responsable de catas, Alejandro Paadín.

Ademais, inclúe referencias de destilados, mapas climáticos e pluviométricos dos últimos tres anos en Galicia, por DO, e mapas litolóxicos e de relevo.

O resultado é un manual completo de clasificacións e cata con 432 páxinas en cor, exenta de publicidade e con 1.134 fichas dos viños galegos.

A edición 2019 acaba de recibir hai un mes en Madrid o prestixioso premio IWC Merchant Awards como a mellor iniciativa de divulgación no mundo do viño en España. ¿Que supón para vós esta distinción?
Un recoñecemento desde fóra de Galicia a un momento histórico dos nosos viños; sen eles non habería Guía e grazas a ela a totalidade das adegas de Galicia poñen ao dispor de técnicos e consumidores un “catálogo” nun formato novo, sen publicidade e loubado polo sector do viño e o editorial. E por suposto, un recoñecemento ao noso traballo e contumaz teimosía na posta en valor dos viños e destilados do noso país.

¿Que destacarías da edición 2020 que acaba de saír ao público?
O histórico de medallas, cada día máis valorado polos consumidores e distribuidores á hora de seleccionar marcas. E a nova aposta por achegar o nome das parcelas das que proceden as uvas. Isto axudará a entender mellor os viños, a valoralos pola orixe das súas uvas e é unha forma de poñer en valor non só as marcas, senón as  viñas, o territorio.

En xeral, ¿que vos sorprendeu dos viños que analizastes nesta edición 2020 e como influíu a colleita?
Non nos sorprendeu nada especialmente, se ratificamos en primeiro lugar que as elaboracións en xeral son impecables e o rigor e a supervisión en busca da calidade por parte dos Consellos Reguladores é fundamental para este avance. Se a iso engadímoslle que as viñas empezan a ter unha idade moi interesante e os coidados delas son máis respectuosos, é fácil alcanzar estas altas cotas de calidade.

Contrariamente ao que pensa a maioría do sector, para nós as anadas non son determinantes de calidade, son fundamentais para a diversidade, o que as fai máis atractivas, menos  monótonas. E iso co paso do tempo aos viños fainos máis interesantes.

“O éxito da Guía é un reflexo da madurez do sector do viño en Galicia”

¿Cal foi o viño branco e o tinto que recibiron a máxima puntuación e por qué motivos?
Levamos moitos anos no sector e polas nosas mans pasan todos os anos as fichas de cata de máis de 50 enólogos, sumilleres e xornalistas. Este coñecemento levounos a non crer nas puntuacións absolutas; comprobamos que moitas veces poden ser inxustas, xa que se cambias os catadores, as puntuacións varían e mesmo cos mesmos catadores cambias o día ou a hora e o resultados é ben diferente.

Por iso, utilizamos criterios da Organización Internacional do Viño (OIV) para marcar a diferenza a través de medallas. As catas realizámolas con botella tapada e os Grandes Ouros son aqueles viños que en dúas ocasións diferentes en tempo e con catadores diferentes alcanzan entre 92 e 100 puntos. Eses son os mellores entre os mellores.

¿Poderiádesnos avanzar algo de como se prevén os viños galegos desta vendima 2019?
Todo o que probamos apunta a que foi un ano dunha viticultura relativamente cómoda, polo que haberá moitos viños con altas  cotas de calidade e seguramente lles permita ás adegas  embotellar maior diversidade. Polo tanto, creo que nos tocará catar moitos máis viños. Iso é o que máis nos gusta, así que será un gran ano para todos nós.

¿Algo máis que queiras engadir?
O éxito da Guía é un reflexo da madurez do sector do viño en Galicia, porque igual que cando unha sociedade evoluciona, edita un xornal, unha comunidade con proxección enolóxica ten que ter a súa propia guía.

Valoración xeral sobre os viños das distintas Denominacións de Orixe Galegas na Guía de Viños, Adegas e Destilados de Galicia 2020:

A valoración sempre é boa, pois os Consellos Reguladores velan por iso. Isto debémolo ter todos claro.

En xeral cada ano detectamos viños mellor elaborados, afortunadamente vanse dando conta que as madeiras son unha ferramenta, non cadaleitos nos que enterrar a froita. Tamén vemos unha uva mellor cultivada e coidada, que redunda claramente na calidade dos viños.

Valdeorras:

Os brancos elaborados con uvas  godello procedentes de viñedos de cotas elevadas son únicos,  poliédricos. As  garnachas vellas ben plantadas, deostadas noutro tempo, demostraron que non todo ten que ser mencía.

Ribeiro:

Os brancos desenténdense do exceso de  untuosidade, volven á elegancia, complexidade e equilibrio. Os tintos, afortunadamente baixan os rendementos das uvas e empézase a ver o seu potencial.

Monterrei:

Tras un par de anadas cunha climatoloxía moi problemática, volven á normalidade e a atopar viños que son sempre unha aposta segura, para viños do ano e viños de garda, tanto en brancos como en tintos. Son cabalo gañador.

Rías Baixas:

Xa se empezan a liberar e non só fan viños en base a unha uva e para o gran público, deixan que o territorio se exprese, viños sen afeitar, con toda a súa frescura natural. Afortunadamente tamén cada día hai máis consumidores interesados neste tipo de viños.

Ribeira Sacra:

Xa non só “vende” mencía, cada ano van a máis no seu empeño de meter unha paisaxe en cada botella. Van conseguindo, xa non un paisaxe Patrimonio da Humanidade, senón a paisaxe de verdade, o da contorna de onde proceden as uvas que producen o viño. Iso é unha paisaxe nunha botella.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información