Os viños de Rías Baixas aumentan a súa cota de mercado en España

Publicidade
Os viños de Rías Baixas aumentan a súa cota de mercado en España

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas presentou este martes os datos da D.O. Rías Baixas do “Informe anual do mercado de viños con D.O. Rías Baixas. Mercado español: canles de Alimentación e Hostalaría”, elaborado por The Nielsen Company. Ao acto asistiron 25 profesionais de adegas.

Ricardo Alcón, comercial manager de Nielsen, encargouse de presentar o estudo e explicou que “a venda do viño con Denominación de orixe reduce lixeiramente o máximo de vendas alcanzado o pasado ano no conxunto das canles de alimentación e hostalaría”. En canto a valor, Alcón destacou que “dada a importancia que a canle da hostalaría ten para os viños de maior valor, onde os viños de Rías Baixas teñen o seu posicionamento, a tendencia en hostalaría continúa tendo unha enorme importancia”.

Neste sentido, os viños da D.O. Rías Baixas incrementan a súa cota de mercado en volume ao 3,1% con respecto ao ano anterior, unha cifra que lle permite ocupar a oitava posición dentro do Ranking de Denominacións de Orixe en volume do mercado nacional.

Este estudo tamén mostra un crecemento da cota de mercado en valor que alcanza o 4,5%, situando a Rías Baixas no cuarto lugar na evolución anual de Denominacións de Orixe en valor dentro do mercado nacional. Na canle de alimentación, estes viños aumentan a súa cota até o 2,3% de participación en volume. Destaca especialmente a súa mellora de participación en hipermercados e supermercados grandes e medianos. En hostalaría manteñen o seu bo posicionamento incrementando a súa cota até o 3,8%. Esta mellora de penetración nesta canle prodúcese principalmente en hoteis e restaurantes.

Reforzar a presenza no Sur de España, a materia pendente

En canto ás zonas xeográficas, Rías Baixas mellora a súa cota de mercado na área 5, que inclúe Galicia, Asturias e León, pasando dun 10,1% a un 10,5%. De acordo con Nielsen máis do 50% do viño con Denominación de Orixe Rias Baixas consómese nesta área. Unha tendencia de crecemento que tamén se percibe en territorios importantes como as áreas metropolitanas de Madrid (2,5%), e Barcelona (2,6%), tamén na área 2 (2,9%), que inclúe o Levante, Comunidade Valenciana, Murcia e Albacete. O informe Nielsen mostra a necesidade de reforzar a presenza dos viños de Rías Baixas na área 3 ou Sur de España.

En termos xerais, o mercado do viño con D.O. rexistra un descenso do 1,9%, mentres que o viño branco con Denominación de Orixe continúa o seu ascenso con 1,2% máis, sendo o único que medra. Os viños de Rías Baixas seguen situados como segunda denominación no ranking de vendas de viño con D.O. branco en España, cun 10,6%, por detrás de Rueda. En canto á evolución do prezo medio de venda do viño branco con D.O. en España, estes viños manteñen a súa hexemonía en ambas as canles, alimentación e hostalaría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información