Os tratantes deixan de recoller animais para vida ante o peche dos mercados semanais

Temor no sector a que se forme un tapón no mercado de animais de recría. No gando para sacrificio, parte dos matadoiros paralizan as compras de vacún maior polo peche de restaurantes e cadeas de hamburguesas. O mellor momento corresponde ó vacún mediano, cunha alta demanda nos supermercados

Descarga de becerros no Mercado de Castro Riberas de Lea

Descarga de becerros no Mercado de Castro Riberas de Lea nunha imaxe de arquivo

O peche das feiras de gando de Silleda, Amio e Castro está a ter xa consecuencias nas explotacións. O mercado de vida é o que primeiro se resentiu e os tratantes están deixando de recoller becerros pequenos, dado que nas vindeiras semanas non se vai producir compra-venda nos lugares habituais.

“O tratante que nos leva a nós os animais avisou de que vai deixar de recoller gando. De momento non nos dá ningunha solución. Esta claro que se non abren os mercados de Silleda e de Santiago eles non van quedarse cos xatos”, xustifica Marcos, de Lebón SC (Samos).

Pola contra, o aumento do consumo que se está a producir nos últimos días está incrementando momentaneamente a recollida e sacrificio de becerros carniceiros nos matadoiros. De feito, Novafrigsa, o matadoiro de vacún que Coren ten en Lugo, prevé traballar esta semana tamén o xoves, aínda que sexa día festivo, para poder atender os pedidos.

Novafrigsa, o matadoiro de vacún que Coren ten en Lugo, ten previsto traballar esta semana tamén o xoves, aínda que sexa día festivo, para poder atender os pedidos

“O aumento de consumo de todo tipo, tamén de carne de xato, está facendo estes días que de momento non haxa problema para vender os xatos de carne, pero o problema pode producirse desde que pasen estes primeiros días, porque se a xente fai acopio e enche a neveira e o conxelador de carne, pero até que coma esa non vai mercar máis”, razoa Enrique Otero, presidente da Asociación Galega de Empresarios Tratantes, formada por 400 socios de toda a comunidade.

Enrique teme ademais que o prezo baixe. “Novafrigsa ten nas súas instalacións túneis de conxelación cunha capacidade de almacenamento moi importante, que xa foron usadas durante a crise das vacas tolas para a carne que fora mercada pola Administración a prezo de intervención, pero o valor do produto conxelado non é o mesmo que o da carne fresca, así que se Novafrigsa conxela, o prezo pode caer e iso pode repercutir con baixada de prezos no sector”, argumenta.

O peche de restaurantes fai que parte dos matadoiros deixen de sacrificar vacas

Varias canais na cámara do centro de procesado

Hai matadoiros, sen embargo, que deixaron xa nalgún caso de sacrificar vacas adultas ou de desvelle ante o peche de hoteis e restaurantes, principal destino da carne de vacún maior.

“Para os xatos pequenos non hai mercado e do matadoiro mandáronnos un correo dicindo que non sacrifican vacas, así que temos todo parado. A nós recóllenos Betanzos Carnes pero onde matan é en Lugo Carne”, explica Pepe, de Granxa Grixeiras SC, de Cospeito.

Matadoiros como Lugo Carne e Montellos deixaron de sacrificar vacas polo peche de restaurantes e cadeas de hamburgueserías

A explicación que dan en Lugo Carne, o matadoiro industrial ubicado en Rábade, é que clientes importantes aos que subministraban, como McDonalds ou Burguer King e que se viron obrigados a pechar os seus establecimentos, deixaron de mercar, polo que non teñen saída para vacas cebadas.

Tamén parou de matar vacas de desvelle o matadoiro de Montellos, en Betanzos, que só vai sacrificar animais deste tipo en casos de urxencia, segundo confirma o presidente da Asociación Galega de Empresarios Tratantes, aínda que hai outros centros que seguen recollendo este tipo de gando, pois parte das granxas están atopando saída para as vacas: “Os xatos pequenos deixaron de recollelos pero nós as vacas mandámolas directamente a matadoiro e de momento non nos puxeron problemas”, explica Jose, de SAT Ladeira, do Páramo.

2.000 becerros á semana sen destino

Juan Carlos Soto, que forma parte da mesa de prezos de Amio, confirma que no gando de vida é onde está o principal problema como consecuencia do peche das feiras semanais. “Esta semana non vai haber movemento nos xatos pequenos. Hai que agardar para saber en que queda todo nos próximos días porque aos becerros pequenos é moi complicado darlles saída ao volume que se movía nos tres mercados, sen poder xuntar os animais para distribuilos por tipoloxías e tamaños, porque non todos os cebadeiros queren os mesmos xatos, e iso non se pode facer sen reunilos nun sitio nin o pode facer unha persoa soa”, explica.

En total, calcula que nos tres mercados de referencia galegos movíanse cada semana uns 2.000 terneiros de recría (1.400 en Amio, 600 en Silleda e 400 en Castro), polo que se a compra-venda non se reactiva, o tapón que se produciría pode ser moi importante e afectar tanto ao prezo como á capacidade de acollida nas propias explotacións.

Mentres non se aclare que sistema se habilita para dar saída aos becerros lactantes das explotacións, os tratantes non se van arriscar a mercar este tipo de animais

O seu compañeiro Enrique considera que mentres non se aclare que sistema se habilita para dar saída aos becerros das explotacións, os tratantes non se van arriscar a mercar este tipo de animais. “O problema témolo cando hai dúbidas nas guías porque ninguén xoga a recoller sen ter garantida a saída, xa que un retraso significa ter que alimentar con leite a un montón de animais”, indica.

Explica que no día de onte saíu un camión de grande capacidade con xatos de Galicia cara a un cebadeiro en Santander e confía en que a medida que se vaia aclarando a situación, o resto de cebadeiros que habitualmente se subministran en Galicia retomen os pedidos de animais para recría.

Dificultades de loxística na venda directa de carne

A cooperativa A Carqueixa, con sede en Cervantes e que reúne a 200 socios dos concellos da montaña de Lugo, moitos deles con explotacións de vacún de carne que xuntan máis de 5.000 cabezas, actualizou onte a súa páxina web cun post titulado Nós traballamos para que ti quedes na casa, adicado “a todas e todos os agricultores e todas e todos os gandeiros porque eles continúan a traballar arreo, esforzándose, camiñando, madrugando para que o resto da sociedade poida ter un maior benestar dentro do Estado de Alarma”.

“As persoas da sanidade, dos servizos sociais, as traballadoras dos supermercados son indispensables pero as e os traballadores do sector primario tamén”, indican. “Nos últimos tempos vivimos un desmantelamento xeral da estrutura produtiva do sector primario. Isto é contradictorio coa situación que estamos a vivir. O goberno anunciou a posibilidade de pechar as fronteiras, o cal deriva na evidencia de que teremos que alimentarnos de produtos de proximidade. Isto á súa vez subliña a importancia do sector primario e de ser un país produtor e non importador”, evidencian.

É fundamental que o rural estea limpo do COVID-19 para que poida continuar a ser produtivo (Cooperativa A Carqueixa, Os Ancares)

E lembran que a través de servizos de venda directa como o que eles ofrecen, os cidadáns poden facer o seu pedido directamente aos produtores e evitar deste xeito as aglomeracións nos supermercados. A cooperativa A Carqueixa dispón de venda directa a clientes con servizo de entrega a domicilio. Facturaron 60.000 euros nos primeiros seis meses de funcionamento con esta modalidade, coa que sirven a particulares tanto en Galicia como noutros lugares, como por exemplo en Cataluña, onde dispoñen de numerosos clientes.

O sacrificio de canais para despece realízano no matadoiro de Celtaverde, en Taboada, e a distribución facíana a través dunha empresa de mensaxeiría, que sen embargo lles comunicou que nos vindeiros días deixará de facer reparto a particulares, polo que na Carqueixa víronse obrigados a alugar unha furgoneta coa que realizar eles mesmos o reparto para poder garantir a entrega dentro de Galicia, e a contratar a outra empresa de mensaxeiría para servir a clientes de fóra da comunidade.

Román Sánchez, xerente da cooperativa, explica que Aira, que é quen lles subministra o penso, está traballando con normalidade e no día de onte os camións da planta de fabricación de penso de Taboada fixeron a última das entregas nas explotacións que son socias da Carqueixa, polo que as gandeirías terían este insumo garantido até dentro dun mes. De tódolos xeitos, os fabricantes de penso galegos garanten o suministro de penso a tódalas explotacións en tanto dure a crise.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información