Os supermercados volven a abaratar o leite

A maioría das cadeas reincide nas vendas por baixo de 60 céntimos e aparecen promocións a menos de 55 céntimos. “Están presionando á baixa os prezos no campo e non nos imos quedar quietos”, sinalan desde Unións Agrarias

Os supermercados volven a abaratar o leite

Promoción de briks de leite desnatado a 54 céntimos, esta semana en Dia.

Cando as protestas gandeiras, no verán e outono do 2015, a maioría das cadeas da distribución subiu os prezos do leite, pero esa valorización do produto pouco durou. Desde mediados do 2016, os supermercados embarcáronse nunha estratexia de abaratamento do brik. Se en febreiro do pasado ano, só o 19% do leite que se vendía no super estaba a menos de 60 céntimos, en agosto, último mes con datos, xa era o 34%.

O sector gandeiro amósase preocupado pola deriva que percibe nas cadeas de distribución, sobre todo nos supermercados. “A perda de valor no supermercado repercute sen dúbida no prezo do leite no campo. Vemos que case todas as cadeas están seguindo unha estratexia de abaratamento e non nos imos quedar quietos”, advirte Óscar Pose, de Unións Agrarias.

Os supermercados case dobraron en seis meses o leite que ofrecen a menos de 60 céntimos

As promocións a menos de 60 céntimos son unha constante. Gadis realizou estes días unha oferta a 55 céntimos, Dia ten promocións entre 54 e 56 céntimos, e Froiz, Eroski e Mercadona, entre outras, avanzan na mesma liña. “Se non hai marxe de beneficio, sabemos que no campo non podemos ter bos prezos. Que haxa marxe de beneficio suficiente en toda a cadea é a base desde a que podemos chegar a ter bos prezos no campo. Algo que conseguiramos tras as protestas non imos deixar que se perda”, advirte Pose.

Desde Unións Agrarias avanzan que a partir da próxima semana iniciarán contactos con todos os grupos da distribución para tratar de revertir a situación. Tanto Unións como o Sindicato Labrego xa se posicionaran nos últimos días en contra das ofertas a 49 e a 55 céntimos que fixo a cadea Gadis. “É chamativo que Gadis, que é unha cadea que presume de galega, estea abandeirando estas baixadas”, cuestionan desde as organizacións agrarias.

A meta do prezo sostible

A Interprofesional Láctea, un organismo que agrupa a gandeiros e industrias, elaborou un estudo da cadea de valor do leite que dá pistas sobre cal debe ser o prezo do brik no supermercado. Para unha correcta remuneración para gandeiros e industrias, o prezo no super non pode estar por baixo de 65 céntimos, segundo se deduce do estudo.

“Pouco máis se pode facer que mellorar os sistemas e tempos de contratación entre industrias lácteas e distribución” (Ministerio de Agricultura)

“Ese é o prezo a partir do que se debería de mover o brik de leite no super, e así llo trasladaremos ás cadeas de distribución a partir da próxima semana”, sinala Óscar Pose, de Unións Agrarias.

Desde o Ministerio de Agricultura, incídese sempre na imposibilidade de regular prezos mínimos de venda pola normativa de Competencia. “Na contratación entre industrias lácteas e cadeas de distribución, pouco máis se pode facer que tratar de mellorar os sistemas de contratación e os tempos de duración dos contratos”, sinala o Ministerio no último informe de seguemento do acordo lácteo.

Decreto sobre cesión de prezos
O sector gandeiro recoñece as dificultades que introduce Competencia, pero advirte de que hai mecanismos de presión e de sanción.

“A solución ó prezo é política. Hai marxe para que o gandeiro cobre 35 céntimos e para que exista un prezo lóxico no super” (Carlos Buxade)

“Agricultura aprobou un decreto sobre prezos de cesión do leite que lle permite coñecer a que prezos lle está vendendo a industria o brik a cada cadea de distribución. Por tanto, sabe que cadeas están presionando o prezo á baixa e pode sancionalas, cando exista esa posibilidade, ou castigalas pola vía do ‘castigo público’, trasladándonos ó sector que cadeas están a executar malas prácticas. Sen embargo, non fai nin unha cousa nin a outra”, cuestiona Pose.

Sobre o problema do prezo do leite reflexionou tamén estes días o catedrático da Universidad Politécnica de Madrid Carlos Buxade, que interviu nunha xornada técnica de Clun. “A solución ó prezo do leite é política. Os prezos deben formarse desde o campo cara arriba, non como agora, que se forman desde o supermercado cara abaixo. Hai marxe para que o gandeiro cobre o leite a 35 céntimos e para que se venda a un prezo razonable nos supermercados”, sostivo.

“As ofertas son necesarias para fomentar o consumo”

A Asociación Española de Distribuidores de Autorservicio y Supemercados (Asedas) analiza a situación de prezos do leite desde unha óptica diferente. Asedas subliña que os acordos de prezos mínimos de venda son “absolutamente ilegais” e precisa que as ofertas forman parte da actividade de calquera empresa.

“Nun contexto de aumento da produción continuado e redución paulatina do consumo, as ofertas son necesarias para dinamizar o consumo e evitar que o sector lácteo volva colapsarse”, valoran. A asociación precisa ademais que as ofertas non son imputables unicamente á distribución, senón que tamén se realizan por parte das industrias lácteas. “O problema é que as únicas que son visibles son as que fan as cadeas de distribución, xa que realizan a súa actividade de cara ó público”.

Protocolo
No marco do acordo lácteo asinado en setembro do 2015, gandeiros, industrias e distribución manteñen un protocolo de actuación para correxir posibles casos de banalización do leite. O protocolo, que se activa en casos extremos de ofertas a moi baixos prezos, é valorado de xeito positivo por Asedas, unha das asociacións da distribución que participa no mesmo.

“O protocolo foi de gran utilidade ata o momento, xa que nos permite explicarnos en relación coas ofertas que se teñen realizado” -destacan-. “Tamén se abriu o protocolo nalgúns casos para que os fabricantes dean explicacións sobre determinadas ofertas nas que teñen participado”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información