“Os rendementos do millo poden aumentar até 1 tonelada de gran por hectárea coa senescencia retardada”

Entrevista a Marlon Caicedo, estudante que acaba de presentar no Campus de Lugo unha tese sobre a mellora xenética do millo a través da senescencia retardada ou stay green, un carácter que pode permitir aumentar os rendementos por hectárea en 1 tonelada adicional de gran e case outra de biomasa

“Os rendementos do millo poden aumentar até 1 tonelada de gran por hectárea coa senescencia retardada”

Millo con stay green visual, á dereita

Os rendementos do millo poden aumentar notablemente a través da mellora xenética, integrando o carácter da senescencia retardada ou Stay Green como un carácter adicional e garantido no desenvolvemento de híbridos.

Neste sentido, o investigador ecuatoriano Marlon Caicedo presentou recentemente na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC a súa tese doutoral baixo o título “Mellora xenética do millo para senescencia atrasada Stay Green”.

A senescencia retardada ou “Stay Green” (SG) fai referencia a un carácter que presentan algunhas plantas e que provoca un atraso no envellecemento das follas respecto do que é habitual. Como consecuencia, esta característica permite acumular unha maior cantidade de materia seca durante o enchido do gran, o que significa un maior rendemento dos cultivos

Nesta tese de doutoramento, dirixida polos investigadores Margarita Lema Márquez (USC) e Bernardo Ordás López (CSIC), Marlon Caicedo profunda no estudo da senescencia no millo, tanto a nivel fisiolóxico como xenético, achegando importantes descubertas.

En primeiro lugar, parabéns pola túa tese. De onde vén o teu interese polo cultivo do millo?
O interese débese a que levo traballando ao redor de 16 anos en proxectos de investigación dentro do Instituto Nacional de Investigacións Agropecuarias (INIAP) de Ecuador con este cultivo, onde o millo é moi importante para a seguridade alimentaria do país e cultivado na súa maioría por pequenos e medianos produtores, para quen vai dirixido o noso traballo.

A túa tese centrouse na mellora de millo mediante a senescencia programada ou Stay Green. En que consiste?
O Stay Green é un termo utilizado para denominar a aqueles xenotipos que presentan unha senescencia foliar tardía herdable en comparación a un xenotipo de referencia. É dicir, o millo mantense máis tempo verde e polo tanto realiza a fotosítense durante un período máis longo. Este carácter esta asociado positivamente co rendemento de gran e biomasa, especialmente.

Existe moita marxe de mellora neste sentido no millo cultivado actualmente?
Si, debido a que a maioría de variedades ou híbridos (incluíndo varias liñas proxenitoras), só foron identificadas co carácter visualmente e unicamente con base na cor das follas e talos nas etapas finais da senescencia; mentres que, usando caracteres fisiolóxicos como a taxa fotosintética poderíase identificar se o Stay Green é funcional ou non.

 “Hai unha parte das variedades de millo que se comercializan que teñen un stay green non funcional”

Nas distintas mostras de millo que estudou ¿Que diferenzas de senescencia chegou a atopar?
En todas as liñas estudadas e clasificadas con Stay Green visual e non Stay Green previo á investigación, confirmouse que na maioría de liñas o Stay Green foi funcional (é dicir manteñen a súa cor verde e alta taxa fotosintética por máis tempo durante a senescencia) e outra parte de liñas presentaron Stay Green non funcional.

Ademais, dentro das non funcionais, identificáronse poucas liñas con Stay Green cosmético (é dicir manteñen a súa cor verde, pero o seu aparello fotosintético está inactivo).

¿Poderíase cuantificar en canto pódese incrementar o rendemento do millo, tanto para forraxe como para gran, mediante Stay Green?
Con base na nosa investigación e considerando a utilización de liñas puras de millo (non híbridos, nin variedades), os xenotipos SG producen entre 0.5 e 1 t/ha de gran máis que as liñas normais. No caso da biomasa, as liñas SG producen entre 0.4 e 0.8 t/ha máis en comparación ás non SG.

“As variedades de millo con Stay Green producen até 1 toneladas máis de gran t de biomasa por hectárea”

En canto ao estado sanitario do millo e a súa resistencia a patóxenos, ¿Que diferenzas atoparon entre o millo con maior senescencia e o que presenta menos?
Na presente investigación non se incluíron este tipo de caracteres. Porén, de maneira xeral, observouse que as liñas Stay Green foron máis saudables e presentaron menor infestación de insectos, como tamén menor incidencia de patóxenos en relación ás liñas normais.

Como continuación deste traballo, teño entendido que, a curto prazo se iniciarán investigacións neste sentido na Misión Biolóxica de Galicia.

“As variedades Stay Green presentan menos problemas sanitarios que as normais”

¿Existen empresas xa interesadas en aplicar esta mellora xenética nas súas variedades de millo?
Si, existen empresas a nivel mundial que están a traballar na obtención de variedades e/ou híbridos Stay Green. Mesmo existe unha empresa produtora de sementes de millo que está a colaborar cos científicos da MBG para desenvolver sementes con estas características.

Marlon Gaicedo defendendo a súa tese no Campus Terra

Marlon Gaicedo defendendo a súa tese no Campus Terra

¿Cando prevé que poidan chegar a comercializarse millos mellorados en canto a senescencia?
Comercialmente xa existen variedades SG de diferentes cultivos que foron desenvolvidos con base a avaliacións visuais. Sen embargo, con seguridade de que o SG sexa funcional, non existen variedades que se estean comercializando actualmente, este proceso considero que entre 7 a 10 anos, podería ofertarse este tipo de variedades ou híbridos.

¿En que outros caracteres do millo ve marxe de mellora nos próximos anos?
Desde o punto de vista da sustentabilidade dos cultivos, conservación dos recursos naturais e contaminación do ambiente, poderíase mellorar para desenvolver variedades eficientes no uso da auga, na utilización de cantidades menores de fertilizantes químicos especialmente nitroxenados, redución de produtos químicos tóxicos entre outros aspectos.

 “Nuns 10 anos chegarán ao mercado variedades de millo con Stay Green funcional garantido”

Por que elixiu o CSIC e o Campus de Lugo para realizar a súa tese?
A elección fíxose en función da importancia e credibilidade a nivel mundial do CSIC en temas de investigación agrícola. Dentro do CSIC elixín a MBG, debido a que esta institución conta cun programa de millo moi fortalecido e científicos con moita traxectoria de investigación, o que se adaptaba de maneira precisa á miña formación profesional.

Adicionalmente, en anos anteriores (2009-2010) xa traballei cos científicos da MBG, polo que xa existía un antecedente e nexo laboral. A elección do Campus de Lugo, foi debido a que a miña formación previa enmarcábase mellor dentro do programa de doutoramento en ciencias agrícolas e ambientais e tamén porque, o INIAP (institución que financia a miña bolsa), seleccionou á Universidade de Santiago de Compostela para continuar cos estudos de doutoramento.

Galicia é unha rexión líder en España en cultivo de millo forraxeiro. ¿Que impresión leva deste cultivo en Galicia, en que aspectos cre que é necesario mellorar?
A miña impresión é moi positiva, especialmente porque o cultivo realízase baixo condicións de alta tecnificación, desde o uso de semente certificada na súa totalidade como no manexo do cultivo.

Non obstante, poderíase mellorar practicando actividades acordes coa agricultura de precisión, redución do uso de fertilizantes nitroxenados para reducir a contaminación, enmarcado dentro do cultivo orgánico, entre os principais.

En que liñas de traballo prevé seguir investigando?
As liñas de investigación que realizarei versan sobre a mellora xenética (convencional e moderna) de millo, integrando o SG como carácter adicional no desenvolvemento de híbridos; posterior a iso, validación e difusión da tecnoloxía xerada en millo tropical amarelo duro para a zona costeira do Ecuador. Adicionalmente, na conservación de xermoplasma nativo do Ecuador.

Algo máis que queira engadir?
A mellora de cultivares SG no caso do millo, permitiría desenvolver variedades para o dobre aproveitamento, é dicir, gran para a alimentación humana e animal e os residuos vexetais (carozo e palla) para a xeración de bioenerxía ou biocombustible.

En consecuencia, brindaríase aos produtores unha alterativa eficiente de produción, como a xeración de ingresos económicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información