“Os quilos de proteína é un dos rasgos máis seguros para a mellora xenética en vacún de leite”

Entrevista a Alejandro Fernández Fernández, xefe da Área de Selección e de Mellora Xenética do centro público Xenética Fontao. Asegura que a tendencia é a aumentar as calidades do leite pero advirte de que “a industria terá que pagar un diferencial”

“Os quilos de proteína é un dos rasgos máis seguros para a mellora xenética en vacún de leite”

Alejandro Fernández Fernández, xefe da Área de Selección e de Mellora Xenética do centro público Xenética Fontao

Alejandro Fernández Fernández é xefe da Área de Selección e de Mellora Xenética do centro público Xenética Fontao, o centro de referencia en España en xenética Holstein, con 14 dos primeiros 20 touros probados españois e con 15 dos mellores 20 touros xenómicos, un liderado que esperan renovar nas probas de CONAFE que se publicarán estes días.

O pasado día 19 participou no seminario practico sobre “Incremento da rendibilidade das explotacións leiteiras mediante a mellora xenética”, unha xornada organizada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Nesta entrevista fala do presente e do futuro da xenética Holstein en España e no mundo.

¿Cales son, ao teu xuízo, as principais recomendacións á hora de seleccionar un touro para acoplamentos nunha gandería de vacún de leite?
É obvio que a primeira premisa é que o touro sexa fértil. Buscaremos aquel semental para obter fillas máis rendibles no sistema produtivo propio de cada explotación; deberemos buscar vacas que produzan máis leite, de máis calidade para a súa transformación en derivados lácteos, que sexan máis lonxevas. Dependendo da meta que estableza cada gandería escollerase o touro.

Dada a evolución do mercado do leite e as previsións de futuro, ¿En que caracteres do ICO recomendarías ao gandeiro fixarse máis?
Non existe unha recomendación única, sempre dependeremos do que máis estea disposto a pagar o mercado en cada momento. Na conxuntura actual a cantidade de leite perde peso sobre a calidade pero é preciso que iso se materialice economicamente no pagamento do leite.

“Un dos rasgos ICO máis seguros son os quilos de proteína”

Os quilogramos de proteína son e serán un dos rasgos máis seguros e estables para seguir apostando pola súa inclusión nos índices de selección. É un carácter con heredabilidade media e, polo tanto, mellorable por selección.

¿En que situación se atopa a xenética Holstein española dentro do contexto mundial?
O nivel da xenética Holstein en España é bo; e o nivel de Galicia fronte a media nacional igualouse moito nos últimos quince anos. Hoxe en día, animais pertencentes a ganderías galegas lideran os listados xenéticos de mellores animais da raza Frisona en España.

Sen embargo, segue sendo común mercar xenética de Estados Unidos ou de Canadá dous touros números un, ¿Que hai de certo que eses touros sexan os mellores para as ganderías de vacún de leite de España e de Galicia?
A competencia é moi grande nun sector como o da xenética bovina. USA, Canadá e estados do norte de Europa teñen compañías xenéticas moi potentes e con forte implantación en España.

Sen embargo, os touros foráneos son probados en ambientes moi diferentes ás ganderías de leite de España. Pola contra, os nosos touros próbanse en base aos datos das súas fillas que nacen aquí, no noso medio e, polo tanto, a súa valoración xenética sempre será máis precisa para as nosas condicións particulares.

”A valoración xenética dos nosos touros é máis precisa para as nosas condicións”

É dicir, que non sempre o touro máis caro é o mellor para unha gandería…….
Por suposto que o touro máis caro non ten porque ser o de elección para unha gandería. As compañías xenéticas focalizan as campañas publicitarias sobre determinados sementais cos índices máis altos e estes serán os máis coñecidos polo gandeiro particular, pero non necesariamente os mellores para casos particulares.

Hai unha tendencia crecente á utilización de touros xenómicos, ¿É unha moda ou realmente ofrecen máis vantaxes para a mellora xenética do gandeiro que os touros probados?
A primeira avaliación xenómica oficial en España publicouse en novembro 2012. Nestes últimos anos as expectativas cos touros xenómicos estanse a cumprir e as cifras medias de utilización de touros xenómicos fronte a probados con fillas nos países máis desenvolvidos na xenética Holstein sitúanse nun 70% xenómicos fronte 30% probados. Os programas clásicos de testaxe de touros en base ás súas fillas están en serio retroceso.

Aseguras que a xenómica, en contra do que se pensaba, está a agravar os problemas de consanguinidade na raza Holstein. Explícate un pouco esta afirmación así como ofrece algunhas recomendacións ao gandeiro para reducir a consanguinidade no rabaño
Os machos e femias xenómicas que lideran os listados internacionais de animais xenómicos son das mesmas familias de vacas, en moito casos irmáns completos. Sirva como exemplo o seguinte dato: a consanguinidade media da poboación Holstein canadense incrementouse na década 2000-2010 soamente un 0,08%, mentres que nos últimos 5 anos (2010-2015) de “era xenómica” xa se elevou un 0,22%.

Estamos a comprobar que a xenómica concentra os mellores animais en moi poucas familias que se cruzan entre si para obter animais con índices máis altos. O incremento da consanguinidade media na poboación Holstein é imparable.

 “Coa xenómica o incremento da consanguinidade na poboación Holstein é imparable”

¿Podemos ir cara un escenario como o que sucede en porcino ou en avicultura, no que grandes multinacionais controlan o mercado con moi poucos reprodutores e vendendo xa os xatos ou xovencas aos gandeiros?
O gando vacún ten unha duración de intervalos xeracionais máis longos que o porcino e que as aves; coa irrupción das avaliacións xenómicas este período acurtouse significativamente e o fai máis atractiva para inversores. Un feito irrefutable é que as grandes compañías xenéticas internacionais están consolidando os seus programas xenéticos coa adquisición propia de femias novas sobresaíntes. Os centros de touros son propietarios de femias ademais de posuír os propios machos.

¿O ICO español evoluciona tan rápido como lle gustaría aos gandeiros e a centros de inseminación como Xenética Fontao?
A selección xenética é lenta, polo tanto, os obxectivos de selección deben fixarse a medio – longo prazo; cambialos con moita frecuencia non é recomendable aínda que cada certo período de tempo debería actualizarse esa “folla de ruta”.

O ICO español é decidido polo gandeiros españois nun determinado momento e cunhas condicións de mercado determinadas e é o máis axeitado para a gran maioría nese intre. Pero existen particularidades propias en cada granxa e as diferentes circunstancias que rodean á produción de leite son cambiantes no tempo. Esa é a razón pola que os índices de selección deben axustarse á realidade de cada período.

¿Cales cres que serán as tendencias a medio prazo en gando Holstein en canto a calidades, producir leite A2…etc?
No momento actual sobra volume de leite, e búscanse nichos específicos que valoricen máis o produto: Beta caseina e Kappa caseína B, enriquecidas en ácidos omega 3, alto contido de compoñentes para a transformación en derivados lácteos (graxa e proteína), animais xenéticamente mochos ou mougos…..etc. En cada momento haberá demandas específicas pero a industria terá que pagar un diferencial por ese leite.

¿Reducirase o peso da raza Holstein en España en detrimento doutras como a Jersey ou a Flekvieh?
España é o pais occidental no que a raza Holstein supón un unha porcentaxe máis alta dentro do conxunto de razas leiteiras, superior ao 98%.

A raza Holstein ten grandes vantaxes sobre outras razas especializadas na produción de leite: por un lado conta cunha grande poboación mundial e cunha grande variabilidade xenética que a fai ideal para a produción láctea aínda que cambien os obxectivos de selección e, por outro, é A raza que máis quilogramos de leite, graxa e proteína produce por lactación normalizada. Existirán tentativas de introdución doutras razas e/ou cruzamentos pero a posición da raza Holstein para produción de leite seguirá sendo hexemónica en España e no mundo.

“En Xenética Fontao contamos con 14 dos primeiros 20 touros probados españois e con 15 dos mellores 20 touros xenómicos”

¿Que oferta diferencial ten Xenética Fontao para os gandeiros neste momento en comparación co resto de competidores no mercado, boa parte deles grandes multinacionais?
Xenética Fontao ten un amplo abano de touros probados nas condicións ambientais de Galicia polo que os deus datos serán máis precisos para a nosa realidade produtiva galega. Traballamos basicamente co índice xenético español ICO e contamos con 14 dos 20 primeiros touros probados do listado de mellores touros españois. Dentro do grupo de mellores touros xenómicos de baixa fiabilidade sen datos de fillas, a hexemonía tamén é grande: Xenética Fontao posúe 15 dos mellores 20.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información