Os produtores de coello concentraranse ante a Xunta o día 24

Así o acordaron onte pola noite en Lalín nunha reunión impulsada por Unións Agrarias e á que acudiron representantes dos produtores de coellos de Galicia.

Os produtores de coello concentraranse ante a Xunta o día 24

Os produtores de coello, convocados por Unións Agrarias-UPA, concentraranse o vindeiro día 24 ante a sede da Xunta de Galicia en Santiago para protestar polos baixos prezos que arrastra o sector dende hai case dous anos. Ademais, non descartan accións de protesta nas grandes cadeas de distribución á que acusan de utilizar a carne de coello como produto reclamo.

Así o acordaron onte pola noite en Lalín unha vintena de produtores de coellos de toda Galicia convocados por Unións Agrarias. O responsable de Gandería de UPA, Román Santalla, promotor da reunión, asegurou que “agora mesmo, despois de case, dous anos, os prezos repuntaron ata situarse nos 1,80 euros o kilo, no límite de cubrir os custos de produción”.

Sen embargo, os produtores de coello teñen claro que antes de Nadal e ao longo de xaneiro os prezos volverán baixar, agravando as perdas económicas que sofren a maioría das explotacións. “E isto nunha situación na que hai escaseza de carne de coello no mercado, polo que o prezo debería estar por riba dos dous euros”, sinala Santalla.

Demandas ao Ministerio e á Xunta de Galicia

Esta situación anómala débese, segundo os produtores, ao mal funcionamento da Lonxa de Madrid, a que marca os prezos para Galicia e que, segundo Santalla, «é unha cova de Alí Babá manipulada por dous matadoiros e algúns produtores, e Galicia é a principal prexudicada». Nese sentido, reclámanlle ao Ministerio de Agricultura, entre outras medidas, que interveña para poñer fin a este desequilibrio na fixación de prezos.

Á Xunta de Galicia tamén lle reclaman axudas de mínimis e unha serie de medidas similares ás postas en marcha en apoio das explotacións lácteas, xa que a situación dos produtores de coello de Galicia “tamén é de risco de quebra económica tras acumular moitos meses vendendo a perdas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información