Os produtores de coello concéntranse en demanda de prezos xustos

Arredor dun cento de persoas maniféstase en Santiago ante a Xunta e ante un centro comercial para esixir unha regulación da cadea de valor que facilite a continuidade das granxas

En cada protesta do sector agrario, repítese unha demanda común, acompañada sempre da correspondente aclaración. As explotacións queren prezos xustos, non subvencións. Tamén hoxe escoitouse de novo a mesma petición en Santiago, na protesta dos produtores de coello ante a Xunta e ante a cadea de supermercados Carrefour, no centro comercial As Cancelas.

“Levamos desde hai dous anos vendendo por debaixo de custos uns 40 céntimos por quilo, o que nos está levando á ruina. Estamos aquí porque queremos prezos xustos” -explica Andrés Muñiz, presidente da cooperativa Cunigalicia-. “Se nos conceden axudas de minimis, servirán para aliviar a situación, pero non deixan de ser un parche. O que precisamos é que se corrixa a raíz do problema”, sinala.

“Levamos dous anos vendendo uns 40 céntimos por quilo por debaixo dos custos de produción” (Andrés Muñiz, Cunigalicia)

Lonxa de Madrid
O problema, os produtores entenden que está en boa medida na Lonxa de Madrid, que marca cada semana as cotizacións do coello cuns criterios que non convencen ás granxas. “O prezo prácticamente pono unha persoa en Madrid. Ese é o drama do sector. Os prezos non funcionan segundo a oferta e a demanda”, critica Muñiz.

Protesta dos produtores na praza situada ante Medio Rural, en Santiago.

“Por que os prezos da Lonxa de Madrid van 30 céntimos por baixo da de Cataluña?” (José Ramón González, Unións Agrarias)

Do mesmo xeito opina José Ramón González, de Unións Agrarias. “Por que o prezo da Lonxa de Madrid vai 30 céntimos por baixo do de Cataluña ou ata 50 céntimos por baixo dalgunha lonxa italiana?” -pregúntase González-. “O que está pasando aquí é que uns poucos quédanse coas ganancias –en alusión a industrias e matadoiros- e os demais coas perdas. Este sector sairá adiante poñendo prezos xustos e transparentes, aclarando a cadea de valor do produto. Necesítanse tamén axudas de minimis e apoios ó financiamento pola difícil situación que están pasando as explotacións”, conclúe.

Perdas do sector
O responsable do sector cunícola do Sindicato Labrego, Xosé Luis Santaclara, tamén representante do sector na Interprofesional do Coello, en Madrid, completa o diagnóstico. “No 2015 acumulamos unha perda estimada de 30 euros por coella. Unha granxa de 1.000 coellas leva perdidos 30.000 euros. Hai un problema de distribución das marxes de beneficio e iso é o que lle esiximos á Administración que solucione”.

“Hai un problema de reparto de beneficio e iso ten que solucionalo a Administración” (Xosé Luis Santaclara, Sindicato Labrego)

Arredor dun cento de persoas participou na concentración que se desenvolveu esta mañá ante a Consellería do Medio Rural, en Santiago. Os produtores dirixíronse despois á explanada do Carrefour das Cancelas, onde repartiron entre os consumidores folletos para animar ó consumo do coello e para explicar a difícil situación de prezos das granxas: “Sabías que criar un coello na granxa cústanos 1,85 euros por quilo e que os cunicultores percibimos de media no 2015 1,54 euros?”. As explotacións piden tamén que a distribución deixe de usar a carne de coello como produto reclamo, comercializado a baixos prezos.

Cifras do sector
En Galicia quedan na actualidade unhas 250 granxas de coello, dun total estatal que ronda os 3.000. Son poucas, tanto que nunha reunión co Ministerio de Agricultura chegáronlles a dicir unha vez que collían no patio dun colexio. “Ese non era motivo para deixarnos de lado. Tamén os directores dos bancos collen ben no patio dun colexio e ben que os axudaron”, cuestiona unha produtora. En próximas semanas, o sector continuará as protestas ante cadeas de distribución para forzar un cambio de postura nos supermercados e maior atención dos gobernos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información