Os produtores de coello aportaron uns 900.000 euros á extensión de norma en 2014, os matadoiros pouco máis de 200.000

Produtores e matadoiros seguen sen acordo na Interprofesional do Coello. Os produtores galegos reúnense esta tarde en Santiago coa conselleira do Medio Rural para analizar as medidas que pode tomar a Xunta para apoiar ao sector.

Os produtores de coello aportaron uns 900.000 euros á extensión de norma en 2014, os matadoiros pouco máis de 200.000

A Interprofesional do Coello (Intercun) vive un dos seus peores momentos debido ás diverxencias entre matadoiros e produtores. Así se puxo de manifesto na reunión celebrada onte en Madrid coa mediación do Ministerio de Agricultura para achegar posturas entre as partes e poder negociar en mellores condicións coa distribución.

“A reunión non serviu de nada porque Intercun está paralizada debido á negativa dos matadoiros a unha paridade entre produtores e matadoiros na aportación para a extensión de norma”, resume Xosé Luis Santa Clara, representante de COAG e do Sindicato Labrego Galego na interprofesional do coello.

Os produtores aportaron uns 900.000 euros á extensión de norma en 2014 e os matadoiros pouco máis de 200.000

A extensión de norma é a principal vía de financiamento de Intercun a través dunha achega por kilogramo de coello e ten como función financiar campañas de promoción do consumo desta carne así como a realización de estudos sobre cunicultura.

Sen embargo, as diverxencias xorden á hora do reparto: os produtores aportan 0,01 euros por kilo mentres que os matadoiros só 0,002 euros, “o que na recadación de Intercun do pasado ano se traduce en 900.000 euros aportados polos produtores e pouco máis de 200.000 polos matadoiros”, asegura Xosé Luis Santaclara. Unha situación que agrava aínda máis a crise de prezos que padecen os produtores de coello.

Xosé Luis Santaclara: “Mentres non haxa paridade na aportación á extensión de norma, Intercun non funcionará”

Neste sentido, na reunión de onte en Madrid os produtores plantearon dar de baixa a extensión de norma para empezar a negociar un reparto máis paritario que entraría en vigor a mediados do próximo ano.

Porén, “a resposta dos matadoiros foi negativa, e o Ministerio tampouco está pola labor de deixar de aplicar a extensión de norma”, asegura Santaclara, quen augura que “mentres isto non se resolvan Intercun non funcionará”.

“A conclusión que sacan os produtores é que hai unha parte importante dos matadoiros que non cren na extensión de norma e que a están bloqueando”, resume.

Reunión esta tarde coa conselleira do Medio Rural

Por outra parte, esta tarde, a partir das 17:30 horas, está prevista unha reunión en Santiago entre a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e representantes dos produtores. A reunión, que terá lugar na sede da Consellería, prodúcese despois do apoio ao sector recabado este luns entre os diferentes grupos políticos do Parlamento de Galicia. As principais demandas dos produtores de coello para a Xunta de Galicia son a concesión de axudas de mínimis para paliar as perdas provocadas polos prezos por debaixo dos custos de produción; unha campaña de apoio ao consumo de carne de coello e a intervención política da Xunta de Galicia para dotar de transparencia á Lonxa de Madrid, a que fixa os prezos para todo o Estado, e na que os produtores consideran que os prezos son fixados unilateralmente á baixa polos matadoiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información