Os produtores de castaña, ante o reto dunha maior organización

As dificultades do mercado este ano, cunha forte caída de prezos nas últimas semanas de campaña e con problemas de comercialización, revelan puntos febles do sector

Os produtores de castaña, ante o reto dunha maior organización

O sector mantén que as axudas para novas plantacións non benefian a pequenos produtores. / Imaxe: Arquivo (CIF Lourizán).

O sector produtor de castaña presenta en Galicia unha situación crónica de desorganización que lastra o seu desenvolvemento. A castaña, na maioría dos casos, constitúe só un complemento da renda, polo que existe unha escasa profesionalización e as iniciativas de asociacionismo son poucas e de reducida dimensión. Así as cousas, o sector depende da demanda, condicións e prezos que marcan intermediarios e empresas.

“En 15 días a castaña baixou un euro. Houbo castaña de calidade pagada a 0,70-0,90 euros” (José Manuel Guerra, produtor)

As últimas tres campañas, a partir do 2012, caracterizáronse por unha significativa mellora no prezo e na demanda de castaña, unha situación que escondeu os puntos febles da cadea en Galicia. A campaña este ano, sen embargo, estivo marcada por unha menor demanda e por prezos á baixa. A produción galega tivo que enfrontarse a unha maior oferta das principais áreas produtoras de Europa, caso de Italia, recuperada xa dos danos da avispiña do castiñeiro, e viu tamén como a recollida se adiantou, en plena época de temperaturas suaves que non animaron o consumo.

O resultado foi o descontento entre os produtores e un clima de inseguridade ante o que sucederá en próximas campañas. “Este ano a campaña comezou a bos prezos, mesmo a 1,60 euros o quilo, pero en cousa de 15 días baixou un euro. É unha situación que non semella normal, algo está fallando” -valora José Manuel Guerra, un produtor de castaña da Gudiña (Ourense)-. “Houbo castaña de calidade excepcional que se pagou a entre 0,70 e 0,90 o quilo, sobre todo nas variedades de tarde”, cuestiona.

“A industria debería defender a produción autóctona e apostar pola IXP Castaña de Galicia, non importar de Portugal” (Mónica Vázquez, produtora)

IXP Castaña de Galicia
O sector demanda un maior compromiso das industrias coa castaña amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. “Este ano foi o primeiro ano que se nos pagou algo máis por estar en Castaña de Galicia” -conta Mónica Vázquez, produtora da comarca de Valdeorras e integrante do Sindicato Labrego-. “É preciso defender a castaña galega. A industria pode traer castaña tamén boa de Portugal a bo prezo, pero se se loitou por poñer en marcha unha IXP en Galicia, o lóxico é que as industrias defendan a produción autóctona”, sinala.

“Había por parte das empresas un compromiso de levar a castaña da IXP nun prazo non maior a tres días desde a recollida, pero non se está respetando”, sinala tamén José Manuel, da Gudiña.

“Un 95% da castaña entregada este ano era de calidade; non hai motivo para as queixas das empresas” (José Manuel Guerra)

Calidades
Parte das empresas do sector cuestionan a calidade da castaña entregada polos produtores galegos pola presencia de excesivas porcentaxes de froito bichoso ou boleco, un aspecto que os produtores negan en redondo. “A calidade este ano da castaña foi moi boa. En xeral, na castaña entregada, podía haber un 95% de castaña de calidade e un 5% que fose mal, pero que tamén ten saída para subprodutos como piensos”, apunta José Manuel Guerra.

De similar opinión é o responsable de Agricultura de Unións Agrarias, José Ramón González., que advirte ademais da responsabilidade de intermediarios e empresas na calidade comercializada. “O normal é que os compradores leven toda a castaña e que, a súa vez, moitos a comercialicen así, sen separar a boa da mala. Toda a castaña se víña pagando ó mesmo prezo, polo que non se incentivaba que os produtores a clasificasen”, critica.

“Os compradores adoitan pagar o mesmo prezo por toda a castaña. Non se incentiva que se escolla” (José Ramón González, Unións Agrarias)

Necesidades
Que precisan os produtores para ser máis competitivos? O minifundio, a falta de profesionalización, que leva a un descoido dos soutos, e o escaso asociacionismo son algunhas das eivas nas que coinciden os produtores consultados. “Coa mellora do prezo da castaña nos últimos anos, houbo xente nova que se animou a comezar a producir castaña, pero debería de haber apoios orientados a eles” -valora Mónica Vázquez-. “As axudas para novas plantacións, por exemplo, esixían ter un mínimo dunha hectárea continua, que non é o máis habitual. Eran axudas que beneficiaron sobre todo a empresas e montes veciñais, pero non ós pequenos produtores”, salienta.

“As axudas para novas plantacións foron orientadas a empresas e montes veciñais, non ós pequenos produtores” (Mónica Vázquez)

O apoio á recuperación e coidado dos soutos actuais, en retroceso nos últimos anos por problemas como o chancro, é outra das cuestións sobre as que incide o sector. “En Galicia necesitamos un centro de referencia para a castaña que sirva para asesorar ás grandes zonas produtoras do interior de Lugo e Ourense”, defende José Ramón González.

“Non hai que ir moi lonxe para saber como facer as cousas ben. En Portugal, usaron as axudas europeas para crear asociacións e cooperativas que funcionan, que fan novas plantacións, que están mecanizadas e que teñen asesoramento técnico”, enumera González. “É precisa unha maior implicación da Administración para impulsar o sector”, demanda.

“Galicia necesita un centro de referencia para o sector. Non hai que ir lonxe para ver como se fan as cousas ben” (José Ramón González)

A falta de vertebración da cadea de valor da castaña en Galicia é outra das contas pendentes. “Hai moita distancia entre produtores e industrias. Falta comunicación e diálogo para intentar facer as cousas ben”, reflexiona José Manuel Guerra. “O problema en Galicia –engade González- é tamén que hai un alto número de intermediarios que non lle aportan ningún valor á castaña”. O escenario actual presenta o reto dunha maior organización do sector produtor e dunha mellor vertebración da cadea, aínda que a idea do asociacionismo semella non prender.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información