Os prezos do leite en España sitúanse un 9% por baixo da media europea

A media das cotizacións estatais mantívose por riba da europea a maior parte do 2016, pero a recuperación iniciada en outubro na UE chegou en menor medida ó agro español

Os prezos do leite en España sitúanse un 9% por baixo da media europea

Comparativa dos prezos medios na UE e en España nos últimos catro anos. / Fonte: Ministerio de Agricultura.

Os prezos do leite en España sitúanse por baixo da media europea en épocas de prezos medios ou altos. O contrario sucede cando as cotizacións tocan chan, como sucedeu no 2016. Entón, os prezos en España baixan en menor medida e mantéñense por riba da media europea. Así foi ata outubro do pasado ano, cando a recuperación de prezos se consolidou en toda a UE a un ritmo moi superior ó español. Seis meses despois, as cotizacións na UE sitúanse un 9% por riba das españolas.

A recuperación deixa un prezo medio en febreiro na UE de 33,67 euros por 100 quilos, en tanto en España sitúase en 30,68 euros, segundo os datos publicados polo Ministerio de Agricultura no último informe de coxuntura láctea.

O modelo de negocio da industria láctea española, centrado en boa medida no leite líquido, explica unha maior estabilidade dos prezos, sen os picos e as caídas derivadas das cotizacións dos produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, queixos, etc.).

Ofertas nos supermercados
Cando no 2016 se disparou a intervención de leite en po a baixos prezos, as cotizacións españolas puideron manterse por riba das europeas. Agora que o mercado se recuperou, ó conxuntarse oferta e demanda, os prezos no resto de Europa están a subir moi por riba da tendencia española.

Desde o sector agrario considérase que unha das limitacións que impiden unha recuperación maior en España sitúase nas cadeas de supermercados, que nos últimos meses foron reducindo os prezos do leite, con ofertas no entorno dos 55 céntimos.

Con eses prezos, razonan as organizacións agrarias, dificilmente poden mellorar as contas do resto da cadea de valor do leite, pois resulta complicado trasladar aumentos de prezos no campo ata o consumidor final. A formación do prezo do leite en España continúa a ser en boa medida de arriba para abaixo, é dicir, do supermercado ata o gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información