Os prezos dos lácteos medran pola baixada da oferta mundial

A poxa de commodities do Global Dairy Trade, principal referencia no mercado internacional, subiu arredor dun 20% nas dúas sesións de agosto. O valor dos produtos industriais acada o mellor nivel desde outubro do 2015

Os prezos dos lácteos medran pola baixada da oferta mundial

Evolución do índice de prezos do Global Dairy Trade nos últimos 10 anos.

Os baixos prezos que durante o último ano arrastraron os produtos lácteos industriais están a cambiar de tendencia. O Global Dairy Trade (GDT), a poxa de commodities que organiza a neozelandesa Fonterra, acadou esta semana unha suba de cotizacións do 12,7%, que sumada ó aumento da anterior sesión, a inicios de agosto, dá unha suba acumulada de arredor do 20%. Os prezos dos lácteos industriais (manteiga, leite en po, caseína, etc.) chegan así as súas mellores cifras desde outubro do 2015.

Con todo, os niveis do GDT, a principal referencia no mercado internacional de lácteos, continúan a ser baixos, similares por exemplo ós da crise do 2012. As próximas poxas, a celebrar en setembro, serán claves para apreciar se esta tendencia á alza dos prezos se mantén.

Baixada da produción
Que factores explican a mellora do mercado dos produtos lácteos industriais? Os expertos internacionais valoran a redución da oferta de leite como un dos factores determinantes da mellora, segundo recolle hoxe o The Wall Street Journal. Tanto Australia como Nova Zelanda, dous grandes produtores internacionais, reduciron a súa oferta no último ano, o 1,6% no caso de Nova Zelanda e o 2% en Australia.

Nova Zelanda e Australia reduciron entregas no último ano. Agárdase que a UE modere o seu crecemento

A Unión Europea, segundo os últimos datos coñecidos, de maio, mantiña aínda unha produción en aumento en relación ó 2015, se ben confíase nunha moderación do crecemento. O plan que emprenderá Bruxelas en setembro para incentivar reducións voluntarias das entregas de leite terá previsiblemente un efecto positivo sobre o mercado.

En Estados Unidos, a produción tamén medrou nos últimos meses, se ben os baixos prezos do leite están a facer que se reduzan as previsións oficiais de entregas de leite para os próximos meses.

Mellora das exportacións
Outro factor a ter en conta na mellora do mercado é o aumento das exportacións. A reactivación da demanda china permitiu que a UE aumentase un 6% as súas exportacións (en leite equivalente) nos primeiros cinco meses do ano. Nova Zelanda tamén experimentou esa mellora do mercado exportador.

O veto ruso ás exportacións lácteas da UE, Norteamérica e Australia continúa a lastrar as vendas internacionais de lácteos, pero a evolución positiva do mercado en relación ó pasado ano é clara. De continuar a contracción da oferta mundial, os expertos vaticinan a recuperación dos prezos en orixe do leite na última parte do 2016.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información