Os países nórdicos reducen nun 70% a incidencia da mamite: ¿Como o lograron?

O manexo do rabaño, a prevención ou a mellora das razas son algúns dos aspectos claves para conseguir unha menor afección da enfermidade. O veterinario Olav Osteras revisa os factores máis determinantes para reducir os casos nos últimos anos

Os países nórdicos reducen nun 70% a incidencia da mamite: ¿Como o lograron?

Unha gandería de pastoreo en Suecia.

Nos últimos 25 anos, os países nórdicos (Suecia, Noruega, Finlandia, Dinamarca e Islandia) conseguiron reducir a incidencia da mamite nun 70% incidindo na prevención e o manexo dos seus rabaños. Así, conseguiron unha produción máis eficiente e superior, a pesar da redución no número de gandarías e cabezas de gando que se produciu nestes anos.

“A clave é reducir a taxa de novas infeccións e incrementar as curacións, a base dun bo manexo e inmunidade do rabaño”

Frear a incidencia dunha das infeccións máis importantes para o vacún de leite como son as mamites clínicas tamén lles permitiu reducir a cantidade de antibióticos. “A clave é reducir a taxa de novas infeccións e incrementar a taxa de curacións”, explica o veterinario Olav Osteras, que traballa como consultor de Tine S.A., a maior cooperativa de produtos lácteos en Noruega. O experto participou recentemente nas IX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Servet Talavera, unha firma especializada no control integral de mastite e a calidade de leite e cuxo director técnico é Luís Miguel Jiménez.

Para conseguir reducir os novos casos de mastite e incrementar as curacións Olav Osteras remite a unha receita baseada nun bo manexo e lograr unha boa inmunidade no rabaño. Gandeiros e veterinarios desempeñaron un papel fundamental para reducir os casos nestes países.

Cambio de criterio

Un dos países nos que se detectou unha redución significativa dos casos de mamite clínica foi Noruega, cunha diminución que case alcanza o 70%, aínda que a tendencia foi similar, aínda que con flutuacións, no resto de países. Ao analizar a evolución da enfermidade, Osteras detecta que foi determinante o cambio de aptitude no tratamento para reducir a incidencia e á vez o uso de antibióticos.

A comezos dos anos 90, a gran presión da sociedade sobre o uso de antibióticos no sector primario fai repensar os tratamentos. No caso de Noruega, os esforzos centráronse primeiro na industria do salmón, que empregaba nas súas factorías ao redor de 42 toneladas de antibióticos ao ano en 1992. En 3 anos conseguiron que esa cifra pasase a 1 tonelada ao ano e na actualidade sitúase en 0,5 tonelada.

Comezaron a tratar con antibiótico só os casos que tivesen infección

Tra-lo salmón, as presións centráronse no sector gandeiro que a comezos dos 90 empregaba ao redor de 9 toneladas ao ano. “Comezou a concienciarse tanto a gandeiros como veterinarios de tratar con antibiótico só aquelas vacas que realmente tivesen infección, xa que o resto non necesitan tratamento”, concreta o veterinario.

Ademais, os veterinarios comezaron a informar de todos os tratamentos para incluílos nunha base de datos coa que ter un rexistro oficial. Estes datos tamén foron utilizados por outras administracións para asegurar a trazabilidad dos alimentos. Contabilizábanse os casos de mastite clínica rexistrados, os casos estimados, os antibióticos utilizados, así como outros tratamentos empregados. “Contar con estes rexistros foi moi positivo para analizar como actuaban os distintos países ante a mastite”, indica.

Maior prevención

Outro dos factores que contribuíu a reducir a incidencia de mastite derivou de incrementar a prevención e para iso foi determinante contar con datos que puidesen facilitar a toma de decisións. En Noruega, a Asociación de Vacún de Leite comezou a recompilar información sobre os rabaños como a bacterioloxía tanto no tanque de leite como por vaca, así como os casos de mastite que se producían que achegaban información tanto ao gandeiro como aos veterinarios. “Tomar a decisión adecuada no momento preciso para cada vaca pode ser crucial para atallar a mamite na granxa”, comenta Osteras.

”Tomar a decisión adecuada no momento preciso para cada vaca pode ser crucial para atallar a mamite na granxa”

O rexistro dos animais tamén permitiu melloras na crianza dos animais. “O rexistro de animais é moi importante cando queres incentivar as medidas de prevención”, indica o veterinario. Ademais, nas granxas dos países nórdicos, a pesar das diferenzas que existen entre as condicións de produción duns a outros, produciuse un cambio estrutural cara a un manexo máis profesional con maiores rabaños e ordeños automáticos.

No afán por contar con rexistros sobre a saúde dos seus rabaños decidiron incluír a mesma metodoloxía para poder establecer comparacións entre os distintos países e incorporar aquelas medidas que fosen tendo resultados positivos. De feito, nos anos 90 detectaran que as diferenzas nos métodos de cálculo ofrecían datos moi dispares, así é que mentres Noruega e Suecia nesa época contaban cunha incidencia de mastite do 20% no caso do primeiro contabilizábanse 0,48 casos por vaca mentres que en Suecia a taxa era de 0,21 casos por vaca. “Comparar os resultados entre os diferentes países axudounos moito a mellorar a saúde do ubre das nosas vacas”, concreta o veterinario.

Valorar os recontos celulares

Ao dispor de datos que lles permitisen unha comparativa puideron fixarse nas medidas que aplicaba cada país e os resultados que obtiñan fronte á mastite. Un dos casos máis significativos foi o de Finlandia onde detectaron unha redución importante dos casos derivada dos cursos de técnicas de ordeño que estaban a impartir no país e cos que melloraran o manexo e a detección da mastite. “A cooperación entre países é fundamental á hora de buscar solucións a un problema común como a mastite”, valora.

“A mamite cústalle ao gandeiro en termos de leite que deixa de producir pero tamén no maior consumo de penso da vaca”

Os recontos celulares foi outro dos aspectos a ter en conta, xa que incide directamente tanto na calidade do leite como na produción. Así, cando a vaca está a loitar contra a infección produce un maior número de células somáticas e isto leva un custo dado que se reduce o volume de produción e ao mesmo tempo increméntase a inxesta de alimento por parte do animal. “A mamite cústalle ao gandeiro en termos de leite que deixa de producir pero tamén no maior consumo de penso, xa que comen máis porque o necesitan para recuperarse”, comenta o veterinario. Estímase que unha vaca necesita 2,5 quilos de glucosa diaria para loitar contra a infección.

O veterinario tamén incide na importancia de contar cuns recontos celulares baixos para conseguir un leite de maior calidade. Se aumentan os recontos celulares increméntase a presenza de enzimas que mesmo poden ser agresivos e que teñen un impacto sobre a calidade do leite para a elaboración de queixos e na duración do leite sen deteriorarse.

En base á experiencia e os rexistros destes anos, Osteras alerta que poden darse diferenzas entre os recontos celulares no tanque do leite e a incidencia real da enfermidade na gandaría. “Os recontos de células somáticas no tanque só nos dan información da xestión que se fai do leite, pero non nos di realmente o estado da gandaría”, indica o veterinario.

Terapia de secado

A terapia de secado selectivo foi un dos cambios que se introduciu nos países nórdicos, aínda que de diferente medida en función de cada rexión, o que lles permitiu realizar comparativas efectivas. Mentres que en Noruega, as terapias de secado estaban case prohibidas para evitar a resistencia de bacterias, outros países como Suecia e Dinamarca levaban anos utilizándoas sen detectar unha maior resistencia. “Estes datos fannos pensar que unha terapia de secado realizada adecuadamente non implica un aumento da resistencia bacteriana”, concreta o veterinario.

Por este motivo, nos últimos anos Noruega apostou por realizar terapia de secado selectivo aos seus rabaños tras unha selección dos exemplares en base á bacterioloxía e os recontos de células somáticas. En países como Suecia ou Dinamarca o secado utilízase se hai infección.

Melloras nas razas

A mellora xenética das razas en produción foi outro dos factores determinantes na redución da mastite. Estímase que o 30% da redución de mastites clínicas débese á eficiencia dos cruces de razas coa raza norueguesa. Desta forma conseguiron incrementar a resistencia e a produción leiteira. “Nos anos 70 tiñamos síntomas moi graves da mastite, mesmo con gangrenas, que agora xa non se ven nas granxas e iso débese, en parte, á mellora xenética da raza”, explica o veterinario.

O 30% da redución de mastites clínicas débeuse á eficiencia dos cruces de razas

A pesar das melloras logradas nos últimos anos, o obxectivo nestes países é lograr unha taxa de incidencia que se sitúe no 0,05 por vaca ao ano e recontos celulares en tanque por debaixo de 100.000 células somáticas. “Xa temos granxas con estas cifras e estamos convencidos de que é posible logralo”, conclúe o veterinario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información