Os oficios tradicionais, protagonistas o 25 en Castroverde na Feira de Artesanía

O programa inclúe demostracións ao vivo, postos de artesanía e alimentación, degustacións, música, expectáculos de maxia, títeres e circo, desfile de moda e concentración de coches e motos clásicas

Ambiente da Feira de Artesanía de Castroverde. Foto: Manuel Fuentes

Ambiente nunha edición anterior da Feira de Artesanía e Gastronomía de Castroverde. Foto: Manuel Fuentes

O Concello de Castroverde celebra o domingo 25 de agosto a XIV Feira de Artesanía e Gastronomía , que inclúe degustacións de razas autóctonas, música, demostración de oficios tradicionais, postos de artesanía e gastronomía, espectáculos de maxia, desfile de moda e a VII Concentración de Motos e Coches Clásicos.

A Feira de Artesanía de Castroverde é un evento para desfrutar das tradicións, dos oficios de sempre: o cesteiro, o oleiro, o panadeiro, a teceira, etc. Ademáis contará con degustacións gastronómicas e durante todo o día haberá obradoiros artesanais e demostracións ao vivo de oficios tradicionais. Xunto coa variedade, outro dos aspectos máis destacables desta celebración é a participación. Durante todo o día os asistentes poden ver aos artesáns traballar e mesmo animarse a probar coa olería, a cestaría ou a confección de instrumentos musicais.

Participan tamén distintos establecimentos e veciños da vila, que se implican na organización das distintas actividades que complementan a feira en si, como a concentración de motos e coches clásicos, que pola mañá realizarán un percorrido pola vila de Castroverde ou os desfiles de moda que terán lugar antes de xantar. Tamén pola mañan habera unha demostración de esculturas de madeira elaboradas con motoserra a cargo de Eugenio Linares.

O pregoeiro, Carlos Reija, na súa queixaría

O pregoeiro, Carlos Reija, na súa queixaría

O pregón correrá a cargo de Carlos Reija, da queixaría Santo André, que elabora en Castroverde queixos de autor e baixo a denominación de orixe Queixo do Cebreiro, e que recibiu nos últimos anos numerosos premios que avalan a súa traxectoria e a calidade dos seus produtos desde que decidiu transformar a súa explotación leiteira da parroquia de Barredo en queixaría.

No recinto feiral poderanse probar tamén outros produtos galegos amparados por distintivos de calidade, como os elaborados a partir das razas autóctonas Porco Celta e Galiña de Mos nunha food truck especializada en razas autóctonas galegas.

Un cento de postos e actividades durante todo o día

A Feira de Artesanía de Castroverde está cargada de tradición pero tamén de innovación e de actividades para todos os públicos durante todo o día, con persoas chegadas de toda a provincia de Lugo, o que a fai unha das máis concorridas da comarca tanto polo público asistente coma polo número de participantes. En total, xúntanse un cento de postos chegados de toda Galicia e mesmo de León, polo que esta cita preséntase coma unha oportunidade única para atopar produtos exclusivos da man dos seus autores.

Demostración de talla de madeira nunha edición anterior

Demostración de talla de madeira nunha edición anterior

Arredor da feira ten lugar toda unha xornada repleta de cousas que facer en familia, con oferta para nenos e maiores e unha asistencia que acostuma rozar as 5.000 persoas. Pola tarde haberá títeres e circo para o público infantil e unha gala de maxia a cargo do ilusionista Dani García.

Durante todo o día, distintos grupos de música de Castroverde e de concellos veciños animarán a xornada e porán a parte festiva á feira. Este ano ademais dos anfitrións, a Asociación Cultural e Musical Zucurrundullo de Castroverde, participarán Os Carapaus e Charanga Louband.

O campo da feira, un entorno con moito encanto

A Feira de Artesanía de Castroverde, que chega este ano á súa edición número 14, celébrase desde o 2005 nos pendellos da feira de Castroverde, na área recreativa Veiga do Olmo, onde tamén se atopa o campo de fútbol da localidade e a piscina municipal. O lugar en si supón un atractivo espazo restaurado e situado a carón do río e dunha carballeira onde se pode, por exemplo, comer o polbo ou descansar.

Castroverde é un concello da provincia de Lugo que mantén aínda unha importante actividade agrogandeira e celebra a súa feria tradicional en domingos alternos durante todo o ano. O emprazamento fai que sexa unha das feiras con máis encanto da provincia de Lugo.

Programa completo

Cartel Coches A3 2019-3Cartel Coches A3 2019-4CARTEL A3 2019Cartel Coches A3 2019-2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información