Os novos agricultores, castigados na asignación de dereitos de pago básico da PAC

Para poder acceder á Reserva Nacional de dereitos, a Organización de Productores de Leche (OPL) advirte de que os incorporados á agricultura deberían ter o control de máis da metade da explotación á que acceden, algo complicado

Os novos agricultores, castigados na asignación de dereitos de pago básico da PAC

En explotacións asociativas, os incorporados teñen difícil controlar máis da metade da granxa.

Se un agricultor novo que se incorpora á agricultura quere solicitar dereitos de pago básico da PAC da Reserva Nacional, tería que dispoñer do control do 51% da explotación á que se incorpora. Esa posibilidade é considerada pola Organización de Productores de Leche (OPL) como un “atranco grave”. “Ningún produtor vai deixar que unha persoa nova que se incorpora controle máis da metade da súa explotación”, advirte o presidente da OPL, Manuel Iglesias.

A situación pode ter encaixe nunha explotación familiar na que o incorporado vaia suceder ó titular, pero en explotacións cooperativas, como as Sat, non ten solución. “Imaxinemos unha Sat con tres socios de tres familias distintas. Cada un ten un 33,3% da explotación e se se incorpora unha persoa nova está claro que non lle van ceder o 51% da granxa”, explica Manuel Iglesias. “Na OPL temos varios casos de agricultores novos que se atopan con esta situación”, advirte.

Cobro da PAC por xubilados
A OPL demanda un maior compromiso das Administracións no apoio ós agricultores a título principal. “Non é nas incorporacións onde se deben facer os recortes, senón no elevado número de perceptores da PAC que xa non teñen actividade agraria na realidade por estar xubilados”, cuestiona Manuel Iglesias.

“Non é nas novas incorporacións onde se deben facer recortes, senón no elevado número de perceptores da PAC que xa están xubilados”

“En España, para acceder a unha axuda de incorporación ó agro tes que ter un 50% de ingresos da agricultura, pero sen embargo, unha persoa xubilada pode seguir cobrando a PAC se só mantén un 20% de ingresos da actividade agraria”, compara Manuel Iglesias. “Se queremos que as axudas da PAC sexan un complemento da renda agraria, hai que darllas ás persoas que verdadeiramente viven da agricultura e da gandería”, demanda a OPL. “En lugar diso, semella que as Administracións queren ter como perceptores de axudas ó maior número de votantes posibles”.

Retrasos no cobro da PAC

A OPL critica tamén os retrasos que se están producindo en Galicia no cobro da PAC, sobre todo no caso de grandes explotacións, unha situación que afecta tamén ás empresas proveedoras do agro, que en moitos casos levan meses agardando para cobrar polos problemas de liquidez das granxas.

Máis información
Circular do Fega sobre a asignación de dereitos de pago básico ós novos agricultores

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información