“Os nosos viños non son tradicionais, son froito dun coñecemento intenso”

Carlos Moro, presidente do grupo Matarromera, con nove adegas en Castilla y León e Rioja, explica a aposta continua pola innovación que caracteriza o seu traballo. “Buscamos ser mellores e máis rendibles”, subliña

Publicidade
“Os nosos viños non son tradicionais, son froito dun coñecemento intenso”

Carlos Moro, no Foro Galicia Alimentación, organizado polo Cluster Alimentario de Galicia (Clusaga). / Imaxes: Clusaga.

O presidente do grupo Matarromera, Carlos Moro, é unha das referencias en innovación no mundo do viño. “Desde o ano 2000, desenvolvemos 89 proxectos de I+D+i, temos acordos de colaboración con 19 universidades, cada unha líder nas cuestións coas que traballamos, e adicamos o 20-30% da facturación anual a innovación”, detalla. Con esta tarxeta de presentación, Carlos Moro interviu no último Foro Galicia Alimentación, no que explicou algunhas das claves do éxito de Matarromera.

O grupo Matarromera naceu no ano 1988 cando o seu presidente, Carlos Moro, retornou a Ribera del Duero tras formarse como enxeñeiro agrónomo e como enólogo. “Na casa sempre me dixeron, o de aquí xa o tes, fórmate para ter algo máis”, lembra.

“Sempre fomos a cada denominación coa idea de facer algo distinto ó que xa había”

Fíxose entón cargo das 90 hectáreas de viñedos familiares e creou a adega Matarromera, a primeira das nove que hoxe en día conforma o grupo. O seu traballo extendeuse de xeito progresivo ás denominacións de Toro, Rueda e Cigales. Nos últimos anos entrou tamén en Rioja para facer viños de autor, baixo a marca Carlos Moro.

“A cada denominación fomos sempre coa idea de facer viños distintos ós que xa había. Cigales, por exemplo, cando nós entramos caracterizábase polos viños rosados, que tiñan un baixo consumo, e decidímonos a facer alí tintos de guarda”, conta Carlos Moro.

“Vannos mercar máis por ser lideres en sostibilidade? Non o sei, pero hai cadeas como Tesco que xa valoran esa cuestión”

Os viños do grupo son produto dun equipo de traballo no que a investigación é unha constante. “Todo o equipo, en maior ou menor porcentaxe, participa dos procesos I+D. Tamén nos preocupamos de que o equipo I+D, que compoñen 12 persoas, participe dos procesos produtivos e non estea afastado da realidade”, valora. “Os nosos viños non son tradicionais, son froito da reflexión dun coñecemento intensísimo por parte de todo o equipo”, conclúe.

Sostibilidade

O obxectivo dos procesos de innovación sitúao Carlos Moro en “ser mellores e máis rendibles”. “Ás veces temos o debate de se as innovacións son rendibles. Vannos mercar máis por ser lideres en sostibilidade e coidado do medioambiente? Non o sei, pero estamos vendo que cadeas convencionais, como a británica Tesco, xa están valorando esas cuestións. Estámonos adiantando ó futuro”, defende Carlos Moro.

“Os produtos naturais e a aposta pola produción ecolóxica son cuestións nas que cremos. Fomos tamén os primeiros en calcular a pegada de carbono do viño en España”, destaca.

Polifenois do viño
Outra das liñas estratéxicas do I+D (Investigación + Desenvolvemento) da compañía céntrase na deconstrución molecular do viño, que lle permitiu, por exemplo, crear unha gama de viños sen alcol. “Co viño sen alcol, lanzamos unha nova categoría de produto que non existía”, destaca o presidente do grupo.

Viño sen alcol, cosméticos ou extractos para alta gastronomía son algúns dos resultados dos procesos de I+D do grupo

Tamén froito do traballo de deconstrución do viño é a extracción de polifenois, uns compostos antioxidantes de gran interese en campos como a nutrición ou a cosmética. “Estudamos os compoñentes do viño e analizamos como valorizalos. A partir dos extractos de polifenois, creamos unha liña de cosméticos de alta gama (Esdor) e outra de ingredientes naturais para alta gastronomía (Vinesenti)”.

Olivo
O forte do grupo Matarromera é o mundo do viño. Conta con 9 adegas propias e 570 hectáreas de viñedo, pero tamén se está extendendo a outros campos. Dispón de 130 hectáreas de olivares en Castilla y León, a partir das que sacou a súa propia marca de aceite, e de 300 hectáreas de cultivos tradicionais.

Dixitalización

Matarromera está presente en 78 países e mantén unha aposta clara pola comunicación dixital, con 23 webs corporativas, canles sociais e plataformas de comercio electrónico. “Cando foi o boom das .com, montei unha empresa dixital e fracasei, pero agora vemos que chegou o momento do comercio electrónico no mundo do viño. Mes a mes, medran as vendas”, sinala Carlos Moro.

A dixitalización do traballo interno, incluíndo a creación dun caderno de campo dixital, é outro dos retos que xa está afrontando a compañía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información