“Os lazos comunitarios fan que hoxe no rural haxa menos odio cara as persoas LGTBI”

Entrevista a Ángel Amaro, sociólogo e activista Lgbti e un dos impulsores do foro  “O rural galego entende. Faite ver!” que se celebrará este sábado en Arzúa.

“Os lazos comunitarios fan que hoxe no rural haxa menos odio cara as persoas LGTBI”

Ángel Amaro, sociólogo e activista Lgbti

Galicia acollerá este sábado o primeiro foro que se celebra en Europa organizado por un sindicato agrario sobre a relación entre as persoas Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais (LGTBI) e o mundo rural.

Ángel Amaro, sociólogo e activista LGTBI residente no rural, en concreto no concello ourensán do Pereiro de Aguiar , é un dos impulsores desta xuntanza que leva por título “O rural galego entende. Faite ver!”.

Falas de que o colectivo gai, lésbico, bisexual ou transexual ten que “deschuequizarse” e abrirse ao mundo rural. Explícate…
Estiven emigrado en Alacante durante 13 anos e empecei alí o meu activismo LGTBI nese entorno de grande cidade. E sei do que falo cando digo que o LGTBI -a grandes rasgos- tende a ser un movemento moi masificado, moi orientado a cabalgadas como a de Chueca, tamén ao capitalismo. Cando volvín ao rural hai dous anos fun normalizando a cuestión LGTBI coa miña xente e o meu entorno e deime conta do contraste, pois no rural as experiencias LGTBI son máis achegadas á terra, máis decrecentistas e afastadas da dinámica capitalista, e isto non son teorizacións afastadas do cotián, mais ben son evidencias prácticas e empíricas.

Ata hai pouco a cidade era o espazo de liberdade para gais ou lesbianas mentres que a aldea era un entorno máis abafante do que era preciso fuxir para poder saír do armario. Xa non é así?
Houbo moitos intereses porque a xente LGTBI se concentrase nos entornos urbanos. Son os mesmos intereses que fan que o rural estea quedando sen xente pola dispersión, o éxodo e o abandono. O consumismo urbanita alimenta esta lóxica.

Sempre se vincula a cidade á liberdade sexual pola vía do anonimato. É dicir, que vas ser sexualmente máis libre porque non te vai coñecer ninguén, pero considero que iso é unha trampa. Esa liberdade do “anonimato” tamén implica que non tes vínculo con ninguén, mentres que no rural si que tes a oportunidade de tecer lazos reais coa comunidade.

Neste sentido, penso que temos que priorizar a cuestión comunitaria, porque de nada vale saír dun armario para entrar noutro: o do individualismo. No anonimato da cidade impera o consumismo e a desconexión entre as veciñas. Tamén é certo que isto acontece no rural, pero aínda en menor medida.

No rural hai moitos temas nos que hai que seguir avanzando, pero non está peor que a cidade a nivel de represión sexual. De feito, o que vexo en pequenas experiencias con xente maior no rural é que están moi abertas ao colectivo LGTBI e rompen o prexuízo da LGTBIfobia con mínimas intervencións que se fagan.

Aseguras que os sindicatos agrarios deberían normalizar que haxa militantes que saen do armario e axudar neste proceso…
O que pasa no sindicalismo agrario en particular, e no sindicalismo en xeral, é que é un espazo moi heteronormativo; é dicir, cando se fala de sindicalismo pénsase nun granxeiro que non é gai, nunha familia que non é homoparental, ou nunha sindicalista que non é lésbica. Isto acontece porque na historia do sindicalismo aínda se arrastra como norma a negación da sexodiversidade. É algo no que as organizacións agrarias e ecoloxistas teñen que avanzar moito.

 “No rural os vínculos comunitarios actúan contra a LGTBfobia”

Apostar por vincular o movemento LGTBI á agroecoloxía ¿non dificulta que cale a mensaxe na maioría das agricultoras e gandeiras que traballa en convencional?
A loita é complicada, pero a agroecoloxía é o pasado máis sustentábel que ten o país e tamén o seu futuro. Vincular a soberanía alimentaria á soberanía sexual depende de nós. Hai pouco lin un libro moi interesante, “O pequeno é grande”, que nos indica que temos que poñer no centro do sindicalismo agrario a vida e a diversidade, o valor da disidencia contra todo sistema inxusto de dominación, explotación e opresión. Enfronte temos ao capitalismo, ao patriarcado e ás grandes multinacionais dos agronegocios que actúan de facto como unha Hidra cunha matriz idéntica. Compren alianzas fortes entre todos os movementos sociais que loiten dun ou doutro xeito por un rural vivo, diverso e cun futuro digno.

Como conclusión, ¿non hai máis LGTBfobia na cidade que no rural?
Non creo. Hai un incremento bestial de agresións LGTBfóbicas nas grandes cidades, o caso de Madrid chama a atención. Penso que nas cidades hai cada vez máis odio cara a diferencia. E o peor de todo é que hai máis indiferencia en xeral.

Na cidade podes saír do armario pero, xeralmente, é para entrar noutro gueto do que formarás parte grazas ao consumo e aos cartos. É dicir, tanto gastas tanto de aceptado serás. No rural, e sen caer en visións idílicas e románticas, a xente tende a depender máis unha da outra. As necesidades colectivas están máis interrelacionadas e aínda se conservan lazos. A creación de vínculos comunitarios é un bo antídoto contra a LGTBfobia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información