“Os iogures Kalekói son a volta á orixe e á calidade”

Entrevistamos a Susana Aguiar e a Álex Moure, unha parella de novos emprendedores de Lalín que decidiron volver ao rural para darlle valor ao leite da gandería familiar. Levan dende xaneiro elaborando e comercializando os iogures Kalekói, unha aposta polos produtos de calidade que en breve incorporará unha liña de desnatados.

“Os iogures Kalekói son a volta á orixe e á calidade”

Susana Aguiar e Álex Moure

Susana Aguiar e Álex Moure son unha parella de mozos emprendedores que decidiron aparcar a súas súas carreiras profesionais na cidade para volver ao agro e apostar pola transformación do leite da gandería familiar que os pais de Susana teñen en Rodeiro.

A finais de 2014 comezaron o seu proxecto e en xaneiro deste ano lanzaron ao mercado os seus iogures artesáns Kalekói, unha volta á orixe e á calidade en todos os sentidos.

¿Que vos levou a iniciar este proxecto de transformar o leite da vosa propia gandería?
Susana: Os meus pais sempre tiveron gandería de vacún de leite. E aínda que desde pequena os meus pasos foron formarme para traballar lonxe do agro, chegou un momento no que me din conta de que tiñamos unha materia prima excepcional na casa e que quería facer un proxecto empresarial propio para darlle valor.

¿Que diferencia os iogures de Kalekoi?
Susana: A calidade da materia prima que lle dá un toque diferente ao iogur e que lle proporciona unha diferenciación en sabor, en textura e en valor nutricional.

¿Como foron os primeiros pasos? ¿Tivestes que realizar moitos cambios na gandería?
Álex: Xa desde un principio, visitando a elaboradores de iogures artesáns doutras partes de España, vimos que necesitabamos un leite cunha boa porcentaxe de proteína, fundamentalmente, e tamén de graxa, e manter esas calidades no leite ao longo do ano para poder elaborar un iogur cunhas características similares. O primeiro obxectivo foi lograr na explotación un leite de calidade, da que xa partíamos, e estandarizado ao longo do ano.

O que pretendemos é que a xente o probe, que lle guste e que sempre lle saiba a iogur Kalekói.

Susana: As calidades do leite que producimos na gandería dos meus pais está en valores altos de proteína e contidos de materia graxa. Evidentemente existe unha variabilidade ao longo do ano, pero eses son os nosos obxectivos, conseguir unha boa proteína sen que a graxa se dispare. Logo buscamos un leite cun PH alto, con menor acidez e máis doce. Na alimentación intentamos utilizar moitos cereais pero de calidade.

“Coidamos a nutrición das vacas para lograr un leite de gran calidade”

Álex: O custo de alimentación subiu na gandería porque non calquera leite vale para elaborar un bo iogur. Deste xeito, fomos facendo probas na ración das vacas dende medio ano antes para lograr o leite que queríamos.

¿Con que formatos e sabores comercializades os vosos iogures?
Susana: Diferenciamos o noso produto en dúas gamas: unha de clásicos e outras de tentacións. Nos clásicos optamos por dúas variedades comúns: iogur natural e con mermelada de fresa. E no caso da gama de tentacións queremos sorprender aos clientes e temos dous sabores ao longo de todo o ano: iogur con mermelada de arandos e iogur con mermelada de froitos do bosque. E tamén nesta gama temos máis sabores que adaptamos á tempada. Así para o verán buscamos sabores ácidos como a grosella vermella e a framboesa e para o inverno tivemos iogur con mel e noces, con figo..etc. Buscamos sempre que estes ingredientes sexan de Galicia.

Por outra parte, tamén temos formatos de maior tamaño, de 400 gramos e de 3 kilos. Estes formatos están máis enfocados para a hostalaría, colexios…etc.

Tamén vendemos leite pasteurizado pero para o ámbito local, xa que a súa data de caducidade é de arredor dunha semana e ten uns custos de loxística altos para vendelo fóra. Para nós é un complemento.

¿Como está acollendo o mercado aos iogures Kalekói?
Álex: Empezamos en xaneiro deste ano e neste momento estamos transformando arredor duns 800 litros á semana. Estamos tendo moi boa acollida por parte dos novos cociñeiros galegos, que queren ter un iogur distinto do industrial que lles permita elaborar sobremesas de calidade e sorprendentes. Nos coles tamén vemos que lle gusta aos nenos, e para nós serve tamén como promoción, xa que ao chegar á casa pídenlles aos pais que lles merquen iogur Kalekói.

¿Cales son as vosas previsións para este ano?
Álex: Fixemos un plan de empresa con varios escenarios e eliximos o pesimista e podemos dicir que imos mellor do que agardábamos. De todas formas, é complicado ir situando o produto no mercado e lograr o nicho de clientela que valore o teu produto. Primeiro empezamos a distribuílo no ámbito local do Deza, e agora estamos chegando ás cidades galegas.

Susana: Procuramos ter en conta a opinión dos clientes. De feito, houbo xente que os empezou a pedir iogures e leite desnatados, polo que procuraremos que cara o mes de setembro ou outubro sacar unha nova liña de produtos desnatados e semidesnatados.

“Imos sacar unha liña de iogures desnatados”

Álex: Queremos consolidarnos e ir medrando pouco a pouco e, sobre todo, adaptarnos ás demandas do mercado.

Onde se poden mercar os iogures Kalekói?
Susana: Por agora vendemos a tendas pequenas e xa temos os nosos iogures en varios establecementos de Santiago, de Ourense e tamén en Monforte de Lemos, Lalín, Chantada, A Estrada, Pontevedra, Vilagarcía…etc. Na nosa páxina web temos unha lista actualizada de tódolos nosos puntos de venda.

Álex: Tamén facemos envíos baixo pedido por transporte en frío para zonas nas que non estamos presentes. Deste xeito, estamos enviando os nosos iogures a varias partes de Galicia e mesmo a outras partes de España.

Sodes unha empresa que elaborades iogures artesanais, pero sen embargo este tipo de producións artesanais non están reguladas en Galicia, pero si noutras comunidades. ¿Como vos afecta esta situación?
Susana: Cremos que sería conveniente que a Xunta publicase a norma que regula as producións artesanais, tanto para evitar fraudes daqueles que etiquetan como artesanais pero que non cumpren os parámetros dunha elaboración artesá, como para defender os nosos produtos fóra de Galicia.

Álex: Noutras Comunidades si está regulado e poden etiquetalos como artesáns, polo que agora están en vantaxa. Polo que sabemos, dende a Xunta estase traballando para sacar adiante a norma, algo que nos igualaría cos artesáns doutras comunidades.

E de onde ven o nome de Kalekói?
Álex: Moita xente dinos que lle sona a vasco, pero é un nome ben galego. Kalekói era o nome co que se coñecía o Noroeste da Península Ibérica na época dos celtas, e os seus habitantes eran os Kalekóis. Logo viñeron os romanos e evolucionou a Gallaecia ata rematar en Galicia.

Kalekói parécenos que é un nome que nos vincula á terra e que chama a atención porque crea esas ganas de saber que significa.

Susana: E sobre todo significa unha volta á orixe, tamén para nos os dous, que estivemos traballando fóra noutros sectores e decidimos volver e apostar polo sector gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información