“Os gandeiros somos vítimas dos incendios forestais e podemos ser a solución”

Diferentes gandeiros critican que se lles pretenda asociar cos incendios forestais para xerar pastos. “Somos vítimas dos lumes forestais, pero tamén podemos ser a solución”, subliñan. Unha solución que defenden debe vir pola ordenación do uso do territorio e polo aproveitamento silvopastoril do monte.

“Os gandeiros somos vítimas dos incendios forestais e podemos ser a solución”

Lume forestal en Montederramo: pódese ver como as fincas de cultivo e os prados actúan como barreira ante o lume

O colectivo de gandeiros denuncia que se lle pretenda asociar aos lumes forestais para xerar pastos. Polo contrario, consideran que son as principais vítimas xa que non só lle arderon as forraxes, senón tamén nalgúns casos perderon incluso o gando e as instalacións, e agora enfróntanse a unha lexislación que tampouco lles permite pacer nos terrreos queimados durante os próximos 2 anos.

A realidade ven a confirmar a súa denuncia xa que nos concellos galegos nos que hai máis cabana gandeira é, en xeral, onde menos superficie arde, e son tamén os municipios nos que a despoboación do rural é menor. Pola contra, os lumes forestais en Galicia concéntranse na provincia de Ourense, no sur de Lugo e no interior da de Pontevedra, onde menos explotacións agrogandeiras quedan e onde máis avanza o abandono do rural. A mediados do século XX estaban censadas en Galicia máis de 2 millóns de cabezas de ovellas e de cabras, que se encargaban de manter libres de biomasa eses montes que agora son pasto das chamas de forma cíclica. De feito, hoxe apenas quedan 200.000 cabezas de gando ovino e cabrún na Comunidade.

Ovica: “A situación para moitos gandeiros é crítica porque lle ardeu a comida do gando”

Neste sentido, Carlos Rodríguez, enxeñeiro agrónomo da Asociación de criadores de ovino e cabrún de Galicia (Ovica), advirte de que trala vaga de lumes destes días “a situación para un número importante dos nosos socios é crítica, con gandeiros en Maceda, en Paderne de Allariz ou en Gondomar que perderon as forraxes que tiñan gardadas e que tiveron que sacar o gando das cortes para que non lles ardera”.

Un dos aspectos prioritarios é identificar as explotacións máis afectadas, “porque precisan axudas urxentes da Administración para darlles de comer ao gando”. Asegura que, do contrario, “esta vaga de lumes pode levar ao peche de moitas explotacións, que xa arrastraban un ano moi difícil pola seca e as xeadas”.

Carlos Rodríguez (Ovica): “O gandeiro é o principal damnificado polos lumes”

Outra medida que lle reclaman dende Ovica á Xunta é que aprobe unha moratoria para a lei que prohibe pacer nos montes nos dous anos seguintes a un lume. “Xa se aprobou unha moratoria no 2015 no lume que calcinou a Serra do Larouco, en Ourense, e tamén se debería permitir agora que se puideran aproveitar os pastos que nazan na primavera, pois senón estas ganderías pecharán”.

Dende Ovica tamén reclaman unha maior dotación de medios e maior axilidade para que os Distritos Forestais podan tramitar a tempo os informes necesarios para que os gandeiros podan cobrar as axudas da PAC das superficies que lles arderon.

“A solución está en ordenar os usos do territorio e facer un aproveitamento silvopastoril do monte”

En canto ás acusacións que involucran os gandeiros cos lumes forestais, Carlos Rodríguez denuncia que “son inxustas e infundadas, porque os gandeiros son os principais damnificados polos lumes forestais”.

Como puntos clave para rachar coas vagas de lumes que periódicamente asolan o monte galego, o representante de Ovica lembra que “a solución estar en ordenar os usos do monte e facer cumprir a normativa”.

Destaca que “o monte galego da para moitas producións, dende aproveitamentos gandeiros, forestais, de desbroces para centrais de biomasa, resina ou cogumelos”. “Pero para iso hai que ordenar os usos do territorio e obrigar a xente a cumprir a normativa. Podemos aproveitar para aprender dos erros e partir de cero, contando con todas as partes implicadas, e non só cos intereses privados de sempre”, conclúe.

Testemuños

Aurora Fernández Río (As Nogais): “Tiñan que deixarnos pacer o monte para que non houbera tanta maleza”

Este prado de Aurora axudou a frear o lume

Este prado de Aurora axudou a frear o lume

Aurora Fernández Río é unha veciña da aldea de Castelo, no concello lucense de As Nogais. Nos últimos días ela e os seus veciños viviron un auténtico inferno, co lume rodeando o lugar. “Aquí houbo unha descordinación total e se o lume non chegou ás casas foi grazas os voluntarios que traballamos, porque os da Xunta aquí non viñeron, só se centraron nun piñeiral que está próximo”, denuncia.

Ela e a súa familia teñen un rabaño de 62 ovellas que agora practicamente quedaron sen pastos tralo lume que devorou boa parte da superficie deste concello situado na Reserva da Biosfera dos Ancares. “Saqueinas da corte porque temía que arderan, pero co medo que tiñan non saían do meu redor”, asegura.

O seu diagnóstico de por que se chegou a esta situación crítica é claro: “Aos gandeiros deberían deixarnos pacer o monte para que non se acumulara tanta maleza. Deberíanse facer máis pastizais e máis soutos de castiñeiros, como había antes, cando non había lumes, e prohibir as plantacións de piñeiros e eucaliptos, porque arden como a gasolina”. “E tamén que non houbera tanta fauna salvaxe, sobre todo o xabarín, porque aos que queremos producir algo no rural fainos a vida imposible”, conclúe.

Pepe de Cimadevila (Montederramo): “Conseguimos apagar o lume cando chegou aos prados”

Pepe de Cimadevila é un gandeiro de Montederramo, un dos moitos concellos da provincia de Ourense que estes días foron asolados polos incendios.

Amósase indignado cos que acusan aos gandeiros de seren uns dos causantes dos lumes: “É unha pura mentira, como sempre queren botar a culpa a quen non a ten para non facer nada por solucionar isto”. “¿Que gandeiro lle planta lume ás súas fincas, cerca das casas, para ver arder os seus animais e a comida que teñen?”, pregúntase. Recoñece que “estes días chorei ao ver tanta desolación e como quedou todo negro”.

“Hai que ter os montes limpos co gando e obrigar a ceder o uso a quen non o faga”

Asegura que no súa aldea “fomos os propios veciños os que apagamos o lume, porque da administración aquí non veu ninguén” e destaca que “os incendios apagámolos grazas aos prados e ás terras de cultivo, porque alí amainou e foi máis fácil de apagar”.

En canto ás solucións, Pepe de Cimadevila asegura que “non hai máis que ver o que facían os nosos pais e os nosos avós: ter os montes limpos co gando e obrigar a limpalo ou a ceder o seu uso a quen non o faga”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información