Os gandeiros manterán o cerco ao Carrefour da Coruña de xeito indefinido

Denuncian que a multinacional francesa e outras empresas da distribución non están a cumprir o acordo lácteo e que a suba do leite ao consumidor non se está a trasladar aos gandeiros. Aseguran que o prezo medio en Galicia está en 27 céntimos e con tendencia á baixa

Os gandeiros manterán o cerco ao Carrefour da Coruña de xeito indefinido

Protesta dos gandeiros ante o Carrefour da Coruña

Uns 70 tractores de gandeiros procedentes das comarcas de Ordes e de Arzúa rodean dende primeira hora da mañá o centro comercial Carrefour situado na Avenida Alfonso Molina da Coruña. A media mañá sumáronselle arredor de 50 tractores procedentes de explotacións de Aranga, Irixoa e da comarca de Ferrolterra.

O obxectivo desta acción de protesta, organizada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, é presionar de xeito indefinido á multinacional francesa á que acusan, xunto a Dia, Alcampo ou Eroski, de aplicar unha suba do prezo do leite aos consumidores que non se está a trasladar ao gandeiro.

“A distribución engana aos gandeiros e aos consumidores”

Así, o representante de Unións Agrarias na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, Óscar Pose, acusou á distribución comercial de “incumprir os acordos do sector lácteo asinados o pasado 23 de setembro”.

“A distribución está enganando dobremente ao consumidor e ao gandeiro, pois subiu o prezo do leite ao consumidor co compromiso de trasladar esa suba ao gandeiro, pero despois de dous meses non vimos un só céntimo”, denunciou Óscar Pose.

Neste sentido, o representante de UUAA pediulle a Xunta de Galicia e a Goberno Central que “tomen medidas de carácter inmediato para facer cumprir o acordo, porque os gandeiros acumulan dous meses máis de perdas e non poden esperar a despois das eleccións para que se tomen medidas”.

SLG: “A distribución subiu algo o prezo do leite ao consumidor pero para quedarse con esa suba”

Na mesma liña se manifestou o representante do Sindicato Labrego Galego (SLG), Xosé Ramón Cendán, quen denunciou que “os prezos para o gandeiro seguen sendo ruinosos”. “A distribución subiu algo o prezo do leite ao consumidor pero para quedarse con esa suba, porque ao gandeiro chegáronlle 0 céntimos”, sentenciou.

Os prezos para o gandeiro galego están nunha media de 27 céntimos e á baixa

O estancamento e mesmo a baixada de prezos do leite en orixe confirmábana os gandeiros presentes na protesta, moitos deles en camiño cos seus tractores cara a Coruña dende as 5 da mañá.

“Os prezos medios son de 27 céntimos, cando os custos de produción non baixan de 30 céntimos o litro, con contratos a tres meses e con tendencia á baixa”, resumía un gandeiro de Ordes. Pablo, outro gandeiro de Frades, denunciaba que “a distribución subiu o leite máis barato uns 6 céntimos, e os consumidores non se queixaron porque apoian ao sector, pero os produtores non recibimos un só céntimo”. Todos os gandeiros consultados rexeitaban a política de axudas: “queremos recibir un prezo xusto polo noso traballo, non esmolas”, coincidían uns e outros.

Eliseo, gandeiro de San Sadurdiño, aseguraba estar na protesta “por solidariedade co resto de produtores, xa que nos vendémoslle a Entrepinares e non nos podemos queixar dos prezos”. “Os gandeiros cobran de media 27 céntimos, pero hai empresas que, como Lactalis, xa baixaron este mes a 26 e para xaneiro anunciaron que recortarán ata 25 céntimos por litro”, asegura.

Os clientes de Carrefour apoian aos gandeiros

No exterior, os gandeiros ían informando aos clientes que querían entrar no aparcadoiro do Carrefour pedíndolles que non mercasen na multinacional francesa pola súa política co sector lácteo galego. A maior parte deles optaba por non entrar a mercar, e aos que si querían acceder deixábanlles o paso libre.

Así, clientes como Rafael Piñeiro aseguraban á súa saída do Carrefour que “os gandeiros están a facer o correcto, e nós como consumidores debemos mercar leite de Galicia, a ser posible producido por cooperativas de aquí”.

“Temos que apoiar aos gandeiros mercando leite co selo Galega 100%”

O mesmo argumento de Manuel e Branca, dous coruñeses para quen “os consumidores temos que apoiar aos gandeiros mercando leite co selo de Galega 100% e non deixar que nos metan leite francesa”.

Os gandeiros, procedentes de diferentes comarcas da provincia da Coruña, iranse relevando e manterán a protesta ante o Carrefour da Coruña de xeito indefinido ata que a multinacional francesa cumpra o acordo lácteo e lle traslade a suba do leite aos produtores.

Cara as oito da mañá chegaban os tractores

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información