Os gandeiros manteñen o pulso contra Lactalis

Un grupo de produtores e sindicalistas de Unións Agrarias concentráronse no Alcampo de Santiago para informar ós consumidores sobre as marcas do grupo francés, que aconsellan non mercar. Retiraron os produtos da industria gala dos lineais

Os gandeiros manteñen o pulso contra Lactalis

Os gandeiros, convocados por Unións Agrarias, procederon a retirar dos lineais as marcas da industria gala.

O pulso entre os gandeiros e Lactalis continúa. Un grupo de gandeiros, convocado por Unións Agrarias, protagonizou hoxe no Alcampo de Santiago o segundo acto da campaña de boicot contra a industria gala, tras o realizado semanas atrás en Lugo. Proximamente celebrarase un novo acto en Pontevedra e planifícanse tamén accións para o resto de España.

O obxectivo dos produtores é concienciar ós consumidores sobre a necesidade de evitar a compra das marcas do grupo galo. Con ese fin, repartiron folletos informativos entre os clientes de Alcampo nos que se aconsellaba non mercar marcas como Puleva, Ram, President ou os queixos de Gran Capitán e El Ventero.

Xa no interior do centro, o grupo de gandeiros e sindicalistas, arredor dunha trintena, marchou con carros da compra ata a zona de lácteos e quitou dos lineais o leite de Puleva e os queixos das marcas de Lactalis. Caixas, briks e envases etiquetáronse ademais con pegatinas nas que se recomendaba non mercar esas marcas por perxudicar ó sector gandeiro galego.

Motivos do boicot
Antes do acto, que contou cunha nutrida presenza de medios de comunicación, o responsable de Servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, detallou os motivos do boicot.

“Hai dúas causas fundamentais. En primeiro lugar, por unha apropiación indebida de máis de dous millóns de euros, froito do acordo ó que chegamos coa distribución en decembro. Por ese acordo, a distribución estalle pagando 2 céntimos a maiores por litro de leite a Lactalis para que nolos traslade ós gandeiros, pero Lactalis estase a quedar con eses cartos”, cuestiona Pose, que lembra tamén que xa emprenderon accións xudiciais contra a firma gala.

“Lactalis fixou ata febreiro un prezo de 27 céntimos, pero na situación actual de recuperación é insuficiente”

O segundo motivo dos gandeiros céntrase en pedir unha mellora dos contratos co xigante galo, o principal recolledor de leite en Galicia, cunhas 1.200 granxas proveedoras. “Lactalis fixou ata febreiro un prezo de 27 céntimos, pero na situación actual de recuperación de prezos, esa cotización é insuficiente. Dicíase que a causa de que non subise o prezo eran os mercados internacionais de lácteos. Agora que eses mercados subiron, teñen que recoñecelo mellorando o prezo no campo”, conclúe.

Vellos contratos
Lactalis retirou recentemente os anteriores contratos, con prezos a menos de 26 céntimos, segundo Unións, pero o sindicato reclámalle tamén que lle abone ás granxas proveedoras os entre 1 e 2 céntimos que lle estivo descontando no prezo do leite durante tres meses en relación ós novos contratos. “Poden ser arredor de 500 euros por granxa”, calculan. “Agardamos que os pague na próxima liquidación”.

O diálogo entre ambas as partes semella enquistado, polo que é de esperar que esta campaña de boicot continúe e se intensifique nas próximas semanas. Unións demanda tamén a intervención da Administración. “Todo isto que está pasando sería imposible sen unha Administración que estivera mirando para outro lado”, critican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información