Os gandeiros e ovino e caprino denuncian que a Xunta “se desentende” dos ataques dos lobos

Os gandeiros e ovino e caprino denuncian que a Xunta “se desentende” dos ataques dos lobos

Reunión da directiva de OVICA

A Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (OVICA), a asociación máis representativa do sector en Galicia, advirte da “crítica situación” pola que están a pasar moitas ganderías debido aos ataques do lobo, ata tal punto que “a gandería se torna insostible en moitas zonas” do país. Neste sentido, denuncian a falta de apoio da Xunta de Galicia, e en especial dos responsables de Medioambiente.

En concreto, dende a directiva de OVICA valoran que na reunión que mantiveron o 19 de Setembro coa Directora Xeral de Patrimonio Natural en Santiago de Compostela para trasladarlle o problema dos ataques dos lobos ao gando “a directora xeral amosou unha total falta de empatía e interese por atender a situación que estamos a sufrir nos últimos tempos”.

Unicamente lograron arrancar o compromiso de indemnizar as crías abortadas no ataque de lobo na próxima convocatoria de axudas paliativas aos danos.

Un 7% das ganderías de ovino e cabrún de Galicia teñen que pechar debido aos ataques dos lobos

Como mostra da gravidade da situación, dende OVICA lembran que “os ataques de lobo provocaron o peche dun 7 % do total de gandarías existentes en OVICA nos últimos 5 anos”.

“É a primeira vez que constatamos o peche de ganderías motivado por continuos ataques recorrentes de mandas de lobos en zonas tan diversas como Becerreá, Cotobade, Guitiriz, Muras, O Irixo e Vilasantar”, advirten.

Os datos oficiais proporcionados dende a Consellería de Medio Ambiente son evidentes e tamén confirman a gravidade da situación: se no ano 2014, as camadas de lobos censadas en Galicia mataron 1.466 cabezas de gando, esta cifra incrementouse ata 2.379 no 2017; é dicir un 62 % máis, e iso que boa parte dos ataques do lobo ao gando quedan sen denunciar.

“A inmensa maioría dos gandeiros queremos a coexistencia pacífica co lobo, pero non estamos dispostos/as a que a Xunta de Galicia eluda as súas responsabilidades no plan de xestión do lobo en Galicia”, advirten.

Neste sentido, dende OVICA critican que “a pesar desta elevada incidencia, a Consellería de Medio Ambiente decidiu unilateralmente non convocar as axudas para instalacións de métodos preventivos neste 2018”.

Como mostra do que cualifican de “insensibilidade” da Xunta con este problema do lobo, os criadores de ovino e de caprino denuncian que a Directora Xeral de Patrimonio Natural “rexeitou todas as propostas que lle presentamos”.

Estas propostas ían dende actualizar á alza os prezos das indemnizacións das axudas paliativas no gando ovino e cabrún, que levan sen revisarse nos últimos 10 anos, axilizar os pagos, primar aos mozos/as menores de 41 anos que soliciten a axuda para instalación de métodos preventivos ou o establecemento dun protocolo de asesoramento para aquelas situacións nas que se produce unha serie de ataques reiterados, incluso cando temos constatado o emprego de métodos preventivos axeitados.

Convocatoria de protestas e denuncias ante os tribunais

Ante esta situación, dende OVICA anuncian que “imos a convocar reunións cos nosos socios/as ao longo da próxima semana, para consensuar posibles medidas de protesta a realizar, incluída a vía xudicial de reclamación de danos”.

Así, lembran que en Comunidades autónomas como a de Madrid ou a de Castela-A Mancha teñen sentencias favorables ao resarcimento dun pago xusto polas ovellas e cabras mortas, desaparecidas e abortadas.

Protección e defensa do gando ovino fronte ao ataque do lobo con introdución de cans como a raza mastín leonés e mastín pirenaico (A Pontenova - Lugo, 2017).

Protección e defensa do gando ovino fronte ao ataque do lobo con introdución de cans como a raza mastín leonés e mastín pirenaico (A Pontenova – Lugo, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información