Os gandeiros consideran “insuficiente” que a Xunta lles deixe utilizar os puntos de auga para dar de beber aos animais

Os gandeiros consideran “insuficiente” que a Xunta lles deixe utilizar os puntos de auga para dar de beber aos animais

Concentración de gandeiros esta mañá ante a Oficina Agraria de Viana para demandar axudas da Xunta.

Un grupo de arredor de douscentos gandeiros e produtores de castaña e mel concentráronse este xoves pola mañá ante as oficinas agrarias comarcais da Gudiña e de Viana do Bolo para denunciar a crítica situación pola que atravesan a consecuencia das calamidades climáticas deste ano.

O sindicato Unións Agrarias, organizador da protesta, estima que entre as xeadas de abril e a prolongada seca deste ano os gandeiros, produtores de castaña e apicultores da montaña do oriente de Ourense “acumulan perdas superiores ao 80% da produción”. Ademais, a seca está a provocar serios problemas para atopar auga para o gando, así como unha gran escaseza de forraxe.

María Páez: “É unha situación crítica que non se resolve con que a Consellería deixe usar os puntos de auga dos incendios”

Ante esta situación os gandeiros rexistraron escritos nas oficinas agrarias da Consellería do Medio Rural en Viana do Bolo e A Gudiña, para solicitar axudas polos danos da seca nas súas explotacións. En concreto, nunha carta remitida tanto ao presidente da Xunta como á Conselleira do Medio Rural demandan medidas concretas como axudas directas para mercar alimento para o gando, reducións nas cotas á seguridade social así como no sistema de módulos.

A este respecto, María Páez, gandeira en Viana e responsable de Unións Agrarias na zona, considera “totalmente insuficiente” a medida anunciada esta mañá pola conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, de permitir que os gandeiros collan auga nos puntos de carga que empregan os servizos de extinción do lume.

“É unha broma, non só porque moitos deste puntos nesta zona do oriente de Ourense a día de hoxe xa non teñen auga, tendo os helicópteros que ir recargar mesmo a piscinas municipais, senón porque o problema é que as vacas tamén comen, e a día de hoxe estamos gastando a forraxe que lle teríamos que dar no inverno”, asegura.

Continuarán as concentracións ante as oficinas agrarias comarcais

Os produtores acordaron manter de xeito semanal unha concentración ás portas das oficinas agrarias todos os xoves ata ter unha resposta por parte da conselleira Ánxeles Vázquez.

Unións Agrarias advirte que “no sector da castaña se perderon 1,5 millóns de kilos, o que ven a ser 1,5 millóns de euros, e isto provocará graves dificultades para moitas explotacións gandeiras, que teñen a este froito como un complemento de renda”.

No caso da gandería extensiva o problema reside, segundo a organización agraria, “na falta de pasto e auga o que está a incrementar en mais de 2 euros por vaca e día os custes de produción”. “Unha situación que tamén se estende á apicultura, que neste ano non se agarda colleita senón que haberá que gastar diñeiro para alimentar as abellas”, advirten.

A conselleira destaca que se lle permite abastecerse aos gandeiros nos puntos de auga e avanza que a Mesa da Seca podería declarar a situación de alerta en Ourense

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, salientou que a Consellería “está a habilitar todo o preciso” ante a seca, de xeito que está a permitir que os gandeiros collan auga para as explotacións nos puntos de auga dos servizos de extinción de incendios.

A conselleira do Medio Rural durante a súa visita á Oficina Agraria Comarcal de Sarria

A conselleira do Medio Rural durante a súa visita á Oficina Agraria Comarcal de Sarria

“Hai gandeiros que por falta de auga están a recoller auga nos puntos de incendios e estáselles permitindo que fagan así a pesar da problemática cos incendios, pero habilitamos cisternas para volver encher os espazos para que eles teñan un espazo para conseguir auga”, destacou.

Á marxe desta medida, confía ademais na reunión “en breve” da “Mesa da Seca”, na que se analizará se se declara a situación de alerta en certas zonas, atendendo ao feito de que Ourense sufriu “un mal ano en canto ao que choiva se refire”, e avaliaranse posibles accións.

“Isto supón sempre un encordio e inflúe no que é a economía, pero a partir de aí haberá que ver que medidas haberá que determinar en función do que faga o Ministerio e en función das zonas que estean en alerta por seca”, concluíu Ánxeles Vázquez.

Ánxeles Vázquez agradece o traballo das Oficinas Agrarias Comarcais

A conselleira do Medio Rural fixo estas declaracións trala visita este xoves á Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Sarria, onde aproveitou para agradecer aos empregados destas oficinas repartidas por todo o territorio o importante e necesario labor que desenvolven en favor do rural galego.

Ángeles Vázquez explicou que o oficio que desenvolven as 67 oficinas agrarias comarcais de Galicia facilita aos gandeiros e agricultores trámites administrativos de todo tipo como a solicitude de axudas, pero tamén todo o que ten que ver co Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga): baixas, altas, modificacións, expedicións de certificados, etc. Entre o seu labor destaca, por exemplo, a tramitación da PAC e das subvencións dos plans de mellora, de incorporación de mozos e para pequenas explotacións.

Por provincias, A Coruña dispón de 20 oficinas, Lugo de 18, Ourense 15 e Pontevedra 14. En concreto, a oficina agraria de Sarria é unha das de maior tamaño e atende as demandas das granxas situadas nos concellos de Láncara, O Incio, O Páramo, Paradela, Samos Sarria e Triacastela. Calcúlase que nestes municipios hai unhas 1.760 explotacións de vacún cun censo aproximado de 40.000 cabezas de gando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información