Os gandeiros con impagos de Artesanos Gallegos piden reunirse con Medio Rural

Arredor de medio cento de produtores concéntrase na protesta convocada por Unións Agrarias en Lugo. A organización pide a implicación da Administración para reflotar a industria cárnica

Os gandeiros con impagos de Artesanos Gallegos piden reunirse con Medio Rural

Concentración en Lugo convocada por Unións Agrarias.

A protesta convocada por Unións Agrarias en Lugo polos impagos de Artesanos Gallegos de la Carne congregou a algo máis de medio cento de produtores ante a delegación da Xunta. Nun día complicado pola neve na montaña lucense, boa parte das ganderías afectadas concentráronse para demandar unha solución ós impagos da industria cárnica.

A crise que atravesa Artesanos Gallegos de la Carne, en concurso de acreedores, está a impactar sobre as explotacións que arrastran débedas da industria cárnica. Arredor de 60 gandeiros que representa Unións Agrarias suman 600.000 euros de impagos. “Hai explotacións que están a pasar por unha situación económica complicada, polo que agardamos que o concurso de acreedores da industria se resolva dun xeito que permita que os gandeiros recuperen os cartos”, sinala o responsable de Vacún de Carne de Unións, José Ramón González.

“Os inversores que entren terán que poñer unha cantidade acorde co valor da industria e que permita afrontar as débedas” (José Ramón González)

A organización agraria demanda a implicación da Xunta na busca de solucións. “No seu día houbo apoios públicos para montar o proxecto de Artesanos Gallegos de la Carne, que ten unha participación cooperativa importante, e non podemos agora deixalo caer. O mesmo compromiso que declara a Xunta para sectores como o da automoción ou o téxtil ten que amosalo tamén para o agro”, demanda González.

Unións considera que a Xunta debe implicarse na busca dunha solución á crise de Artesanos Gallegos de la Carne. A organización agraria entende que é imprescindible reflotar a sala de despece de Castro de Rei (Lugo), pois a súa parada está a repercutir en todo o sector: “Baixou a demanda e baixaron os prezos. Esta industria movía o 15% da produción de Ternera Gallega”, destaca González.

Saídas
Desde a perspectiva de Unións, a saída ó concurso de acreedores de Artesanos Gallegos de la Carne pasa pola entrada de novos inversores, pero advirte contra “movementos especulativos”. “Os inversores que entren terán que poñer sobre a mesa unhas cantidades razonables, acordes co valor da industria, e que permitan facer fronte ás débedas”, subliña González. “Tamén estaremos atentos para evitar que se constitúa en Galicia un monopolio de facto que perxudicaría a todo o sector”.

A débeda total que mantén Artesanos Gallegos de la Carne estímase en arredor de seis millóns de euros, dos que unha parte significativa é soportada polas propias cooperativas socias do proxecto.

Unha delegación dos concentrados onte en Lugo mantivo un encontro co delegado da Xunta e solicitou reunirse nos próximos días coa Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información