Os gandeiros ampliarán este sábado o bloqueo ao Alcampo da Coruña

Así o decidiron esta tarde en asemblea celebrada ás 17:30 horas. O bloqueo ao Alcampo de Palavea será indefinido e manterán o do Carrefour de Alfonso Molina. Acusan a estas multinacionais francesas de non cumprir o acordo lácteo e impedir que suban os prezos do leite en orixe

Os gandeiros ampliarán este sábado o bloqueo ao Alcampo da Coruña

Gandeiros bloqueando o Carrefour da Coruña

O bloqueo ao Centro Comercial Alcampo da Coruña levarano a cabo dende esta noite e será de xeito indefinido, ao igual que o que manteñen no Carrefour de Alfonso Molina. Segundo Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, a organización que convoca as protestas, “a decisión foi adoptada por unanimidade e non descartamos ampliala a outras áreas comerciais que incumpren o acordo lácteo”.

En concreto, Pose acusa a Alcampo, Carrefour, Lidl e Eroski de “non asinar o acordo lácteo o pasado 23 de setembro e estar aplicando unha política de prezos do leite que impide que suban os baixos prezos que temos os gandeiros en orixe”. Así, asegura que a distribución está a aplicar unha suba de ata 6 céntimos no prezo de venda do leite, “para quedarse con ela e non trasladarlla aos gandeiros, que están a percibir uns prezos ruinosos”.

Acusan á distribución de meter no mercado español leite e produtos lácteos franceses a baixo prezo

Pose tamén critica a DIA, que si asinou o acordo lácteo, “que o está a incumprir, pois vemos como está vendendo en España leite francesa a baixo prezo, en detrimento do leite galego”.

Neste momento permanecen no centro comercial Carrefour da Coruña arredor de 70 gandeiros procedentes das comarcas de Arzúa, Ordes e Ferrolterra, e uns 150 tractores. Parte destas máquinas desprazaranse esta noite ao Alcampo de Palavea, e está previsto que se lles sumen gandeiros procedentes do val de Cambás.

Por último, sinalar que os gandeiros mantiveron unha reunión coa dirección do Carrefour de Alfonso Molina, un encontro que, segundo Óscar Pose, “foi infrutuoso, pois os propios directivos recoñecéronnos que eles non eran competentes dentro da empresa para dar resposta ás nosas preguntas e demandas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información