Os fabricantes de pensos analizan no porto da Coruña 1.000 mostras de materias primas cada ano

Os fabricantes de pensos analizan no porto da Coruña 1.000 mostras de materias primas cada ano

Galis, o sistema de control alimentario creado en 2005 pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) para extremar o control no proceso de elaboración de pensos para gañado, analizou durante 2019 preto dun milleiro de mostras de materias primas (993) procedentes de barcos que chegaron ao porto da Coruña.

As análises realizadas por técnicos de Galis permiten obter de forma precisa parámetros nutricionais (grao de humidade, perfil de proteínas, acedo láctico, acidez, impurezas, nivel de calcio, fósforo, potasio…) de cada unha das materias primas que se descargan no porto coruñés, unha información fundamental para os fabricantes á hora de extremar a calidade e garantir a seguridade da cadea alimentaria.

O millo, o cereal máis vixiado

Das 993 mostras analizadas o pasado ano por Galis, 110 corresponderon a millo, a materia que máis se descarga na Coruña e tamén a máis vixiada ao ser a máis susceptible de conter substancias indesexables, un termo co que os técnicos se refiren a substancias como dioxinas, micotoxinas ou materiais pesados.

Seguíronlle as fariñas de soia e de colza, con 67 e 56 tomas, respectivamente; o xirasol (25) e a cebada, con 21 mostras.

Ademais de Galis, en España existen outros cinco sistemas de seguridade de carácter sectorial. Son os sistemas de Cataluña ( Qualimac), País Vasco ( Aplika Epea), Castela e León ( Segacyl), Murcia (Pensa- Q) e Andalucía ( Sicalia).

O sistema galego non só é un dos decanos -creouse en 2005- senón tamén é líder indiscutible en canto a controis realizados. Deste xeito, mentres que en Cataluña, onde a produción de pensos ascende a unha media de 7,7 millóns de toneladas anuais fanse unhas 300 mostraxes, na comunidade galega realízanse unhas 1.000 mostras sobre unha produción moi inferior: uns tres millóns de toneladas de pensos ao ano.

“O laboratorio Galis tamén é o máis completo respecto aos parámetros analizados e destaca pola posta en marcha de sistemas de alerta rápida”, indica Luisa Delgado, responsable do departamento técnico de Agafac.

Na súa aposta por extremar o control no campo da seguridade alimentaria, este ano Galis incorporará a última tecnoloxía NIRS ( Near Infrared Spectroscopy) para a análise nutricional de parámetros que permitirán unha maior precisión e rapidez ao permitir ter resultados nun prazo máximo de 24 horas. “Galis converterase deste xeito no primeiro sistema de España en dispoñer deste tipo de controis”, apunta o xerente de Galis e director de Agafac, Bruno Beade.

O Sistema Galicia Alimentos Seguros (Galis) controla o 96% da produción de pensos de Galicia mediante uns controis que se realizan á propia chegada dos buques. Estas análises rápidas e seguras comproban que as materias primas non superen e cumpran os límites establecidos pola Unión Europea, a encargada de ditaminar que ingredientes se poden utilizar nos pensos e cales non.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información