Os expertos prevén que a próxima PAC primará os cultivos de leguminosas

Estes días celébrase en Pontevedra o Simposio internacional de Cultivos Proteicos. Destacan o papel destes cultivos para achegar de forma natural nitróxeno e fósforo como fertilizantes a través das súas raíces.

Publicidade
Os expertos prevén que a próxima PAC primará os cultivos de leguminosas

Congreso Internacional de Cultivos Proteicos en Pontevedra. Autor: CSIC

A Comisión Europea está cada vez máis interesada en recuperar os cultivos proteicos (lentellas, chícharos, fabas, feixóns ou garavanzos) no territorio comunitario, non só por unha cuestión de seguridade alimentaria -importamos o 70% de proteína vexetal- senón para lograr unha agricultura ambientalmente sostible. Neste sentido, os investigadores prevén que a próxima PAC beneficiará a estes cultivos para facelos atractivos e rendibles para os agricultores europeos.

Esta foi unha das conclusións do Simposio internacional de Cultivos Proteicos que se celebra estes días en Pontevedra e que está organizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), pola Asociación Española de Leguminosas (AEL) e pola European Association for Research on Plant Breeding (EUCARPIA). Ao encontro acoden máis de 120 científicos procedentes de 30 países que expoñen os últimos avances científicos relacionados con este tipo de cultivos.

“É necesario substituír a proteína animal pola proteína vexetal”

José Javier Pueyo Abad, profesor do Instituto de Ciencias Agrarias do CSIC, e moderador dunha das sesións orais, destaca que “a fixación de nitróxeno por leguminosas mediante simbiose con rizobios contribúe á sostibilidade ambiental”, tanto dende o punto de vista agronómico como alimentario.

Neste sentido, subliña que “as proteínas animais non van ser suficientes debido ao crecemento da poboación, e é necesaria a proteína vexetal, principalmente das leguminosas,”. Así, pon como exemplo a países como Estados Unidos e Australia, “onde os produtos procedentes de soia e, fundamentalmente de altramuz, están a entrar cada vez máis na alimentación humana pola súa riqueza en proteínas, e, ademais, son un substituto para fariñas para as persoas celíacas”.

As leguminosas fixan nitróxeno e mobilizan fósforo

Ademais, os expertos destacaron que estas plantas teñen a vantaxe de que non necesitan fertilización nitroxenada, contribuíndo desta forma a evitar os problemas de contaminación de acuíferos por nitratos. “Camiñamos cara a unha restrición dos fertilizantes nitroxenados e neste sentido os cultivos de leguminosas poden ser un substituto”, afirma José Javier Pueyo.

Neste sentido, destaca a importancia de aplicar nas sementes de leguminosas inoculantes rizobianos seleccionados, que son máis efectivos na fixación de nitróxeno, poñéndoo a disposición dos seguintes cultivos, e polo tanto son máis competitivos. “Por exemplo, a soia en Brasil ou Arxentina está a ser inoculada para fixar máis nitróxeno, pero en Europa imos por detrás”, explica Pueyo.

No Simposio internacional de Cultivos Proteicos tamén destacou un relatorio sobre a fertilización fosfatada, necesaria para un bo contido de proteína en semente. Nese sentido, expúxose que algunhas leguminosas, como o altramuz, son capaces de exsudar substancias que mobilizan o fósforo presente no chan para poñelo dispoñible para os próximos cultivos. José Javier Pueyo destaca que “isto é de grande importancia porque as reservas de fosfatos no mundo van camiño de esgotarse de aquí aos próximos 50 anos e o seu prezou vai seguir aumentando”.

Prevén que a próxima PAC primará máis os cultivos proteicos e de leguminosas

Debido a estas vantaxes que supoñen os cultivos de leguminosas tanto dende o punto de vista nutritivo como ambiental, os expertos prevén que serán beneficiados pola próxima PAC

Neste sentido, José Javier Pueyo explica que “antes de que cambien as PAC o que xa está a cambiar é a política científica, de forma que no programa marco anterior houbo varias convocatorias que incluían como tema cultivos proteicos e leguminosas e no novo programa marco de investigación da UE Horizon 20-20, estamos en 2015 e xa houbo dúas convocatorias, unha de cultivos proteicos e outra de leguminosas”.

“A Unión Europea quere rendibilizar o cultivo de leguminosas en todos os estados membros, e esta prioridade científica vai ser un antecedente dunha nova PAC que lle de máis importancia aos cultivos proteicos”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información