“Os establos en Irlanda do Norte son máis funcionais, mellor ventilados e menos custosos que en Galicia”

Entrevista a Roberto Vázquez Fernández, veterinario galego que está a traballar en Irlanda do Norte

“Os establos en Irlanda do Norte son máis funcionais, mellor ventilados e menos custosos que en Galicia”

Roberto Vázquez Fernández é un veterinario galego que leva uns 4 meses traballando en ganderías de vacún en Irlanda do Norte, unha das principais rexións produtoras de leite do Reino Unido. Cóntanos como vé a realidade das ganderías norirlandesas e tamén da profesión de veterinario.

Como xurdiu o teu interese pola veterinaria e que te levou a traballar en Irlanda do Norte?
O de virme traballar aquí xurdíu un pouco por casualidade: é algo que antes ou despois creo que ía acabar facendo. Hai catro anos estiven de Erasmus Prácticas nunha granxa en Cork ( que pertence á República de Irlanda), alí tratáronme moi ben e dende que voltei sempre tiven como opción marchar para alí. O certo é que tiven sorte porque dende que rematei fun tendo traballo en Galicia, sobre todo ligado a IXPs. Este outubro rematei na campaña de saneamento e mandei o curriculum a una empresa de recrutadores en Reino Unido para ir sanear e tamén me ofreceron ir probar facendo clínica de grandes animais en Irlanda do Norte.

O ter coñecido Irlanda pareceume unha boa oportunidade para voltar a un sitio que me gusta, aumentar o meu nivel de inglés, gañar experiencia como veterinario clínico, xa que tiña traballado noutras áreas, e por suposto gañar cartos xa que aquí as condicións que se ofrecen ós veterinarios son mellores; de feito, unha gran cantidade de veterinarios da miña promoción emigrou.

O interese pola veterinaria no meu caso foi un pouco porque foi o que vin na miña casa toda a vida: meus pais son veterinarios e o meu irmán estaba a estudar en Lugo o mesmo, así que con 18 anos escollín iso. Se cadra hoxe non o faría, xa que dende que comecei a estudar ata agora o emprego para os veterinarios en Galicia precarizouse bastante, sobre todo para a xente nova.

Que máis te está a sorprender de como traballan as ganderías nesta rexión do Reino Unido?
A diferenza que hai coa República de Irlanda, que eu pensaba que ía ser menor. En Irlanda do Norte o sistema é moito máis intensivo, mentres que por exemplo en Cork o sistema predominante en vacún de leite é en base a pasto. Nos condados onde traballamos (principalmente Tyrone e Derry) a maior parte das granxas son intensivas e mesmo chegan ata as 700 cabezas. Así eu vía na República de Irlanda que ao ter uns custos de produción menores e un mellor prezo do leite un gandeiro podía vivir ben cunha explotación familiar de pouco máis de 100 vacas en muxidura, mentres que aquí  para vivir ben precisan moitas máis vacas, contratar empregados, etcétera.

 “En Irlanda do Norte é bastante común que as granxas de leite diversifiquen con vacún de carne, porcino ou avícola”

Tamén como punto positivo chámame a atención que moitas granxas diversifican a súa actividade. Así, é bastante común que teñan un lote de vacas de leite e outro de vacas de carne, ovellas, ou mesmo que tamén se adiquen ó sector avícola e porcino.

No gando de carne a maior diferencia é que aquí non se come carne de tenreira, polo que se matan animais arredor dos 24 meses, e isto obriga tamén a facer castracións e descornados  sistemáticos

En resumo, creo que o Norte seguíu unha tendencia parecida á nosa e que vai contra a corrente Eeuropea, o sector intensificouse mentres na maior parte de Europa e na República de Irlanda se apostou polo pastoreo.

Como se prevé que afecte finalmente o Brexit aos gandeiros norirlandeses?
Irlanda do norte votou maioritariamente quedarse na UE no referendum polo Brexit, aquí a sociedade tamén está claramente dividida entre os unionistas británicos e os nacionalistas irlandeses e isto tradúcese en dúas opinións moi diferentes.

Por unha banda, a xente unionista ten a esperanza de que Irlanda do Norte poida seguir comerciando cun rexime especial dentro do Reino Unido coa UE ou polo menos coa República de Irlanda, tendo así un libre comercio tanto coa Comonwealth como coa UE, e de materializarse o tratado de libre comercio tamén cos Estados Unidos. Isto eu véxoo bastante improbable, xa que sería un agravio comparativo co resto de rexións de Reino Unido e tamén para a  UE sería moi dificil de aceptar.

Por outra banda, o tratado comercial con Estados Unidos mudaría completamente o sector lácteo norirlandés, que tería que adaptarse á lexislación americana se quixese competir cun sistema no que se utilizan prácticas prohibidas na UE.

Pola banda dos proirlandeses o futuro pasaría por continuar na UE reunificando Irlanda mediante un referéndum. O que se percibe nas dúas posicións é que ningún quere ter unha fronteira dura outra vez e menos voltar ós tempos nos que a rexión estaba militarizada

A nivel sanitario, como valorarías o estado da súa cabana gandeira? Que podemos aprender do sector gandeiro norirlandés?
Neste tema non creo que teñan un estatus sanitario moito mellor, se cadra están máis concienciados en vacinar para IBR e BVD, por exemplo. Pero no Reino Unido o sistema de control de tuberculose está a ser un fracaso, e isto demóstrase con cifras que en Galicia fixemos as cousas mellor. Así, en Irlanda do Norte o saneamento faise por parte das propias clínicas veterinarias, polo que se poden dar conflictos de interese. A proba é comparada existindo máis falsos negativos e as pistolas de intradermotuberculinización e calibres que se deben usar por lei na miña opinión  son menos precisos.

Mentres en Galicia estamos a piques de declararnos libres, aquí teñen unha prevalencia segundo as últimas estatísticas do 9.89 %, cifras próximas ás que tiñamos en Galicia hai 25 anos, cando agora  estamos por baixo do 0,02%. Aquí de feito os animais si que se atopan con lesións no matadeiro, xa que existen vacas cun estado avanzado da enfermidade.

Debémonos concienciar de que a tuberculose é un perigo tanto para o gando como para os humanos, é unha zoonose. Hai unhas semanas por exemplo estiven nunha granxa onde unha rapaza duns 20 anos nos contou que collera tuberculose das vacas o ano pasado e que inda non se recuperara, de feito notábaselle no aspecto.

 “O estatus sanitario da cabana gandeira galega é moi superior ao da de Irlanda do Norte”

A min tamén me resulta raro que en todo o Reino Unido e Irlanda se está a considerar practicamente como único problema a fauna silvestre, en concreto o porco teixo. Eu sempre lles digo que en Galicia temos porcos teixos, xabaríns, corzos… máis especies que son reservorios e estamos no camiño de erradicar a enfermidade. Se ben creo que o estar o porco teixo no topo da pirámide trófica irlandesa e ao non ter depredadores naturais como o lobo e a águia se cadra os animais infectados sobreviven máis. De feito hai estudos que conclúen que o lobo pode xogar un papel na loita contra a tuberculose silvestre.

Como traballan os veterinarios en Irlanda do Norte? Existe o mesmo sistema de ADS?
Aquí non funciona un sistema de ADS como tal, o gandeiro contrata o servizo directamente coa clínica. Así nós por exemplo tomamos mostras de sangue cando o gandeiro o precisa, pero non existen xestionadas polos gandeiros.

Cal é a situación alí da profesión de veterinario a nivel sociolaboral ?
A nivel económico a situación da profesión é moito mellor que na Península Ibérica. Creo que tamén é moito máis respectada, en Irlanda valórase máis o noso traballo e creo que tamén os veterinarios fan porque se valore. Aquí teñen unha falta de veterinarios, de feito na miña empresa traballo eu, varios belgas, holandeses, eslovacos…Sen embargo, si que se ve que tamén hai unha emigración dos veterinarios irlandeses novos a outros paises máis atractivos económicamente para eles como Australia ou Nova Zelanda, xogando tamén as ganas de aventura e búsqueda de mellor tempo.

 “En Irlanda do Norte hai moito máis relevo xeneracional nas granxas que en Galicia”

Da túa experiencia laboral, como percibes o ánimo nos gandeiros neste momento? Séntense ben valorados e hai relevo xeneracional?
Relevo xeracional hai moito máis que en Galicia, só hai que ver as granxas e ver que a xente nova é a que está traballando. En canto ao ánimo si que os gandeiros se senten pouco valorados pola sociedade, aquí os prezos tamén son máis baixos do que deberían, e pásalles parecido a nós, sendo grandes produtores no Reino Unido son os que peor se lles paga o leite, e iso non é xusto.

Cos gandeiros de carne pasa o mesmo e aínda por riba, queden ou non na UE, cos acordos co Mercosur e Estados Unidos van ter que competir no mercado internacional de carne de anello ( beef). Isto en Galicia non nos afecta tanto ó ser consumidores de tenreira.

En canto á administración, e a súa función de control sanitario. Que diferencias atopas con respecto a Galicia?
Para comezar a facilidade para entrar: mentres que pola falta de bos traballos tódolos veterinarios en España queren entrar na administración, aquí polo que teño entendido hai máis oportunidades para entrar no DAERA, o equivalente á Consellería de Medio Rural de Galicia. Na función de control teño coincidido nalgunha explotación con funcionarios e fan traballos semellantes, pero tamén outros proxectos moi interesantes como pode ser o programa de vacinación de porcos teixos para o control da tuberculose.

Como funciona o sistema de seguros gandeiros e de recollida de animais mortos? Que parte paga o produtor?
Non é un tema no que ande moi posto, pero polo que teño entendido é pagado integramente polo produtor e xestionado por empresas de xestión de residuos privados. Así mesmo, non é habitual que un gandeiro asegure os animais, só en caso de animais de moi alto valor económico.

Que cambios observas neste momento no sector e como crés que evolucionará no futuro?
No sector veterinario existe unha tendencia a que as clínicas pertenzan a grandes grupos, a miña empresa por exemplo xa é unha das máis grandes de Irlanda do Norte, tendo en plantilla uns 30 veterinarios de grandes animais. Agora acaba de mercar a clínica outro grupo máis grande do Reino Unido.

“Aquí os veterinarios están mellor pagados e as clínicas tenden a pertencer a grandes grupos”

No sector gandeiro creo que a tendencia é semellante, tendendo a explotacións máis grandes, concentrando as vacas nun menor número de explotacións. Tamén existe unha tendencia a implementar sistemas robotizados, o cal vexo moi interesante, especialmente os robots de muxido e de limpeza.

Cales son as leccións que estás a tirar da túa experiencia en Irlanda do Norte? Que medidas poderían ser aplicadas no sector lácteo galego  e cales son os erros que crees que non deberíamos repetir en Galicia?
Aquí estou a ver moitos casos clínicos interesantes, o que como experiencia laboral é moi interesante, se ben moitas patoloxías son derivadas dun mal manexo, por exemplo, que operemos tantos desprazamentos de abomaso é sinal dun mal manexo nutricional.

Como lección a aprender creo que aquí se fai un mellor manexo da recría, e as naves son máis funcionais, se cadra hai menos formigón, o que abarata custos, pero os teitos son altos e a ventilación en xeral é mellor que nas explotacións galegas, tendo en conta que o clima é máis frío. Creo que deberiamos copiar os seus tipos de naves.

“Os establos en Irlanda do Norte son máis funcionais, mellor ventilados e menos custosos que en Galicia”

Aquí tamén se consume todo o leite pasteurizado, e como consumidores creo que debemos apostar por este produto, xa que esixe unha maior calidade do leite que o UHT e polo tanto a industria lle teña que mercar o leite a máis prezo ó produtor.

Os erros tamén creo que veñen por parte do consumidor, xa que en Irlanda do Norte o consumidor en xeral descoñece as IXPs e selos de calidade. Para min un consumidor que non esixe unha calidade de produto repercute nunha peor produción. Por poñer un exemplo, eu se merco un filete de Ternera Gallega Suprema sei que ese animal levou unha alimentación concreta e que estou a apoiar un sistema de gandería tradicional. En Irlanda do Norte polo que teño atopado nas carnicerías e supermercados nada me ofrece algo semellante. Paréceme tamén que hai menos comercio de proximidade na produción animal e todo vai ligado a grandes empresas nun modelo moi industrial e pouco sostible, non ves queixerías tradicionais por exemplo.

Cales son os teus proxectos a nivel laboral?
A verdade e que agora quero estar aquí unha tempada, pero nun futuro gustaríame voltar se tivese algunha oportunidade interesante en Galicia. Cando estás lonxe da casa comezas a botar cousas de menos que antes dabas por normais, ser é unha magoa que tanta xente da miña xeración remate marchando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información