Os drons, unha nova ferramenta para o agro

Unhas xornadas analizan en Santiago as posibilidades dos veículos aéreos non tripulados para analizar as superficies forestais e agrarias e contribuir á toma de decisións

Os drons, unha nova ferramenta para o agro

Xornadas organizadas en Santiago para analizar as posibilidades dos drons no agro.

O uso dos drons ofrece múltiples posibilidades no sector agrario e constitúe xa unha ferramenta máis para os técnicos. Inventariar unha masa forestal, controlar as superficies agrarias subvencionadas ou analizar a evolución de grandes viñedos son algunhas das aplicacións que xa se están a desenvolver con veículos aéreos non tripulados (UAV) de diversos formatos e tamaños. Unhas xornadas organizadas en Santiago por Cartogalicia, en colaboración coa Xunta, ofreceron unha perspectiva ampla sobre as utilidades dos drons na comunidade.

Cartografiar o territorio
Os veículos aéreos non tripulados (UAV) presentan numerosas posibilidades de cartografiar os usos do territorio. David Miranda, do Laboratorio do Territorio (Escola Politécnica de Lugo, USC), explicou algunhas delas, como a análise do abandono de terras agrarias, a forestación de superficie ou o seguemento da legalidade urbanística. Tamén poden axudar os drons a determinar o risco de incendios, tanto desde o punto de vista da biomasa forestal presente no monte como dos bens materiais que se poderían ver afectados.

Un dron encárgase en Madrid e Cataluña de controlar as superficies de cultivos subvencionadas

A liña de traballo de cartografiar os cultivos agrarios é útil, por exemplo, para o control das superficies subvencionadas. Un representante da firma Telespazio explicou como a súa empresa colabora coas comunidades autónomas de Madrid e Cataluña na inspección dos agricultores con subvencións. Os mini-Uav que emprega Telespazio pesan uns 2 quilos e portan sensores óptico, térmico e infravermello. Contan cunha autonomía de 90 minutos, poden chegar a alonxarse ata 15 quilómetros do operador e desprázanse a unha velocidade cruceiro de 45 quilómetros hora.

Medición forestal
Unha nova opción pasa pola incorporación ós drons dun sistema Lidar, cun sensor láser, que permite, entroutras cousas, facer un inventario máis exacto das masas forestais, pois o Lidar, a diferenza doutros sensores, facilita información sobre a altura das árbores, a súa densidade e outras características. “A medición forestal está a cambiar co uso dos drons”, valora Juan Picos, da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo).

Os UAV equipados cun sistema Lidar permitirán elaborar inventarios forestais máis precisos

Os expertos coinciden en que os veículos aéreos non tripulados non reemprazarán ás antigas ferramentas de medición, pero si constitúen un sistema máis a disposición dos técnicos, a unir ás inspeccións a pé sobre o terreo ou ós vos tripulados e ás imaxes por satélite. Os drons parten coa vantaxe da axilidade, da inmediatez na adquisición dos datos e cunha alta resolución da imaxe.

Viticultura de precisión
Joaquín Martínez, técnico da cooperativa vitivinícola Martín Codax, expuxo nas xornadas o papel dos veículos aéreos non tripulados no traballo da adega. Desde o 2012, Martín Codax embarcouse nun proxecto de viticultura de precisión que trata de mellorar a xestión da súa superficie. A cooperativa conta en Rías Baixas con 270 socios que suman unhas 300 hectáreas, ás que hai que engadir 80 hectáreas propias da marca. En total, esa superficie distribúese en máis de 3.500 parcelas en Rías Baixas, o que dificulta o seguemento técnico a pé de campo. Outra parcela de 60 hectáreas na DO Monterrei completa a superficie da cooperativa.

Martín Codax adapta en cada parcela a fertilización, poda e rego ós datos aportados polos drons

Os drons, combinados con outras técnicas, como os vos tripulados, permiten que a adega coñeza parámetros como o índice vexetativo do viñedo ou que mida as situacións de estrés hídrico. “O importante non é ter os datos, senón procesalos e que dean información que sexa útil para os técnicos”, suliñou Joaquín Martínez.

O obxectivo da adega é optimizar en cada parcela as técnicas de cultivo (fertilización, manexo das cubertas vexetais, poda, rego) en función do estado do viñedo. En parcelas heteroxéneas, con variación de vigor vexetal entre as cepas, tamén se utilizan esas mesmas ferramentas, cunha xestión diferencial por zonas, para tratar de lograr unha produción homoxénea en toda a finca.

Os UAV permiten ademais clasificar a vendima e decidir os intres óptimos da colleita. O uso dunha vendimadora mecánica, programada para agrupar a uva de calidades similares en función das análises do dron, completa o traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información