Os custos de produción, por riba do prezo do leite

Un informe europeo do Observatorio lácteo revela que as explotacións entraron en marxes negativas no primeiro trimestre deste ano. Logo do fin das cotas, Francia e Alemania producen en abril menos que no mesmo mes do ano pasado

Gráfica do Observatorio europeo.

Gráfica do Observatorio europeo.

O Observatorio europeo do mercado lácteo vén de facer público un informe que confirma que o custo de produción por litro nas explotacións lácteas xa supera ó prezo do leite. O estudo ten en conta exclusivamente os ingresos derivados da produción láctea e os custos de produción directos (alimentos, gastos veterinarios, etc.) e parte dos indirectos (enerxía, maquinaria, impostos, etc.). No capítulo de ingresos non se teñen en conta nin os cartos recibidos da venda de animais nin as subvencións; se ben no de gastos tampouco se computa a man de obra nin os gastos en terra nin os custos financieiros.

A gráfica do informe amosa como o primeiro trimestre do 2015 é o primeiro periodo dos últimos dous anos nos que os custos de produción por litro se sitúan por riba do prezo do leite. Eses datos explican a tendencia europea a unha produción en abril similar ou mesmo menor á do mesmo mes do 2014, a pesar de ter concluido o sistema de cotas lácteas o 31 de marzo. Neste contexto, producir máis supón máis perdas, o que levou a que países como Francia reducisen en abril as súas entregas un 3,3% en relación a abril do 2014; en tanto en Alemania a baixada foi do 1,7 %.

Produtos lácteos industriais
Os últimos datos de mercado sobre produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, etc.) reflicten a continuación da caída das cotizacións. O Global Dairy Trade, unha plataforma global de subastas de lácteos, pechou onte unha das dúas subastas mensuais que organiza cunha baixada media nas cotizacións do 2,2%.

Os datos do Observatorio lácteo europeo tamén seguen esa liña descendente en relación a anteriores semanas.

Organizacións agrarias
Ante a crise do sector, as organizacións agrarias apuran contactos co Ministerio de Agricultura na busca de solucións. Para hoxe está previsto un novo encontro entre representantes de cooperativas e organizacións agrarias co Ministerio. Doutro lado, o Sindicato Labrego ten previsto anunciar hoxe a convocatoria de mobilizacións en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información