Os comezos dunha explotación de Porco Celta

Mario Rouco iniciou este ano a cría de Porco Celta nunha carballeira de Muras, en Lugo. O seu obxectivo é conseguir que os animais medren lentamente alimentándose da vexetación natural ata acadar un peso medio de 120 kilos aos 14 meses.

Os comezos dunha explotación de Porco Celta

Mario Rouco coa súa piara de Porco Celta

Mario Rouco é un enxeñeiro agrónomo de 33 anos que traballa nunha multinacional relacionada co sector agrario no concello das Pontes. As súas orixes están no veciño concello de Muras, en concreto no lugar do Seixo, nunha zona de alto valor gandeiro que nos últimos anos ven padecendo o peche de explotacións e o abandono do rural.

Sen embargo, o que para uns é un medio de vida do pasado, para Mario constitúe unha opción de futuro e deste xeito puxo en marcha este ano unha pequena explotación de Porco Celta nunha fraga da familia. “Sempre me gustou a idea de poder criar porco en liberdade, e ademais a raza Porco Celta é moi rústica, cría unha carne de excelente calidade e non presenta case ningún problema sanitario”, asegura.

Sen embargo, antes de lanzarse a facer realidade o seu proxecto, Mario púxose en contacto coa Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL) para pedirlles asesoramento e tamén visitou varias explotacións.

Compra do gando e peche da finca

O seguinte paso foi facer o peche da finca, unha zona de fraga en pendente que non se podía aproveitar para vacún, pero que resultaba ideal para a cría de porcos en liberdade. En total, 3,5 hectáreas, das que o 90% é un bosque mesto de carballos, castiñeiros e bidueiras, que proporcionan sombra e alimentación para os animais. “O terreo é moi bo para este tipo de animais, xa que ten pendente, o que os obriga a facer músculo”, salienta Mario.

Nunha explotación de Porco Celta ao aire libre, o xabarín é unha das principais ameazas xa que podería matar ao verrón e danar ás porcas. Por iso, e para manter controlados aos porcos, Mario levantou na finca un peche perimetral con tela gandeira reforzada. A tela ten unha altura de 1,20 metros. Por dentro e por fora conta cun arame de pastor eléctrico a 30 centímetros de altura do chan para evitar a entrada do xabarín ou a saída dos porcos. Ademais, colocou un arame de pico a 1,50 metros para evitar a entrada do corzo e do lobo, tamén electrificado con pastor.

“Rota os porcos entre distintas partes da finca para evitar sobreexplotación”

Este peche perimetral supuxo o maior desembolso, uns 15.000 euros, que foi financiado cunha axuda da Consellería do Medio Rural e do Mar para explotacións gandeiras non prioritarias, é dicir, para aquelas que non teñen a actividade gandeira como principal fonte de ingresos.

Para completar, a instalación e xestionar esta parcela de fraga de forma sustentable, Mario instalou tamén varios peches internos para rotar os animais dentro da finca.

Unha vez construídas as instalacións, que se completan cun pendello para o refuxio dos animais, comedeiros, bebedeiros de chupón e un comedeiro para o penso, tocou esta primavera o último paso para o inicio da explotación: a entrada dos animais.

Para iso, mercou dúas porcas, de variedade Santiaguesa, e un macho da variedade Barcina a un criador certificado de Porco Celta de Castro de Rei (Lugo). A día de hoxe, na finca están 26 porcos de ceba, as dúas femias e o verrón. Neste sentido, Mario recoñece que “por superficie poderíamos ter unha carga gandeira maior, pero prefiro empezar cunha explotación de tipo reducido, cunha carga gandeira que sexa sustentable para o terreo e cun crecemento lento dos porcos”.

Control do penso para mellorar a rendibilidade e o sabor da carne

A alimentación é un dos aspectos que máis coida esta explotación xa que pode supor ata o 80% dos gastos variables dunha gandería de Porco Celta. Precisamente, na busca de máis rendibilidade, Mario realiza un racionamento do penso para buscar que o animal medre máis lentamente, en base aos recursos da finca, e con máis calidade da carne.

Así, Mario dálles de comer penso aos porcos soamente unha vez ao día, ás 9 da mañá, nun comedeiro pechado que se abre só durante 30 minutos, para desta forma ter controlada a cantidade de comida. En total, proporciónase arredor de 1 kg de penso diario por cebón, aínda que varía segundo a fase de crecemento. En concreto, elabora unha ración especial para os leitóns de ata 4 meses; outra para os de 4 a 10 meses e unha ración de finalización con aporte suplementario para os porcos de 10 a 14 meses.

 “O obxectivo é lograr unha carne de crecemento lento e de alta calidade”

O resto da alimentación proporciónaa a propia fraga en forma de landras, castañas, herba, raíces….. así como restos da horta familiar. Para finalizar a ceba, Mario ten previsto mercar castañas no outono para darlle máis sabor e valor á carne.

Deste xeito, os cebóns estarán na finca ata un máximo de 14-15 meses, momento no que se sacrificarán cun peso que chegue aos 120 kilos por canal.

Venda directa a particulares

Outro dos aspectos polos que aposta Mario para mellorar a rendibilidade é pola venda directa dos porcos cebados a particulares. “Vou intentar facer venda directa dos animais para este inverno, cun prezo prezo final que estará entre os 4 e os 4,5 euros/kilogramo”.

Mentres tanto, e alleos ao San Martiño que algún día lles chegará, os porcos de raza Celta de Mario Rouco fozan e corren ao aire libre polas carballeiras de Muras.

Mario coa súa piara de Porco Celta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información