Os bos prezos animan a plantar máis pataca na Limia

A superficie plantada prevese que se incremente un 10%, malia o incremento do prezo da pataca de sementeira. A plantación estase a adiantar case un mes respecto á pasada campaña

Publicidade
Os bos prezos animan a plantar máis pataca na Limia

Plantación de patacas na Limia

Os bos prezos da pataca na Limia nesta pasada campaña, con prezos que chegaron mesmo aos 40 céntimos o quilo, están a animar aos agricultores desta comarca a incrementar a superficie de cultivo, que este ano podería chegar ás 3.500 hectáreas, arredor dun 10% máis que o pasado ano.

Esta é a previsión que realiza Servando Álvarez director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Limia. O incremento da superficie de cultivo débese aos bos prezos acadados esta campaña, de media uns 30 céntimos, que chegaron a duplicar aos dun ano normal, algo que se explica pola caída da colleita de pataca en toda España e nos principais países produtores de Europa, sobre todo Francia e Alemaña, a causa das malas condicións climatolóxicas do pasado ano.

Esta carestía de tubérculo tamén está detrás do importante encarecemento da pataca de semente esta campaña. “A mala climatoloxía provocou que haxa menos pataca de semente nas rexións produtoras de Francia ou Bélxica e a que hai é de maior calibre. Esto fai que unha pataca da variedade Agria -a predominante na Limia- de calibre 28-35, a máis utilizada para plantación profesional, que o pasado ano estaba sobre 1,20 euros o quilo, este ano chegue a pagarse a 1,80 euros”, explica Servando Álvarez. E iso cando os agricultores logran facerse coas variedades desexadas, principalmente Agria e Kennebec, porque hai casos en que xa non a conseguen no almacenista. “Así nos atopamos que este ano vaise plantar unha cantidade elevada de novas variedades na Limia, por falta de semente, aproveitando restos doutras variedades do mercado”, engade Servando.

Na mesma liña, Anxo Pérez Rúa, responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca limiá, asegura que “hai unha queixa xeneralizada entre os agricultores da dificultade para atopar semente e dos prezos máis elevados porque hai quen se está aproveitando da escaseza”.

A sementeira adiántase case un mes con respecto a 2016

Así as cousas, e cunha previsión de adianto da sementeira polas boas condicións meteorolóxicas para a primeira quincena de abril -case un mes antes que o pasado ano- dous son os aspectos que máis preocupan ao director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Limia. “Por unha banda -explica- que, animados polos bos prezos do tubérculo nesta pasada campaña, está habendo xente non profesional que ten previsto plantar superficies importantes, de ata 10 hectáreas de pataca”.

Pero a máis importante son as precipitacións: “Os agricultores están plantando antes coa idea de sacar as patacas ao mercado no mes de agosto, cando está máis desabastecido, pero todo depende de que chova para que o cultivo de desarrolle e tamén para que suba o caudal do Limia e se poda regar en caso de necesidade”. “Pero tamén é necesario que non chova 20 días seguidos en abril ou maio porque podería prexudicar moito o cultivo”, advirte Servando.

Unha chuvia na súa xusta media durante este mes que tamén é necesaria para os cultivos de cereais da Limia. “Se chove algo en abril poderíamos ter unha colleita histórica de cereal”, subliña.

José Casales: “O problema é a semente fraudulenta que non pasa controis fitosanitarios”

José Casales Ramos é un dos principais produtores de pataca da provincia de Ourense, con plantacións en Xinzo, Verín e tamén en Portugal. A súa aposta é pola pataca de cedo da variedade Kennebec, que sae ao mercado nos meses de xullo e de agosto, cando os prezos e a demanda, en teoría son maiores.

Animado por uns prezos da pasada campaña que recoñece que “foron moi bos” este ano decidiu plantar 6 hectáreas máis: 8 en Portugal, que xa plantou; 15 en Verín, que rematará estes días de plantar, e outras 20 hectáreas en Xinzo que sementará nas próximas semanas.

“A sementeira este ano leva máis dun mes de adianto con respecto á pasada campaña”; asegura. En canto ás dificultades para atopar pataca de sementeira, recoñece que “no meu caso non tiven problema porque xa a tiña encargada dende hai meses en Escocia e en Francia”. “Para coller calidade e cantidade é fundamental unha boa semente, con todos os controis sanitarios, pois do contrario, cando se emprega semente fraudulenta, é cando empezan a aparecer os problemas de nematodos e demais enfermidades”, advirte.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información