Os axentes forestais perden autoridade no proxecto da Ley de Montes

A Unión de Fiscales Progresistas, Jueces para la Democracia e os colectivos de gardabosques advirten de que o cambio dificultaría a persecución de delitos ambientais de carácter penal, tales como incendios forestais

Os axentes forestais perden autoridade no proxecto da Ley de Montes

Mónica Ramos, Álvaro García, Alejandro Rodríguez e Rafael Cudeiro, na roda de prensa.

O proxecto de modificación da Ley de Montes estatal rebaixa a capacidade dos axentes forestais de perseguir delitos medioambientais, unha circunstancia que preocupa non só ó colectivo de profesionais do ramo senón tamén a fiscais e xuíces. “A función que viñan prestando os axentes forestais na investigación de ilícitos penais de carácter medioambiental é moi ben valorada en ámbitos xurídicos”, destaca Álvaro García, portavoz da Unión de Fiscales Progresistas, que compareceu onte en rolda de prensa en Santiago xunto con representantes dos axentes forestais para valorar o posible cambio da Ley de Montes.

A actual lexislación viña outorgándolle ós axentes forestais competencias de policía xudicial para a investigación, denuncia e recollida de probas nos delitos ambientais de carácter penal. En casos que van máis alá dunha simple infracción administrativa, como pode ser o furtivismo, o envelenamento de fauna ou os incendios forestais, os axentes forestais tiñan plena capacidade de actuación. De prosperar o cambio da Ley de Montes proposto polo Goberno, a partir de agora só poderían operar como auxiliares das forzas da orde, é dicir, terían que chamar ás forzas de seguridade para que levantasen atestado e investigasen os feitos a denunciar.

A posible perda de autoridade é criticada polos axentes, xa que consideran que dificultaría a persecución dos delitos medioambientais. “É unha incongruencia. Vivimos unha situación no medio rural con moitos roubos e delitos contra o patrimonio e é habitual que alcaldes e organizacións agrarias pidan unha maior dotación de efectivos para o rural. Se agora, nós temos que botar man da Guardia Civil para facer o traballo que xa viñamos facendo, van quedar máis desatendidos os problemas de seguridade pública e tamén se vai dificultar o traballo de investigación dos delitos ambientais –cuestiona Rafael Cudeiro, da Asociación Española de Agentes Forestales y Medioambientales-. “Daríase unha situación de duplicidade de medios sen ningún sentido práctico”.

Impacto en Galicia
O proxecto de reforma da Ley de Montes xa foi aprobado en consello de ministros no mes de xaneiro e está pendente de trámite parlamentario. En Galicia, o cambio afectaría a uns 550 axentes, 6.500 no conxunto de España. “Estamos a favor de que se estableza un denominador común competencial, xa que agora mesmo en cada autonomía temos unhas funcións diferentes e é positivo que a cidadanía teña claro a que nos adicamos e que facemos, pero estamos totalmente en contra de que se nos queira retirar a función de policía xudicial”, resume Alejandro Rodríguez, coordinador federal de axentes medioambientais de Comisións Obreiras.

Preguntados polas motivacións do posible cambio da Ley no tocante ós axentes forestais, Alejandro apunta que pode tratar de coartarse a “independencia que caracteriza a labor dos axentes forestais”. O temor a unha posible privatización futura do servizo ronda tamén entre os axentes, segundo indicou Mónica Ramos, da sectorial de UGT de axentes forestais.

Pola súa parte, o portavoz da Unión de Fiscales Progresistas, Álvaro García, considerou que o cambio da lei representa un paso atrás e destacou que o recoñecemento dos axentes como policía xudicial supón evidentes vantaxes na garantía e legalidade de determinadas actuacións, como a recollida de probas ou a elevación de denuncias pola vía do atestado. “Quizais non se tiveron en conta as consecuencias xurídicas do cambio”, sopesou Álvaro. “Trátase dun cambio que só beneficia ós delincuentes medioambientais”, concluiu Mónica Ramos.

Outros cambios da Ley de Montes
A modificación da Ley de Montes vén sendo polémica nas últimas semanas por distintas circunstancias. Unha das máis comentadas é a posibilidade que abre á construcción en terreos forestais queimados. O proxecto tamén elimina a prohibición de pastoreo en áreas queimadas. A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra fai neste artigo unha boa análise xeral dos cambios propostos para a Ley de Montes e neste outro analiza en particular a posibilidade de cambio de uso de terreos queimados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información