Os 5 mellores meles de Galicia premiados no I Concurso Mel 5 Estrelas

Os 5 mellores meles de Galicia premiados no I Concurso Mel 5 Estrelas

O I Concurso de Mel 5 Estrelas, que organizou este ano por primeira vez a Asociación Galega de Apicultura, co fin de valorizar os meles galegos, diversificar a produción e mellorar a información aos consumidores, emitiu o pasado 23 de novembro o fallo do xurado que seleccionou os Meles 5 Estrelas desta colleita do 2019.

O Comité de Cata do concurso estaba presidido por Antonio Gómez Pajuelo, experto consultor apícola de Castellón, cunha longa experiencia en catas de mel a nivel internacional, que dirixiu ó seguinte panel de cata: Joaquín Lozano, veterinario; Amparo Pardo, xerente Enredo do Abelleiro; Diego Sánchez, apicultor; Noela Torres, restauradora. O xurado encargouse de catar as 61 mostras seleccionadas, 25 de multifloral e 36 monoflorais, repartidas entre castiñeiro, eucalipto, queiroga e melato de carballo, unha variada e completa representación de meles de todo o noso territorio.

Listaxe de meles premiados

Os gañadores e gañadoras, todos eles socios de AGA, foron os seguintes: na categoría multifloral o premio foi para Iago Dorado López, de Baleira (Lugo); monofloral de castiñeiro a José Luis Alonso Lorenzo, de Vilardevós (Ourense); monofloral de eucalipto para Mª del Mar Brea Botana, de A Estrada (Pontevedra); monofloral de queiroga a Euromel S.C., de Quiroga (Lugo); monofloral de melato de carballo recaeu en David Souto Gago, de Riós (Ourense). A categoría de monofloral de silva quedou descuberta por falta de meles desta variedade.

O obxectivo principal deste concurso é valorizar os meles do país e promocionar e apoiar a comercialización dos meles premiados. Os gañadores recibirán unhas etiquetas co selo “Mel 5 Estrelas” para utilizar nos envases á venda do produto, que terá un prezo mínimo de 12 € o envase de 1 Kg e 7 € o de 1/2 Kg. Ademais, a Asociación Galega de Apicultura presentará os meles premiados a concursos de mel a nivel nacional e internacional. O acto de entrega dos diplomas certificativos terá lugar nun acto coincidindo co próximo Día do Apicultor, un evento que organiza tódolos anos a Asociación Galega de Apicultura en Arzúa, e que este ano será o día 1 de febreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información