As organizacións de produtores negociarán a venda de todo o leite dos seus socios

Agricultura decide fortalecer a posición das OPs no proxecto de reforma do paquete lácteo, que previsiblemente entrará en vigor este outono. O Ministerio retira a esixencia dunha fianza para os primeiros compradores, tras a recomendación en tal sentido de Competencia

As organizacións de produtores negociarán a venda de todo o leite dos seus socios

O decreto fortalecerá a capacidade de negociación dos gandeiros coas industrias.

As organizacións de produtores (OP) de leite pasarán a ter un papel clave nas negociacións dos contratos coas industrias, unha vez se aprobe en España o decreto de reforma do Paquete Lácteo. O novo Ministerio de Agricultura, encabezado por Luis Planas, xa lle trasladou ó sector un borrador do proxecto e prevé a súa entrada en vigor para este outono.

A principal novidade en relación ó decreto que anunciara o anterior equipo ministerial, hai un ano, é que se fortalece aínda máis a posición das organizacións de produtores. Todo o leite producido polos socios dunha OP terá que negociarse necesariamente a través da organización. A explotación socia emitirá un mandato exclusivo e vinculante para a negociación, o que implicará que renuncia a xestionar individualmente a súa produción.

No anterior proxecto, barallárase a opción de deixar que o socio dunha OP reservara parte da súa produción para negociala individualmente, pero finalmente Agricultura decidiu pechar esa opción, en consenso co sector, para fortalecer así o poder das organizacións de produtores ante as industrias.

En calquera caso, os socios poderán transferirlle ou non a propiedade do leite á organización de produtores. Se lle transfiran a propiedade, a OP poderá asinar os correspondentes contratos de suministro coas industrias no nome dos socios. Se non houbese transferencia da propiedade, a OP trasladaralle a cada gandeiro unha proposta de contrato para a súa sinatura.

En Galicia, a principal organización de produtores, Ulega, xestionada por Unións Agrarias, xa estaba ó comezo do verán á expectativa da aprobación do decreto de reforma do Paquete Lácteo, constituíndo comisións negociadoras con cada industria con participación directa das granxas socias.

Se as previsións de Agricultura se cumpren, o decreto podería estar en vigor este outono, co cal os contratos do 2019 negociaríanse xa a través das OPs.

Valoracións
Por parte de Unións Agrarias-Upa, considérase positivo o fortalecemento das organizacións de produtores. “As industrias non asumiron ata o de agora o papel negociador das OPs, así que é precisa a máxima regulación posible para fortalecer a negociación colectiva”, valora Román Santalla, secretario de gandería de Upa e responsable comarcal no Deza de Unións Agrarias.

“O produtor ten que dar un paso adiante e preguntarse se non é mellorable o prezo do leite a través dunha negociación colectiva” (Román Santalla, Unións Agrarias-Upa)

“Tamén o produtor ten que dar un paso adiante e preguntarse se non é mellorable a situación de prezos do leite a través dunha organización de produtores, que loxicamente terá que ser democrática e tomar as súas decisións de xeito transparente”, sinala Santalla.

Por último, o responsable de gandería de Upa plántealle unha reflexión ás industrias. “En Galicia temos un prezo varios céntimos por baixo do que se paga en España e en Europa. Se as industrias non toman unha conciencia clara de pagar un prezo do leite razonable, seguirán desaparecendo explotacións, o que á larga será tamén un problema para as propias industrias”, valora.

Sistema de mediación
Se non hai acordo entre as partes negociadoras, ben entre organizacións de produtores e industrias, ben entre explotacións individuais ou cooperativas e as industrias, Agricultura prevé a posta en marcha dun sistema de mediación entre as partes.

Con todo, igual que no anterior borrador de decreto, estipúlase que a mediación só se activará cando ambas partes estean de acordo, unha cuestión xa criticada no seu día polas organizacións agrarias, que pedían que a mediación se puidese activar unilateralmente.

Transmisión de datos dos primeiros compradores
O novo decreto regulará tamén a obriga de que os primeiros compradores de leite lle trasladen ó Ministerio información do prezo ó que lle venden o leite ás correspondentes industrias. Estes datos completan a información do resto da cadea, da que xa dispuña a Administración, co cal o Ministerio coñecerá os prezos de compra-venda que se rexistran en toda a cadea do leite, desde a granxa ata o supermercado. Iso permitirá en teoría detectar posibles irregularidades.

“Se non se lle esixe fianza ós primeiros compradores, seguirá habendo impagos a gandeiros. Teremos que mandarlle os casos a Competencia?” (Román Santalla)

Nun principio, estaba previsto tamén que o decreto regulase o depósito dunha fianza de 150.000 euros por parte dos primeiros compradores, a fin de que servira para afrontar posibles impagos ós gandeiros. Desde o sector agrario pedírase xa hai un ano que esa fianza fose maior, pero finalmente a Comisión Nacional da Competencia recomendou que se eliminase a petición de fianza, unha recomendación que o Ministerio tivo en conta, eliminando esa disposición.

A eliminación da fianza disgusta no sector agrario. “Se non hai fianza, haberá xente que quede sen cobrar. Así de claro. Tódolos días temos casos de impagos a gandeiros. Que facemos, mandámosllos á Comisión Nacional de Competencia?”, pregúntase Santalla.

Regulación temporal de queixos con denominación de orixe
O decreto de reforma do paquete lácteo prevé tamén a posibilidade de que nas denominacións de orixe de queixo, por petición maioritaria dos produtores, se poida facer unha regulación temporal da oferta de queixos, a fin de axeitala á demanda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información