As organizacións agrarias estudan mobilizacións pola caída do prezo do leite

O Sindicato Labrego pide a convocatoria en Galicia da Mesa do Leite, un foro en desuso nos últimos anos

As organizacións agrarias estudan mobilizacións pola caída do prezo do leite

O sector estase reactivando a nivel sindical polos baixos prezos do leite.

A caída dos prezos en orixe do leite nos últimos meses está xerando malestar entre as explotacións lácteas e xa se fala abertamente de mobilizacións. Tras unha nova baixada en decembro, que deixa o prezo medio en Galicia en menos de 32 céntimos o litro, o máis baixo do Estado, sucédense por todas as comarcas gandeiras asambleas de produtores das distintas organizacións do sector para abordar o problema dos prezos.

O Sindicato Labrego Galego (SLG), que se reuniu onte cun cento de produtores en Castro de Riberas de Lea, solicita unha inmediata convocatoria en Galicia da Mesa do Leite, un foro de encontro de industrias, produtores e administración que se mantén en desuso nos últimos anos. “Precísanse medidas de apoio de Medio Rural; o sector lácteo non pode quedar en mans do mercado”, critica o Sindicato. “De non producirse resposta da Administración, adoptamos o compromiso de iniciar actos reivindicativos”, advirte o SLG.

A reactivación sindical dos gandeiros tamén se percibe noutros colectivos do sector. Para mañá venres está prevista unha reunión en Lugo de Ulega, a organización de productores de Unións Agrarias, na que se abordará a actual situación de prezos e contratos.

“Pedimos un mediador obrigatorio para as negociacións coas industrias, pero non hai vontade” (Unións Agrarias)

Ulega, que agrupa a máis de 2.000 gandeiros, formouse hai un par de anos co obxectivo de negociar prezos e contratos en igualdade coa industria, pero lonxe de chegar a acordos, Ulega asegura que lle resulta complicado ata que as industrias se queiran sentar a negociar. “Para evitar este tipo de casos, pedimos do Ministerio de Agricultura a creación da figura dun mediador obrigatorio, pero vemos falta de iniciativa política para solucionar a situación”, consideran desde Unións Agrarias.

Así as cousas, o sector critica que prezos e contratos continúan a decidirse de xeito unilateral polas industrias. As noticias que chegan dos últimos contratos trimestrais que están recibindo as explotacións seguen na liña de baixos prezos: “Nas últimas semanas, estamos vendo que a maioría dos contratos móvense entre os 28 e os 30 céntimos por litro” -critica Manuel Iglesias, un gandeiro de Santa Comba que preside a Organización de Productores de Leche (OPL)-. “A baixada de prezos do leite en orixe está levando a unha crise de país, pois está producindo un empobrecemento xeralizado das comarcas gandeiras de Galicia”, valora.

“A caída do prezo do leite é unha crise de país; empobrece a todas as comarcas gandeiras” (Manuel Iglesias, OPL)

A OPL, unha entidade de ámbito estatal co núcleo en Galicia, foise convertindo nos últimos anos nunha referencia para explotacións lácteas de tamaño medio-grande que queren operar máis como organización empresarial e apolítica que como un sindicato agrario. Das últimas asambleas que celebrou a organización por distintos puntos da comunidade, Iglesias quédase coa “preocupación e desacougo” que manifestan os gandeiros ante a caída de prezos e o seu estado de contas.

A OPL ten solicitadas reunións con Administración e industrias para abordar os problemas, pero tamén considera as protestas como moi probables, “sempre contando coas outras organizacións do sector, que teñen un peso importante” -indica Iglesias-. “As explotacións somos a parte máis débil da cadea, xa que non temos capacidade para poñer prezos. Hai un problema na cadea de valor do leite, desde o prezo en orixe ó prezo da distribución final, e a Administración debe tomar medidas”, conclúe Manuel Iglesias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información